Tan só miden uns milímetros, pero a información que conteñen ten un valor incalculable. Pese ao seu reducido tamaño, un equipo de arqueólogos recolleu grans de centeo (Secale cereale) nas escavacións de catro xacementos do sur de Galicia e do norte de Portugal. As posteriores análises demostraron o fito: é o centeo máis antigo da península ibérica, datado na Idade de Ferro. Máis en concreto, entre o século III a.C. e a primeira metade do século I a.C. Así o demostrou un estudo capitaneado dende o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos (Cibio) da Universidade do Porto, que acaba de ser publicado na revista PLoS ONE, e que contou coa participación dos arqueólogos galegos Andrés Teira-Brión e María Martín-Seijo.
“Un dos conxuntos que se estudaron foi o castro do Castelo Pequeno de Santigoso, na Mezquita. De feito, é un dos dous xacementos que dan as cronoloxías máis antigas”, explica a investigadora galega, que traballa actualmente na Universidade de Cantabria. Segundo continúa apuntando, a escavación de Santigoso —o único conxunto galego do estudo— partiu como iniciativa do Concello. “Están buscando manter o cultivo do centeo, que era tradicional nesa zona porque se empregaba para teitar as casas. É unha casualidade?”, reflexiona Martín-Seijo, ante o achado dos centeos máis antigos, precisamente, nesa área. Para a investigadora, isto demostra que o cultivo do centeo é unha tradición tan antiga como arraigada na Mezquita sobre todo agora, que cada vez se cultivan menos cereais ante a falta de demanda.
Os outros tres xacementos que se estudaron foron Freixo-Tongobriga, no Marco de Canaveses; Crastoeiro, no Mondim de Basto; e Castro de San Domingos, en Lousada; todos eles situados no norte de Portugal. Xunto ao de Santigoso, foron os catro conxuntos arqueolóxicos nos que se atoparon grans de centeo que posteriormente se analizaron en laboratorio. Primeiro, cunha serie de datacións de radiocarbono e, despois, coa aplicación de análises estatísticas que confirmaron a cronoloxía. Aínda que a investigación principal se fixo no Cibio, ao abeiro da tese de doutoramento de Luís Seabra, tamén contou coa participación da School of Archaeology da Universidade de Oxford, onde traballa Teira-Brión, e a Universidade de Cantabria, onde investiga Martín-Seijo. Tamén contribuíron outros centros de Porto, Coímbra e Lisboa.
A orixe desta investigación hai que buscala, precisamente, nos estudos previos de Seabra. Hai oito anos, mentres cursaba un máster, analizou un conxunto de froitos e sementes recollidos en Crastoeiro, localizado no Monte Fariña ou máis popularmente coñecido como Alto da Señora da Graza. As análises por radiocarbono deron a chave, ao demostrar que os centeos recollidos nese xacemento estaban datados na Idade do Ferro. Porén, sen outros achados cos que poder comparar, era difícil extraer conclusións significativas. E, sobre todo, que desen información clave sobre a agricultura nesa rexión. Polo tanto, ao abeiro da súa tese de doutoramento, Seabra seguiu buscando e analizando outros conxuntos arqueolóxicos e arqueobotánicos ata atopar o que estaba a procurar.
Consideración de “mala herba”
Esta última investigación demostra, efectivamente, que os grans de centeo atopados teñen unha cronoloxía máis antiga do que se pensaba. Porén, di Seabra: “Os datos obtidos non aclaran de todo se estes primeiros vestixios obedecen ao cultivo real desta especie ou se o centeo que se atopou era unha mala herba doutros cereais, como a espelta, moi cultivada na rexión durante ese período”. Malia que trataron de dilucidar a cuestión, cun estudo pormenorizado dos contextos arqueolóxicos nos que foran recollidos os grans de centeo, así como con estudos biométricos para achar modificacións do cereal, non chegaron a ningún resultado concluínte. No estudo tan só se pode asegurar que “os grans de centeo só aumentan significativamente de dimensión a partir da Idade Media”.
“Os primeiros vestixios non aclaran se o centeo tivo un cultivo real ou era unha mala herba doutros cereais”
LUÍS SEABRA, autor principal do estudo
Ante a falta de datos máis concretos, o estudo suxire que o centeo foi introducido inadvertidamente como unha mala herba durante a Idade do Ferro, comezando o seu “cultivo efectivo” na época tardorromana. É dicir, entre finais do século II e o século IV d.C. Unha hipótese que, segundo defenden dende o Cibio, se debe a que nas cronoloxías máis antigas —como a dos catro xacementos a estudo—, o centeo semellaba ser esporádico e secundario fronte a outros cereais. Posteriormente, estivo ausente preto de dous séculos, ata que rexurdiu ao final do século II ou inicios do III, o que apoiaría a teoría defendida dentro o centro de investigación portugués.
Recollida de mostras arqueobotánicas
Este estudo tamén serve para demostrar a importancia de recoller as mostras arqueobotánicas, como os grans de centeo. Unha práctica que, segundo Martín-Seijo, non é tan habitual. “A súa recuperación pode cambiar a imaxe que tiñamos da agricultura. Neste caso, da Idade do Ferro. Ata agora, propoñiamos un retrato que partía de referencias indirectas pero, agora que temos mostras e as analizamos, xorden outras conclusións. Por exemplo, o achado do centeo máis antigo da península”, afirma a investigadora galega. Porén, critica que a recollida destas mostras non sexa habitual nas escavacións arqueolóxicas e lembra que todo o que non se recupera, desaparece. “Esta investigación demostra que cando hai unha preocupación que vai do xacemento ao laboratorio, podemos obter información de moita calidade”, asegura Martín-Seijo.
“Non sabemos da importancia que ten unha especie se non a recollemos”
MARÍA MARTÍN SEIJO, investigadora da Universidade de Cantabria e coautora do estudo
Segundo continúa explicando, nos manuais da cultura castrexa da Idade do Ferro está moi representada a silvicultura e, especialmente, as landras. “Por que ocorre iso? Evidentemende porque teñen un centímetro de tamaño e vense a simple vista”, expón a coautora do estudo. Porén, ela reclama que hai outros cultivos que tamén se deron nese mesmo contexto e que, pola contra, non se recolleron, sobre todo por ter sementes máis pequenas, como o centeo. “Non sabemos da importancia que ten unha especie, se se corresponde con esa realidade, se non a recollemos”, advirte. E finaliza asegurando que, de igual modo que apareceron os centeos máis antigos en Santigoso, pode haber outros castros da zona que tamén os alberguen. O clima e a longa tradición no seu cultivo non son, dende logo, exclusivos dun só asentamento.
Referencia: The introduction and spread of rye (Secale cereale) in the Iberian Peninsula (Publicado en PLoS ONE)
Coido que o piñeiro en Galiza tén algo de romántico
porque se cadra había poucos .
O chamado piñeiro galego é o da repoboación que foi introducido exnovo .
Seguro que en Galiza pode que houbera algún piñeiro
manso , moito máis bonito que os introducidos .
Habería que apoiar ás cerdeiras , as nogueiras , os
castiñeiros , e os carballos .
Melloralos e ir buscando os terreos axeitados e ir conquerindo ás melloras das distintas especies …