Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

As dimensións reducidas de cubículos e os corredores e as superficies incómodas ou esvaradías nas salas de espera, corredores e pasos laterais son dous dos principais indicadores negativos de benestar animal advertidos nas explotacións de vacún de leite da provincia de Lugo, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción, que vén de presentar Sonia Verdes Gil na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC).

A investigación de doutoramento desenvolvida por esta veterinaria chairega baixo a dirección dos profesores da USC Pedro García Herradón e Luis Quintela, apunta asemade que estes eivas afectan negativamente os animais, dado que se trata de deficiencias que poden provocar problemas de hixiene e tamén na súa saúde, ao tempo que teñen un impacto negativo na produtividade e nos ciclos de reprodución das vacas e, en consecuencia, na rendibilidade das explotacións de vacún de leite.

Publicidade

Debilidades e fortalezas das instalacións

A tese desenvolvida por Verdes Gil avalía as debilidades e fortalezas que presentan as granxas de vacún de leite da provincia de Lugo no plano do benestar animal, ao tempo que trata de definir os efectos que provocan nos animais as instalacións menos confortables e o incorrecto manexo das reses.  Para este estudo, a veterinaria chairega recolleu multitude de datos relativos a instalacións, manexo, saúde dos animais e capacidade reprodutiva e produtiva en case 200 explotacións.

A maioría das explotacións avaliadas amosan condicións axeitadas tanto no manexo dos animais como no mantemento das instalacións, sinala Verdes, quen tamén apunta aspectos susceptibles de mellora relativos ao deseño e aos materiais utilizados na súa construción. Os resultados acadados neste labor de investigación tamén resaltan a necesidade de establecer un plan de bioseguridade que teña en conta todos os posibles riscos e defina estratexias para previr enfermidades. Entre os principais aspectos a considerar, detalla a investigadora, está a introdución de novos animais, xa que poden ser portadores de enfermidades adquiridas na granxa de orixe, nos mercados ou durante o transporte. Para mitigar este risco, recoméndase dispoñer dun curral de corentena para evitar a propagación de posibles patóxenos.

Publicidade

As dimensións reducidas vincúlanse cunha alta incidencia de xoceiras, que afectou ao 19,3% das vacas do estudo

A avaliación cuantitativa do nivel de confort derivado das instalacións e manexo, a investigación constata unha diferenza de 33 puntos entre as granxas con mellores características e as peores. As granxas con mellores puntuacións destacan pola calidade do material das camas e o seu óptimo mantemento e limpeza, o que redunda en animais máis limpos e mellores taxas produtivas e de reprodución. Pola contra, nas explotacións peor cualificadas advírtense reses cunha hixiene deficiente nas patas e na ubre, unha menor taxa de detección de celo e unha produción de leite inferior. Asemade, a investigación asocia a limpeza das áreas de descanso e corredores cunha menor incidencia de enfermidades dos cascos e de mamites nas vacas, ao tempo que atribúe ás reducidas dimensións dos cubículos e dos pasillos e a elevada densidade de poboación unha alta incidencia de coxeiras, unha tipoloxía de lesión que presenta o 19,3% das vacas das explotacións obxecto da investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa