Descobren unha molécula que regula os niveis de glicosa en sangue

A hormona FGF1 podería servir para deseñar novas terapias contra a diabetes, incluso para aquelas persoas con resistencia á insulina

Hai 100 anos, un achado revolucionario conseguiu salvar a vida de millóns de persoas. O descubrimento da insulina marcou o camiño da esperanza para os doentes de diabetes. Dende ese momento, a insulina é considerada o medio principal para tratar aquelas doenzas caracterizadas por altos niveis de azucre en sangue. Máis dun século despois parece que se abren novas vías. Científicos estadounidenses acaban de descubrir unha segunda molécula, producida no tecido graxo, que tamén regula de forma rápida e potente os niveis de glicosa. Isto podería servir para desenvolver novas terapias para tratar a diabetes, evitando a resistencia á insulina.

Máis polo miúdo, os investigadores do Instituto Salk, en California, descubriron que a hormona FGF1 regula a glicosa no sangue cando inhibe a degradación de graxas. Tanto a insulina como FGF1 controlan os niveis de glicosa, pero fano de maneiras diferentes. Por iso se abre unha vía esperanzadora para aqueles doentes que mostran resistencia á insulina. “Identificamos un novo xogador na regulación da lipólise de graxas que nos axudará a comprender como se xestionan as reservas de enerxía no corpo”, indica un dos investigadores principais, Ronald Evans.

Publicidade

A resistencia á insulina

Nas persoas con resistencia á insulina, a glicosa non se elimina de maneira eficiente do sangue. Increméntanse, aínda máis, os seus niveis, algo característico das persoas con diabetes e obsesidade. Científicos do Instituto Salk xa conseguiran demostrar que unha inxección de FGF1 reducía de maneira drástica os niveis de glicosa en ratos e que un tratamento con esta hormona aliviaba a resistencia á insulina. No estudo actual, publicado en Cell Metabolism, o equipo demostrou que FGF1 suprime a lipólise e regula a produción de glucosa no fígado, de igual modo que o fai a insulina. Porén, non empregan as mesmas vías de regulación.

O achado desta vía abre novas oportunidades para o descubrimento de fármacos. “A capacidade única de FGF1 para inducir unha diminución sostida de glicosa en ratos diabéticos resistentes á insulina é unha ruta terapéutica prometedora para os pacientes diabéticos. Esperamos que a comprensión desta vía conduza a mellores tratamentos para os pacientes con esta doenza”, di un dos investigadores principais, Michael Downes.

Publicidade


Referencia: FGF1 and insulin control lipolysis by convergent pathways. (Publicado en Cell Metabolism)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados

Un equipo galego valida un sistema de IA para predicir o risco de desenvolver diabetes

GluFormer é produto dunha investigación internacional que acaba de publicar a revista 'Nature' e que conta coa participación da USC

O equipo galego que desafía a diabetes tipo 1: “O diagnóstico é demoledor”

O equipo de Iria Gómez Touriño investiga as causas da enfermidade autoinmune e busca novos fármacos orais

A carga glicémica dos alimentos predí como varía o azucre en sangue tras as comidas

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiado (IDIS) analizou a resposta glicémica en 514 adultos