Unha investigadora galega deseña próteses en 3D para integrar no tecido óseo

Ana Mejuto vén de gañar un áccesit da Real Academia de Farmacia por un artigo da súa tese doutoral sobre implantes 3D

A evolución da medicina permite incorporar técnicas e tratamentos que hai uns anos serían inimaxinables. Os implantes óseos realizados por máquinas 3D son unha desas revolucións que nun futuro próximo poden facerse realidade nos hospitais galegos. Nalgunhas partes do mundo están a realizarse estudos sobre estas tecnoloxías que permiten deseñar implantes óseos personalizados a cada paciente. Unha das súas investigadoras é Ana Mejuto, do grupo I+D Farma da Universidade de Santiago (USC), que estuda o desenvolvemento de implantes óseos estériles mediante a combinación da impresión 3D e a tecnoloxía de fluídos supercríticos. Forma parte do seu traballo doutoral e un artigo sobre a súa investigación acaba de ser premiado pola Real Academia de Farmacia de Galicia.

Ana Mejuto, investigadora do proxecto.

“O que esperamos ao obter implantes por impresión 3D é unha maior facilidade na vida cotiá dos pacientes. Actualmente, os implantes de titanio presentan dende os primeiros días problemas na mobilidade”, explica Mejuto. Ademais, estes materiais estándar tamén presentan problemas de toxicidade. Na facultade de Farmacia empregan para a elaboración desta técnica unha tecnoloxía denominada fluídos supercríticos. Baséase no emprego de dióxido de carbono nunhas determinadas condicións para secar estes implantes que posúen unha base acuosa. Esta é unha das principais novidades que achega a investigación. “Foi un reto ser capaces de obter estes implantes cunha morfoloxía a medida e cunha estrutura interna que tivese diferentes tamaños de poro, que vai ser importante para promover que se forme tecido”, sinala Mejuto.  

Publicidade

Feitos con polímeros naturais

Nun hipotético futuro, se isto se chegase a implantar nos hospitais, o primeiro paso sería a realización dunha resonancia ou un TAC para coñecer as necesidades exactas do paciente. Durante este proceso obtense información para o deseño dun arquivo que poida ler a impresora. De momento, os investigadores de Santiago están a traballar coas propiedades dos seus implantes e valorando a complexidade da súa tecnoloxía. Son insertos biolóxicos feitos de polímeros naturais que permiten unha integración do tecido óseo co implante, por iso, sinala a investigadora, “son mellores que os de agora e dan menos problemas. Coa nosa técnica facemos un posprocesado, que é unha novidade, para a esterilización das próteses, que é unha condición na normativa actual”, continúa. Cando a técnica estea perfeccionada, comezarán as probas en animais. Os implantes en 3D estarán destinados a persoas que presenten unha fractura ósea ou con certas patoloxías en aumento como pode ser a obesidade, explica Mejuto.

Outros proxectos de impresión 3D en Galicia 

Actualmente existen outros traballos paralelos en Galicia que empregan a tecnoloxía 3D con finalidades médicas. O software M3DISEEN é un exemplo diso. Consiste nunha ferramenta baseada en intelixencia artificial para imprimir produtos farmacéuticos en tres dimensións. É un traballo difundido polo University College de Londres (UCL) pero cunha amplia participación galega: Álvaro Goyanes, impulsor da empresa FabRx e investigador no UCL e na USC, e Brais Muñiz, Gilberto Pérez e Pedro Cabalar, investigadores do IRLab, no Centro de Investigación TIC (CiTIC) da Universidade da Coruña. Segundo explican dende o proxecto, este traballo “demostra as capacidades da aprendizaxe automática para predicir múltiples parámetros clave no modelado de deposición fundida (FDM), unha das tecnoloxías de impresión 3D máis utilizadas en medicamentos personalizados”.

Publicidade

Álvaro Goyanes tamén lidera un proxecto baseado na impresión 3D que emprega a pantalla dun móbil para producir medicamentos. M3DIMAKER LUX é o nome da impresora que empregaron no estudo e podería poñerse en práctica na maioría de teléfonos actuais. O hipotético paciente recibiría unha resina de impresión personalizada co fármaco ou fármacos requiridos nunha solución fotosensible. Esta colocaríase no tanque da impresora e a aplicación móbil seleccionaría os parámetros para obter o tamaño e forma do medicamento para imprimir de acordo coa prescrición médica. Ao introducir o teléfono no lugar adaptado dentro da impresora, a luz da pantalla do teléfono produciría o medicamento final.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha terapia xénica creada en Galicia abre novas vías para tratar un dos tumores cerebrais máis agresivos

A investigadora Carla García Mazás recibe un premio da Real Academia de Farmacia polo seu innovador traballo na loita contra o glioblastoma

Pioneiras da bata branca: a historia das primeiras farmacéuticas de Galicia

Con motivo do Día Mundial do Farmacéutico, o catedrático en Historia da Farmacia Antonio González Bueno reconstrúe o percorrido académico, profesional e persoal daquelas que obtiveron o grao en Galicia antes da Guerra Civil

“Os implantes óseos de impresión 3D abren a posibilidade de formar novo tecido a longo prazo”

A investigadora da USC Ana Iglesias Mejuto obtén o premio á mellor tesis doutoral en polímeros polo seu traballo sobre aeroxeles para medicina rexenarativa

O CSIC consegue un avance clave para frear a dexeneración neuronal da enfermidade de Huntington

A activación dunha proteína no cerebro pode ser clave para frear o desenvolvemento desta doenza rara con poucas opcións terapéuticas