Domingo 28 Abril 2024

Os microplásticos poden alterar a maduración sexual do bacallau

Investigadores da UVigo detectan un aumento da expresión xénica de dous xenes que pode ter efectos a longo prazo

Un estudo liderado por investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, acaba de revelar que a contaminación por microplásticos pode perturbar a maduración sexual do bacallau atlántico (Gadus morhua). Os resultados da investigación acaban de ser publicados na revista Environmental Pollution nun artigo asinado por María Fernández e Pablo Presa, do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños, do CIM-UVigo, xunto con investigadores do Instituto Noruego de Investigación Alimentaria (Nofima) e as universidades Aarhus (Dinamarca) e Tromsø (Noruega).

A omnipresenza de microplásticos no medio mariño é xa un problema mundial. Consciente desta realidade a comunidade científica está a levar a cabo infinidade de estudos sobre as múltiples consecuencias que isto pode ter en centos de especies animais, incluídos peixes e mariscos, algúns tan importantes a nivel comercial como o propio bacallau. Nesta investigación avaliáronse os efectos da inclusión de microplásticos na dieta sobre a fisioloxía reprodutiva do bacallau e, se ben se determinou que a concentración de microplásticos empregada neste experimento pode non ser suficientemente alta como para provocar efectos biolóxicos observables a curto prazo, os perfís de expresión xénica observados suxiren que podería haber consecuencias a longo prazo dado o aumento esperado deste tipo de substancias nos ambientes mariños.

Publicidade

A parte experimental desenvolveuse en Noruega

Fotografía das larvas de bacallau durante a experimentación.

“Partimos da idea de que os peixes que inxiren microplásticos a través do alimento poderían ver afectada a súa función fisiolóxica, por exemplo, na alteración da produción e función de encimas, na redución da alimentación ou en fallas reprodutivas”, salienta María Fernández, autora principal do estudo. A parte experimental levouse a cabo entre xuño de 2017 e maio de 2018, coincidindo coa súa estancia predoutoral en Noruega, en cuxas augas se atopan as poboacións de bacallau máis grandes do mundo. “Dividimos os reprodutores de cría de bacallau en dous grupos, un alimentado con penso control e o outro con penso que contiña un 1% de microplástico”, explica a investigadora, quen tamén aclara que os ensaios se levaron a cabo durante os nove meses anteriores ao desove para ver os seus efectos na reprodución.

A inclusión de porcentaxes de microplásticos superiores ao 1% de elementos non nutricionais non sería recomendable, pois, a xuízo dos autores do estudo, podería ter efectos colaterais sobre o peixe, como por exemplo afectar a inxestión de alimento facendo que fose inviable o experimento. “Era importante ofrecer unha base nutricional común na dieta control e experimental para detectar os efectos diferenciais do microplástico”, salienta a investigadora, ao que engade que a porcentaxe deste tipo de refugallos na fauna mariña pode ser variable. No caso do bacallau existen exemplares costeiros que sofren unha alta exposición, debido á inxestión de plásticos de gran tamaño, pero hai outros que viven a maior parte da súa vida en mar aberto e soamente se achegan á costa a desovar, polo que a súa exposición aos microplásticos é moito menor.

A inxestión de microplásticos afectaría á reprodución 

A posterior análise xenética dos resultados desenvolveuse no Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños do CIM-UVigo. Unha vez analizados todos os datos non se atoparon diferenzas importantes entre os dous grupos de dieta na biometría (talla dos peixes) ou na histoloxía das gónadas e “a nivel reprodutor viuse que os niveis de esteroides sexuais aumentaron co paso do tempo, pero sen ningunha diferenza significativa entre tratamentos”, explica a investigadora. 

En canto á análise de xenes relacionados coa maduración sexual e a reprodución, o estudo amosou que os niveis de expresión xénica da encima esteroidoxénico 20β-hidroxiesteroide deshidroxenasa (20β-hsd) e viteloxenina1 (vtg1) presentaron diferenzas significativas entre tratamentos, con menor expresión no grupo control. “Este pode ser un efecto directo dos microplásticos introducidos na dieta, pero non se poden descartar completamente os efectos de alteración endócrina dos aditivos plásticos potencialmente lixiviables”, salienta a autora.  Así, estes encimas poderían, segundo se defende no artigo, ser indicadores da exposición a contaminantes que perturban a maduración sexual ao afectar á produción de esteroides que inducen principalmente a maduración. 

Seguir investigando os riscos destas substancias

A presenza de plásticos no medio mariño incrementouse de xeito claro nas últimas décadas, o que está ligado principalmente ao aumento do seu uso tanto a nivel doméstico ou industrial como en acuicultura. Presentes en todo o medio acuático, pero sobre todo nos portos e nas áreas costeiras industriais, a contaminación por microplásticos pode deberse á descomposición de partículas plásticas máis grandes (secundarias), pero tamén á súa liberación a partir de produtos de coidado persoal, medicamentos ou con augas residuais de lavandería. Desde o Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños do CIM-UVigo destacan neste sentido que “moita investigación en curso céntrase en estudar os efectos dos microplásticos que se canalizan ata varios niveis tróficos a través das cadeas alimentarias acuáticas, pero tamén é importante identificar os efectos a curto e/ou longo prazo sobre os recursos mariños”. 

Hai estudos que xa indican que as partículas plásticas poden aparecer no torrente sanguíneo dos humanos

Con respecto ás posibles consecuencias da inxesta de microplásticos por parte das persoas a través de peixes e mariscos, Fernández salienta que recentemente se publicou un estudo pioneiro de monitorización humana no que se demostrou que as partículas de plástico están dispoñibles para ser absorbidas polo torrente sanguíneo humano. “Isto indica que polo menos algunhas das partículas plásticas que entran en contacto cos humanos poden estar dispoñibles no torrente sanguíneo aínda que a taxa de eliminación a través do tracto biliar, do ril e a deposición nos órganos é máis lenta que a taxa de absorción no sangue”. Nesta liña, remarca “a necesidade de comprender mellor como afecta aos humanos e ao nosa contorna a exposición a estas substancias, así como o perigo asociado a esa exposición, para determinar se supón ou non un risco para a nosa saúde e a conservación da biodiversidade”.


Referencia: Effects of weathered polyethylene microplastic ingestion on sexual maturation, fecundity and egg quality in maturing broodstock Atlantic cod Gadus morhua (Publicado en Environmental Pollution)

Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica