Esta é a situación de Ponteareas no mapa do risco de radon

A Consellería de Sanidade pecha temporalmente a planta soto do centro de saúde municipal e reorganiza o persoal tras detectar niveis elevados do gas canceríxeno

O radon é un gas radioactivo que se produce na cadea de desintegración do uranio-238, e tende a acumularse en vivendas e espazos de traballo, sobre todo nas plantas baixas. De feito, a Xunta vén de pechar temporalmente o soto do centro de saúde de Ponteareas tras detectar niveis elevados deste gas, o que derivou nunha reorganización das consultas e dos profesionais. Segundo a cartografía do radon elaborada polo Consello de Seguridade Nuclear (CSN), Ponteareas é unha zona de actuación prioritaria polas altas concentracións do gas canceríxeno, que está vinculado causalmente co cancro de pulmón. Galicia, en xeral, é unha das zonas da península con máis potencial de radon polo predominio das rochas graníticas, ricas en uranio.

O CSN elaborou dous mapas clave sobre o gas. O primeiro é sobre o potencial do radon, creado tras máis de 12.000 medidas en vivendas. “Todos os edificios conteñen este gas en concentracións habitualmente baixas. Non obstante, existen zonas xeográficas nas que, debido á súa xeoloxía, é máis probable atopar edificios con niveis elevados”, sinala do CSN. É o caso de Ponteareas, un dos concellos nos que unha porcentaxe significativa de edificios residenciais presenta concentracións superiores aos 300 Bq/m3, o nivel de referencia máximo establecido pola lexislación.

Publicidade

Outro dos mapas do CSN tamén ofrece pistas sobre a situación de Ponteareas, onde se sinalan zonas de actuación prioritaria. “A poboación que reside en plantas baixas ou primeiras está exposta, en promedio, a unha concentración duns 200 bq/m3 —case tres veces máis alta que o promedio para o resto de zonas—, e máis dun 10% dos edificios presenta niveis superiores aos 300 bq/m3”, sinala o CSN. Non obstante, a institución advirte que o indicador máis fiable do risco de radon son as medicións directas, que no caso do centro de saúde de Ponteareas xa indicaron concentracións elevadas do gas.

Amais disto, o CSN matiza que as medicións realizadas para a elaboración dos mapas tomáronse en plantas baixas ou, se estas non están habitadas, na primeira planta, polo que non representan directamente a exposición da poboación. “En xeral, o risco asociado ás plantas subterráneas é maior que o que reflicten os mapas, mentres que é inferior —en razón dun 20% menos por planta— nos pisos altos”, sinala o CSN. O obxectivo deste tipo de ferramentas visuais é orientar as comunidades autónomas e municipios expostos a poñer en marcha estratexias de prevención, polas que se protexa a cidadanía ou os profesionais expostos a altas concentracións do gas canceríxeno.

Publicidade

Mapa por concellos das zonas de actuación prioritaria segundo a concentración de radon. Foto: CSN

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

A USC lidera a creación do primeiro protocolo de vixilancia da saúde dos traballadores expostos a radon

O documento, elaborado por encargo do Ministerio de Sanidade, é pioneiro en Europa con recomendacións para o seguimento sanitario

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite