Segundo o Consello de Dentistas de España, o bruxismo é o diagnóstico odontolóxico que máis aumentou desde a pandemia, chegando case a cuadriplicarse: a súa incidencia entre a poboación pasou do 6% ao 23%.
Esteamos ou non afectados, todos sabemos o que supón basicamente esta conduta —apertar ou renxer os dentes—, pero nos últimos anos o concepto cambiou e agora clasifícase en dúas entidades ben diferenciadas: o bruxismo do sono e o bruxismo de vixilia. E pódense abordar como dous fenómenos independentes, aínda que ás veces aparezan de forma conxunta.
Mentres que o primeiro xorde de forma involuntaria mentres durmimos, o segundo maniféstase cando estamos espertos. Neste último caso, a persoa pode ser consciente do comportamento e, por conseguinte, poñerlle fin.
Dous fenómenos distintos
Actualmente, o bruxismo do sono defínese como “unha actividade da musculatura masticatoria rítmica ou non rítmica que non é un trastorno do movemento ou do sono en individuos sans”. E o de vixilia como “unha actividade da musculatura masticatoria durante a vixilia caracterizada polo contacto dental sostido ou repetitivo ou por tensión ou empuxe da mandíbula”. Que tampouco é un trastorno do movemento en individuos sans.
Noutras palabras, ao que popularmente consideramos apertar os dentes cando durmimos (xa sexa de noite ou de día) chamariámoslle bruxismo de sono, mentres que a tensión na mandíbula, contacto dental ou apertamento cando estamos espertos sería bruxismo de vixilia.
Aínda que as dúas definicións parece que aluden a condutas moi similares, a súa etioloxía, función e maneira de abordalas son distintas.
Nalgúns contextos clínicos, ambas as modalidades poden considerarse un factor de risco ou un signo dunha enfermidade subxacente. Por exemplo, dores de cabeza (cefaleas e hemicrania) ou trastornos temporomandibulares, os que afectan á articulación da mandíbula e os músculos que controlan o seu movemento. E sempre cabe a posibilidade de que deriven en consecuencias negativas: poden producir desgaste e fracturas dentais, así como dor muscular ou articular.
E se fose beneficioso?
De calquera forma, as investigacións actuais implican outra modificación importante na concepción do bruxismo: xa non se considera unha patoloxía, senón unha simple actividade motora. É dicir, non ten por que ser prexudicial en si mesma.
En primeiro lugar, un estudo de 2020 concluíu que o bruxismo de vixilia podería constituír un mecanismo de escape ao estrés. E en segundo lugar, o que se produce mentres durmimos parece estar relacionado co refluxo gástrico e a apnea obstrutiva do sono (pausas respiratorias durante o descanso nocturno). Algúns autores propoñen que podería exercer un papel protector fronte aos efectos de ambos os trastornos.
O factor psicolóxico
En canto á etioloxía ou orixe deste comportamento, aínda non está de todo claro, pero identificáronse factores de risco como o alcol, a nicotina, as drogas recreativas, a cafeína, algúns fármacos, a ansiedade ou o estrés. Parece que a tensión emocional desempeña un papel importante, sobre todo, no bruxismo de vixilia. De feito, considérase o principal causante.
Nesta liña, un estudo recente levado a cabo por investigadores da Facultade de Odontoloxía da Universidade Complutense de Madrid comparou mostras de participantes antes, durante e despois da pandemia do covid-19. Segundo as súas conclusións, o bruxismo do sono e de vixilia poderían verse influídos por distintos estados de ansiedade: mentres que o primeiro se relacionaría co estrés pasivo —asociar a preocupación ou indefensión—, o de vixilia parece vincularse en maior medida á actividade diúrna inmediata.
Este mesmo equipo atopou nun traballo previo que os bruxistas que contemplaban vídeos negativos estresantes e con escenas de dor presentaban maior tensión muscular que os participantes non bruxistas. Esta relación apoia a vinculación do estrés máis inmediato e cotián co bruxismo de vixilia.
Técnicas de prevención
Por tanto, e aínda que o bruxismo de vixilia pode constituír un mecanismo de escape ao estrés, pódese previr aprendendo a detectar o hábito —co obxecto de reducir a tensión muscular— e, despois, diminuíndo os niveis de estrés mediante técnicas de relaxación e de afrontamento.
Quizá por todo iso, un dos tratamentos máis efectivos é o chamado biofeedback. Consiste en que os pacientes aprendan a identificar e a reducir a tensión muscular adoptando unha postura de repouso mandibular grazas á utilización dun electromiógrafo, aparello que mide a actividade eléctrica dos músculos.
Moitas persoas ignoran que para que a mandíbula estea relaxada e en repouso non debe haber contacto dental, tal e como se deduce da definición máis arriba descrita. O mero feito de ser consciente diso e tentar corrixilo reduce a incidencia do bruxismo.
Recentemente desenvolvéronse aplicacións móbiles para alcanzar eses dous obxectivos. Con todo, non adoitan estar suficientemente optimizadas e resultan tediosas.
Quizá a forma máis sinxela de detectar que apertamos os dentes é poñer post-it en lugares visibles (pantalla do ordenador, espello etc.) que nolo lembren. E dado que o estrés está presente de forma crónica na nosa vida, realizar habitualmente técnicas de relaxación e control desa tensión, aquelas que menos nos custe facer.
*Laura Jiménez Ortega é profesora do departamento de Psicobioloxía e Metodoloxía en Ciencias do Comportamento da Universidade Complutense de Madrid. Eva Willaert Jiménez-Pajarero é profesora asociada de Próteses e Disfunción Craneomandibular da Universitat de Barcelona. María García González é profesora de Odontoloxía da Universidade Europea.
Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.
Resume do estudo que se nome no artigo:
«Conclusion
There is no scientific evidence to support a conclusive relationship between SB and OSA»
…