Volven as candorcas: menos interaccións con barcos pero cun comportamento pouco usual

Corrubedo rexistra o primeiro encontro da tempada entre unha embarcación e os cetáceos que, dende 2020, se achegan cada vez máis á costa

Xa hai candorcas en Galicia. Un barco tivo a primeira interacción cunha delas no que vai de ano na zona de Corrubedo, segundo rexistrou GT Orca Atlántica. O comportamento pouco usual destes animais nos últimos anos é aínda máis difícil de predicir este 2025. Malia que o número de interaccións desde xaneiro a xullo se reduciron aproximadamente entre un 50% e un 60% con respecto aos anos anteriores, o seu comportamento segue a ser fóra do normal, apuntan desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Neste momento, os expertos apuntan a que as candorcas poderían estar dirixíndose xa ao golfo de Biscaia cunha rapidez maior á habitual. Porén, os expertos avisan de que é difícil de predicir que ocorrerá, porque cada ano é diferente. No 2020 as candorcas comezaron a achegarse máis á costa. A causa forma parte do seu comportamento natural: intentar conseguir as súas presas, os atúns.

Publicidade

O normal sería que as candorcas comezasen a subir desde o sur en xullo e que aparecesen en agosto en Galicia. Iso si, pasando moi lonxe da costa. “Todo o que ocorreu desde o ano 2020 non ten nada de regularidade, pasan por zonas diferentes cada vez”, explican desde CEMMA.

Perseguindo os atúns

A causa é o alimento. A forma na que se pesca atún na actualidade tamén ten un calendario que podería afectar os ciclos das candorcas. As migracións son menos reguladas que antes, e o número de interaccións varía ano tras ano. No último verán reduciuse, aínda que catro delas se introduciron na ría de Arousa. Neste 2025 é aínda pronto para confirmar nada, pero parece que non quedarán moito tempo polas costas galegas.

Publicidade

As candorcas non son animais perigosos para os humanos. De feito, non se rexistrou nunca unha morte causada por un animal desta especie en estado salvaxe. Si houbo incidentes con estes cetáceos debido ao estrés e ás condicións que sufriron en ambientes pechados. É o caso de Tilikum, que estivo implicada na morte de tres persoas tras ser mantida en catividade e castigada sen comida nin interaccións se non acataba as ordes dos seus xefes. Normalmente, a súa presenza nas costas galegas só pode implicar algunha interacción cos barcos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro