Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade

A obesidade, que afecta a 650 millóns de persoas no mundo, inflúe no desenvolvemento de enfermidades cardiometabólicas e aumenta o risco de cancro. Un grupo de investigadoras, entre as que se atopan a galega Cintia Folgueira do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIC) e do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) descubriron unha das formas nas que o organismo queima a graxa de tipo marrón, ou graxa parda, e convértea en calor. Este mecanismo protexe contra a obesidade e contra as enfermidades metabólicas relacionadas coa mesma. 

Dirixido la xefa do Grupo de Interacción entre as Enfermidades Metabólicas do CNIO, Guadalupa Sabio, o estudo asegura que o mecanismo agora identificado está controlado pola proteína chamada MCJ, presente nas mitocondrias (os orgánulos da célula onde se produce enerxía). Sabio e Folgueira descubriron que, cando se elimina a proteína MCJ en ratos con obesidade, estes animais producen máis calor e perden peso. As investigadoras tamén conseguiron reducir o peso de ratos con obesidade só trasplantándolles graxa sen esa proteína.

Publicidade

Graxa parda e obesidade

A obesidade aparece ben por unha inxestión excesiva de alimentos, ou ben por un gasto enerxético total inadecuado. Hoxe sábese que o tecido adiposo –a graxa corporal–, ademais de almacenar enerxía, ten un papel crucial na xestión desa enerxía por parte do organismo. “O tecido adiposo é un órgano complexo que actúa de regulador do metabolismo de todo o corpo, e por tanto é probable que modular a súa función sexa unha vía para combater a obesidade”, escriben as autoras en Nature Communications

Hai dous tipos de tecido adiposo: o branco e o pardo. O tecido adiposo branco sobre todo almacena enerxía, mentres que a graxa parda –as súas células teñen máis mitocondrias e iso dálles un ton marrón– é responsable da xeración de calor ou termoxénese, o proceso que mantén a temperatura corporal e que se activa en resposta ao frío ou outros estímulos.

Publicidade

Diversos estudos na última década mostraron que activar a graxa parda protexe contra a obesidade e as enfermidades metabólicas. “Desde hai tempo –explica Sabio– pénsase que se podería previr a obesidade conseguindo que esta graxa gaste máis enerxía ao xerar calor. Así que o primeiro é entender o seu funcionamento”.

“Descubrir novos mecanismos de produción de calor na graxa parda é unha das dianas máis interesantes no estudo da obesidade”, asegura Sabio.

Como queimar graxa parda

Durante moito tempo pensouse que a graxa parda utilizaba un único mecanismo para xerar calor, pero hoxe sabemos que isto non é así. Os mecanismos son varios. A investigación liderada por Sabio e Folgueira descubriu un deles, controlado por unha proteína mitocondrial chamada MCJ. 

A investigación do CNIO descubriu que, cando se elimina a proteína MCJ en ratos con obesidade, os animais producen máis calor e perden peso. É máis, bastou trasplantar aos animais graxa parda sen a proteína MCJ para reducir o seu peso.

Evitar patoloxías asociadas á obesidade

As investigadoras observaron ademais “que os animais sen MCJ na graxa parda están protexidos fronte aos problemas de saúde que provoca a obesidade, como diabetes ou aumento de lípidos en sangue”, explican ambas as científicas. Por iso pensan que a proteína MCJ pode ser unha nova diana terapéutica para corrixir patoloxías asociadas á obesidade.

“Dita protección” explica a investigadora do CNIO Beatriz Cicuéndez, primeira autora do artigo, “débese á activación dunha vía de sinalización esencial para a adaptación a o estrés causadp pola obesidade. Esta vía provoca un aumento do consumo de graxas, azucres e proteínas, o que se coñece como catabolismo, para producir calor na graxa parda. É un mecanismo que tamén sucede en persoas cunha graxa parda moi activa”.

Bloquear a proteína MCJ en pacientes con obesidade

A investigación busca agora desenvolver unha terapia para bloquear esta proteína en pacientes con obesidade, pero para iso primeiro deben investigar se a proteína MCJ ten funcións vitais noutros tecidos. Ao mesmo tempo, comenta Guadalupe Sabio, “estamos a tentar ver se estes cambios na graxa afectan o crecemento tumoral ou á caquexia –perda de músculo e graxa– que aparece tamén ás veces relacionada co cancro”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de máis de oito metros

Meteogalicia acende o máximo aviso para o mércores, o laranxa para o resto do litoral e o amarelo en terra por abundantes precipitacións

Investigadoras galegas demostran que as queimas prescritas axudan os solos a resistir os incendios

Un estudo da Universidade de Vigo avala o procedemento como unha estratexia de xestión forestal sostible

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña