Publicidade

O primeiro computador cuántico de Galicia: estas son as chaves para entendelo

A recente adquisición do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) pode ter aplicacións en ámbitos como a saúde e a intelixencia artificial

O 6 de marzo o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) anunciaba a adquisición dun computador cuántico por 13,9 millóns de euros da man de Fujitsu, unha compañía xaponesa centrada nas tecnoloxías da información e da comunicación. GCiencia debulla da man do director xeral do Cesga, Lois Orosa Nogueira, algunhas das chaves desta nova ferramenta, que se converterá “nun dos primeiros computadores cuánticos do sur de Europa e de España, senón o primeiro”.

Que é un computador cuántico?

Para poder entender as múltiples aplicacións desta ferramenta, primeiro cabe destacar as súas diferenzas coa computación tradicional. Mentres que os supercomputadores clásicos están baseados nunha lóxica binaria de 1 e 0, “fenómenos físicos clásicos”, como os denomina Orosa, no caso da nova adquisición do Cesga esta ten unha “maneira de funcionar baseada en fenómenos físicos cuánticos”. Así, no primeiro caso, “a unidade de información son os bits, é dicir, 0 e 1. Nun computador cuántico temos os cúbits, que non só son 0 e 1, senón que poden ser unha superposición destes”.

Publicidade

Desta forma, tal e como sinala Orosa, “podemos avaliar moitas combinacións de solucións ao mesmo tempo, o que se coñece como paralelismo cuántico”, algo que pode chegar a ser inviable utilizando a computación clásica “por cuestión de tempos ou porque consumiría moitísima enerxía para resolver un problema”. 

Moito do potencial teórico da computación cuántica aínda require de investigación e demostración práctica

Isto non só afecta o seu funcionamento, senón que tamén supón un reto na súa programación, tal e como manifesta o director do Cesga: “Hai conceptos cuánticos que hai que comprender, como o entrelazado e a superposición. Son cousas complexas que requiren de formación e dun proceso de aprendizaxe para as persoas acostumadas a programar computadores clásicos. Non o chamamos aínda supercomputador simplemente polas súas dimensións”.

Publicidade

Con todo, tamén advirte de que “a día de hoxe un computador cuántico non pode resolver todos os problemas”, senón que é algo que mostra potencial na teoría. Así, afirma que “na práctica hai pouco tempo que se comezaron a implementar este tipo de computadores, polo que aínda está por demostrar”.

Para que serve?

Actualmente, o Cesga conta cun supercomputador clásico, o Finisterrae III, “utilizado principalmente polas universidades para resolver multitude de problemas de áreas moi diversas. Hai tantos problemas como persoas investigadoras temos. É tecnoloxía súper asentada e que, cos seus máis e os seus menos, a xente sabe utilizar”, explica Orosa.

Por outra banda, a nova adquisición do Cesga, aínda pendente de recibir un nome propio, é “unha tecnoloxía que está moi verde. Este computador estará orientado a atopar casos de uso, tanto no caso da investigación como no caso das empresas. Vai ser o primeiro que imos ter no centro e será un dos primeiros computadores cuánticos do sur de Europa e de España, senón o primeiro, xa que en Barcelona e no País Vasco tamén están adquirindo os seus”.

O computador estará orientado a atopar casos de uso, tanto na investigación como nas empresas

Así, para o director do Cesga hai dous obxectivos claros no que respecta a esta nova ferramenta. Por unha banda, fortalecer a comunidade da computación cuántica de Galicia, fomentando a formación do persoal nesta liña e que as empresas tamén vexan as utilidades. Alén, isto tamén fomentará a investigación arredor deste novo modelo, podendo atopar novas aplicacións.

“Nós estamos envoltos nun proxecto europeo no que se están deseñando unha serie de test en diversas áreas, por exemplo, para deseñar algoritmos que contribúan á diagnose de cancro de mama, ao descubrimento de fármacos ou ao procesamento da linguaxe natural. Tamén hai unha rama que está investigando algoritmos de intelixencia artificial para cuántica que son moi prometedores”, manifesta Orosa.

Por que Fujitsu?

Tras a avaliación de varias ofertas no que respecta a esta nova adquisición, o director do Cesga sinala que a da compañía xaponesa foi a mellor valorada polos técnicos responsables: “Este computador ten 32 cúbits, o número máis elevado das opcións que se presentaron. Tamén se tiveron en conta outras características ou parámetros que a fixeron a mellor oferta. Alén, tamén hai unha serie de sistemas que veñen asociados a este computador, como o almacenamento para gardar resultados das operacións”.

Máis aló das particularidades desta ferramenta, o contrato coa compañía tamén inclúe a contratación de varias persoas para traballar nesta liña e unha serie de accións publicitarias, de formación en empresas e de colaboración coas universidades galegas. Con respecto a este último punto, Orosa manifesta que “aínda está pendente de materializarse, mais probablemente sexa a través de proxectos en común, por exemplo a través de teses doutorais. Fujitsu ten bastantes persoas traballando en computación cuántica e a idea tamén é aproveitarnos dese coñecemento desde aquí”.

Por que agora?

A licitación desta adquisición foi aberta en xullo de 2022 a través dos fondos do programa React UE, concretamente nos Fedes Galicia 2014-2020. Con todo, para Orosa a chave non está só na oportunidade de financiamento, senón que este era o momento axeitado para introducirse nesta área.

Hai moito por facer e iso pode verse como un problema ou como unha oportunidade. Nós somos dos segundos. Queremos contribuír ao desenvolvemento deste ecosistema en Galicia, en España e no resto do mundo. O computador é case unha escusa ou unha motivación para involucrar o resto do ecosistema para crear coñecemento, construíndo algoritmos e atopando casos de uso. É dicir, que Galicia teña unha base forte de coñecemento para poder aproveitar o momento cando esta tecnoloxía estea madura”.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Problemas de sono? Un proxecto galego usa IA e computación cuántica para a súa diagnose

Unha colaboración entre o CITIC e o Cesga busca solucións máis eficientes para estudar os trastornos relacionados co durmir

Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa

Premio internacional para Carballo, o modelo lingüístico de IA creado na USC

O sistema utilizou máis de 6.000 millóns de palabras entre o galego e o portugués, dando prioridade ás variedades lingüísticas pouco representadas nos actuais modelos multilingües

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas