A densidade de invertebrados é menor nas plantacións de eucalipto

Un estudo da UVigo revela que a diversidade de animais sen esqueleto é máis baixa nos cultivos da especie foránea que nos nativos

Un estudo liderado pola investigadora do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Raquel Juan Ovejero presenta novas evidencias sobre os efectos das plantacións de eucalipto no solo e, máis concretamente, nas comunidades de invertebrados, unha cuestión apenas analizada ata o de agora, pero que resulta fundamental para o correcto funcionamento dos ecosistemas. Entre outros datos, a investigación reflicte que a densidade destes animais é menor nos cultivos de eucalipto.

Con coautores das universidades de Coimbra, en Portugal, e Estadual de Santa Catarina no Brasil, os resultados da investigación acaban de publicarse na revista científica Land Degradation & Development e agárdase “que poidan axudar de  maneira notable ás persoas que se dedican á xestión forestal ao desenvolvemento de estratexias de xestión máis equilibradas, que procuren reducir os impactos ambientais das plantacións de eucaliptos e garantir a sustentabilidade dos ecosistemas a longo prazo”, salienta a investigadora principal.

Publicidade

Comparativa entre distintos tipos de plantacións

A través dunha meta-análise global que reuniu 26 estudos, o traballo comparou as plantacións de eucalipto con outros tipos de uso do solo, como bosques nativos e resto de plantacións forestais, pastos, sistemas agroforestais e matas invasoras de acacias.  “Os resultados indicaron que a densidade de invertebrados nas plantacións de eucalipto é menor que na maioría das outras plantacións forestais, pero máis alta ca nos pastos e no resto de sistemas agroforestais”, indica a autora.  

En canto á diversidade, Raquel Juan explica que foi máis baixa nas plantacións de eucalipto en comparación coas nativas, pero superior á observada noutras plantacións. A maiores, o estudo tamén revelou que os efectos das plantacións de eucalipto varían segundo o tipo de plantación forestal co que son comparados e segundo factores climáticos como a temperatura media anual ou as  precipitacións.

Publicidade

Datos “cruciais” para lograr unha xestión forestal máis sostible

Á vista destes resultados, a responsable da investigación considera “crucial” a integración desta información en futuros estudos sobre as propiedades físico-químicas do solo, a idade das árbores, os métodos de mostraxe e as prácticas de xestión forestal, para mellorar a comprensión dos efectos das plantacións de eucalipto sobre os invertebrados, o solo e a biodiversidade en xeral. “Son datos fundamentais para tomar decisións ben fundamentadas sobre o establecemento e xestión sostible destas plantacións, co obxectivo de reducir os impactos negativos e mellorar a saúde do solo”, recalca a investigadora.

Nesta liña, a especialista explica que “ao comprender mellor os impactos destas plantacións nestes organismos as persoas que se dedican á xestión forestal poden adoptar prácticas que minimicen os efectos negativos nos invertebrados e, consecuentemente, promover a saúde do solo e o mantemento das funcións ecolóxicas”. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos