Un equipo galego patenta un sistema para detectar a orixe do radon en interiores

O método consta de sensores móbiles e estáticos dentro dun vehículo autónomo que percorre as instalacións e mide as concentracións de gas en distintos lugares

O radon é un gas radioactivo natural que pode acumularse en espazos pechados e supón un risco importante para a saúde, especialmente pola súa relación co cancro de pulmón. Galicia, pola súa xeoloxía, é unha das rexións con maiores niveis potenciais de radon en España. Un equipo das universidades da Coruña e Vigo, así como do Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín, patentou un sistema e método de localización de fontes emisoras de radon en interiores que permite identificar con precisión as entradas do gas ionizante en edificios.

Seguindo o rastro invisible: localizar para protexer

Segundo explican dende a UDC, o sistema localiza de forma rápida e precisa os puntos de emisión, e combina sensores móbiles e estáticos cun vehículo autónomo que percorre as instalacións e mide a concentración do gas en distintos lugares. Un algoritmo de interpolación espacial sérvese da krigeaxe (kriging) para procesar as lecturas e guiar o vehículo cara á fonte emisora. Tamén utiliza campás móbiles que illan os sensores do aire en movemento, para garantir que cada medición sexa precisa. Isto permite xerar mapas detallados e detectar rapidamente fisuras ou puntos de entrada do gas.

Publicidade

Saber exactamente por onde entra o radon permite aplicar medidas directas e eficaces como selar gretas e instalar barreiras ou sistemas de ventilación localizados. Así protéxese mellor a saúde e optimízanse o tempo e os recursos.

Unir forzas contra o radon

A concesión desta patente xorde do proxecto RnMod (PICUD 2022-03), dedicado a desenvolver modelos preditivos do comportamento do radon en edificios e estratexias de mitigación. A iniciativa conta con financiamento do CUD-ENM, da UVigo e do Campus Industrial de Ferrol da UDC.

Publicidade

Na UDC, o desenvolvemento correu a cargo de persoal investigador do Grupo de Enxeñaría Mixto (GEM): María Isabel Lamas e Juan José Cartelle; e de José Antonio Orosa. Completan o equipo Miguel Ángel Gómez, do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) da UVigo; e Arturo González, do Grupo de Enxeñería Térmica e Ambiental (InTeam) do CUD-ENM.

Este avance tecnolóxico proporciona unha ferramenta eficaz, autónoma e precisa para protexer a saúde en interiores, e pode empregarse tanto en vivendas como en edificios públicos e industriais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta é a situación de Ponteareas no mapa do risco de radon

A Consellería de Sanidade pecha temporalmente a planta soto do centro de saúde municipal e reorganiza o persoal tras detectar niveis elevados do gas canceríxeno

A Xunta clausura a planta soto do centro de saúde de Ponteareas pola elevada concentración de radon

O gas está catalogado como canceríxeno e está vinculado causalmente ao cancro de pulmón

Un estudo da USC demostra a eficiencia da ventilación forzada fronte ao radon

O gas dunha edificación experimental situada sobre unha antiga mina de uranio logrou baixar máis de 8.000 Bq/m³, en tan só unha hora, tras aplicar configuración mecánica

O mapa actualizado do radon revela que o 91% dos concellos galegos rexistran niveis elevados do gas canceríxeno

Só tres municipios están libres do elemento radioactivo que pode provocar enfermidades respiratorias como o cancro de pulmón