Galicia lidera os ránkings de radon no país. Dos 313 concellos galegos, apenas 3 están libres deste gas, 26 aparecen clasificados como Zona 1 segundo a última actualización do mapa realizado polo Consello de Seguridade Nacional (CSN), mentres que o resto se sitúan como Zona 2. Isto é máis do 91% do total, unha cota máis alta que calquera outra comunidade autónoma. Outras rexións con medicións elevadas deste gas radioactivo son Estremadura e Castela e León, especialmente nas provincias de Salamanca e Zamora. Non é algo que ocorra en todo o país: en rexións como na Comunidade Valenciana, o seu impacto é mínimo.
A clasificación da maior parte de Galicia como zona 2 ten unha serie de implicacións. O seu rexistro implica que a medición supera os 300 becquerelios por metro cúbico, perigoso cando a exposición é constante. Cando nos espazos pechados se pasa este limiar, os lugares de traballo que estean situados baixo rasante ou en plantas baixas deben realizar medicións para asegurar que os seus niveis non sexan perigosos e utilizar novas medidas como mellorar a ventilación. Cando se superan valores máis elevados, como superiores os 600 becquerelios por metro cúbico, a súa exposición é especialmente perigosa e debe implantarse un sistema de mitigación.
Os puntos con mellores medicións en Galicia son lugares de interior situados nas provincias de Lugo e Ourense, aínda que A Coruña rexistra os únicos tres concellos sen risco por radon. Trátanse de Sobrado, Cerdido e As Somozas. Os outros lugares teñen unha clasificación de zona 1. Por exemplo, Pol, Folgoso do Courel, Castrelo do Val, Laza e o Barco de Valdeorras. Na Coruña só hai tres concellos con esta clasificación: San Sadurniño, Melide e Moeche. En Pontevedra, só O Rosal e Salvaterra de Miño.
Causante do cancro de pulmón
O radon é un gas radioactivo natural procedente da cadea de desintegración do uranio-238 e está presente na natureza. Polo xeral non provoca niveis de concentracións elevados ao aire libre, pero si se acumula no interior de edificios, sobre todo cando estes teñen solos permeables ou un alto contido de radio-226. É inodoro, incoloro e insípido.
Cando hai altas concentracións de radon, é recomendable tomar medidas de precaución. Niveis altos poden provocar problemas respiratorios e outras doenzas importantes como cancro de pulmón. O radon, segundo explican desde a Organización Mundial da Saúde, emana facilmente do solo e pasa ao aire, onde se desintegra e emite outras partículas radioactivas. Ao respirar inhálanse e permanecen nas células que recobren as vías respiratorias, onde poden danar o ADN.
“Os estudos realizados achegan importante evidencia sobre o efecto da exposición ao radon no risco de cancro de pulmón en suxeitos nunca fumadores”, explica o catedrático da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela Alberto Ruano para Science Media Centre. Segundo a OMS, o radon pode provocar entre un 3% e o 14% dos casos de cancro de pulmón a nivel nacional.
Centros públicos afectados
As institucións públicas non se salvan da contaminación por radon. Actualmente, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, en Pontevedra, permanece clausurado por altos niveis desta radiación. O museo, que de por si ten dificultades de atraer a visitantes (a súa media anual sitúase por baixo dos 16 por día) sufriu as consecuencias de estar situado baixo terra e o desafío que supón ventilar un espazo coma ese.
Non é o único caso de espazo público que rexistrou problemas por radon. En 2014, a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña detectou valores que superaban nalgúns laboratorios os 4.700 becquerelios por metro cúbico. Concretamente, dos cinco laboratorios, só un estaba por baixo dos 300 becquerelios mentres que o resto superaban os 1.000. “Coas medidas mitigadoras realizadas conseguiuse diminuír a concentración de radon entre o 50% e o 90%, obtendo resultados en consecuencia cos doutros autores”, explica o estudo realizado na revista científica Informes de la Construcción.















Hola estou interesado en saber a porcentaxe de gas radón no Concello de Maside en Ourense ,asi como se o sábrego contén o dito gas …en caso de non sabelo vostedes onde o podería saber ?¿? …grazas