Radón, o gas doméstico invisible que provoca cancro

    "O gas penetra nas vivendas por gretas, fisuras ou xuntas mal seladas e pode alcanzar concentracións perigosas en vivendas e lugares de traballo"

    O gas pode penetrar a través de gretas e fisuras. Crédito: Shutterstock / Tenebroso
    O gas pode penetrar a través de gretas e fisuras. Crédito: Shutterstock / Tenebroso

     *Un artigo de 

    A Carmen diagnosticáronlle un cancro pulmonar hai 3 anos, cando acababa de cumprir 63. Recibiu sorprendida o diagnóstico, pois nin ela nin o seu marido Pepe fumaran nunca.

    Publicidade

    Indagando acerca das posibles causas atopou que na zona onde vivía, na serra de Guadarrama, había elevadas concentracións dun gas denominado radón, incoloro, inodoro e insípido. Encargou unha medición a un Laboratorio Acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e descubriu sorprendida que na súa vivenda había unha concentración de 1.200 becquerelios por metro cúbico (Bq/m3). Aquilo superaba en catro veces a concentración máxima establecida por unha Directiva Europea publicada no ano 2014.

    Carmen quedou máis impactada se cabe cando se decatou de que o Goberno de España non traspuxo esa directiva 3 anos despois de que vencese o prazo obrigatorio para iso. Rapidamente, contactou cunha empresa especializada que logrou diminuír a concentración de radón de forma significativa, a 150 Bq/m3.

    Un gas carcinóxeno perigoso

    É sorprendente o pouco coñecemento que existe acerca deste gas por parte da poboación española. Como sorprende tamén a inacción da maior parte de administracións públicas deste país.

    Hai pouco coñecemento sobre o gas radón entre a poboación española

    O gas radón é un gas radioactivo que procede da descomposición do Radio 226 que está presente en todas as rocas da cortiza terrestre. Este gas penetra nas vivendas por gretas, fisuras ou xuntas mal seladas e pode alcanzar concentracións perigosas en vivendas e lugares de traballo situados en zonas de risco.

    En España, esas zonas son as fundamentalmente graníticas, xa que o granito contén moito Uranio e Radio —do que procede o radón—. As zonas de España con maior risco caracterizounas adecuadamente o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) nun Mapa con 12.000 medicións en vivendas, no que participou o Laboratorio de Radón de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela. Segundo o CSN, que é a autoridade nacional en protección radiolóxica, o 70% de Galicia, o 47% de Estremadura e o 36% de Madrid, teñen alta probabilidade de presentar concentracións elevadas de gas radón.

    Mapa do potencial de radon en España. Consello de Seguridade Nuclear
    Mapa do potencial de radon en España. Consello de Seguridade Nuclear

    O gas radón foi declarado carcinóxeno humano en 1988 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro e a OMS estableceu que é o segundo factor de risco de cancro de pulmón en fumadores e o máis importante entre os nunca fumadores.

    Cando é perigoso?

    En 2009 publicouse un informe da Organización Mundial de Saúde (OMS), no que participaba o noso grupo, que concluía que idealmente non se deben superar os 100 Bq/m3 e en ningún caso os 300 Bq/m3. Esta recomendación baséase en evidencia científica sólida publicada no estudo máis citado sobre radón e cancro de pulmón (British Medical Journal, 2005) que incluíu máis de 21.000 participantes, observando un risco lineal entre a exposición a radón e o risco de cancro de pulmón.

    Chegados a este punto, é importante tamén subliñar que existe unha importante interacción entre o radón e o consumo de tabaco. Concretamente, os fumadores expostos a concentracións elevadas de gas radón multiplican as posibilidades de desenvolver este cancro.

    Buscando o inimigo invisible

    En 2014, a Axencia Internacional de Investigación en Cancro indicaba no Código Europeo Contra o Cancro que a medición de gas radón nas vivendas debería promoverse para reducir a probabilidade de desenvolver cancro de pulmón nun futuro. A medición é sinxela e barata, e debe facela un Laboratorio Acreditado.

    Doutra banda, existe evidencia científica forte obtida en diferentes estudos realizados polo noso grupo coa colaboración de numerosos hospitais sobre o risco de cancro de pulmón nos suxeitos expostos a gas radón en España, tanto en fumadores como en nunca fumadores. O último deles, publicado en 2020, incluía máis de 3.700 participantes de varias comunidades autónomas.

    Porcentaxe de medidas de máis de 200 Bq/ m3 por municipio* (número de municipios). Seguindo pautas internacionais, as áreas territoriais distribúense segundo a porcentaxe de casas por encima do nivel de referencia (200 Bq/ m3 ou 300 Bq/ m3), o límite que se recomenda non exceder: Risco baixo estanse por baixo do 5%; risco medio se se sitúa entre o 5 e o 10%; e risco alto se superan o 10% de domicilios con máis dese nivel. Radon. gal
    Porcentaxe de medidas de máis de 200 Bq/ m3 por municipio* (número de municipios). Seguindo pautas internacionais, as áreas territoriais distribúense segundo a porcentaxe de casas por encima do nivel de referencia (200 Bq/ m3 ou 300 Bq/ m3), o límite que se recomenda non exceder: Risco baixo estanse por baixo do 5%; risco medio se se sitúa entre o 5 e o 10%; e risco alto se superan o 10% de domicilios con máis dese nivel. Radon. gal

    Do mesmo xeito que o radón pode concentrarse nas vivendas, tamén se acumula en postos de traballo situados en zonas de risco e chegamos a rexistrar ata 7.000 Bq/m3 en lugares de traballo. Un estudo que realizamos en colaboración con ISTAS, de Comisións Obreiras, e que é o maior publicado en España este ámbito, calculou que o 27% dos postos de traballo superaban os 300 Bq/m3.

    Finalmente, hai que recalcar a importancia do mapeo das zonas de risco. En Galicia, o noso Laboratorio comezou en 2001 o Mapa de Radón de Galicia, que conta con 4.300 medicións en vivendas e proximamente será ampliado a 5.000 medicións. Aínda así, son necesarias moitas máis medicións en toda España para mellorar a caracterización da exposición a radón.

    Mentres tanto, Carmen é tratada no Hospital Puerta de Hierro. Está contenta, porque está en boas mans. Ademais, xa avisou as súas veciñas da urbanización para que, antes de que a historia se repita, traten de pescudar se na súa casa pode haber unha elevada concentración de radón, o inimigo invisible.


    *Alberto Ruano é profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela.

    Cláusula de divulgación: Alberto Ruano Raviña é codirector do Laboratorio de Radón de Galicia, aínda que non recibe compensación económica por este labor. Alberto Ruano Raviña recibiu fondos de investigación competitivos do Instituto de Ssalud Carlos III e da Sociedade Española de Neumología para analizar o efecto do radón sobre diversas condicións de saúde.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.