A tan só dous días do fenómeno astronómico que moverá visitantes de todas partes do mundo, as administracións públicas, asociacións astronómicas e organizacións científicas son conscientes do seu papel para garantir que o público poida vivir unha experiencia informada este vindeiro mércores, cando, dadas as 20:28 minutos (con variacións segundo a zona), o día se torne noite e, por uns segundos, a escuridade coroe a contorna. Por iso, as semanas pasadas (os meses, en realidade) estiveron marcadas por múltiples actividades formativas dirixidas a centros escolares, afeccionados á observación astral, especialistas en física solar, etc.
Na recta final de cara á eclipse, as campañas de formación —e, no caso dos profesionais da visión, de prevención de danos oculares— perden intensidade e dan paso a propostas culturais e sociais enfocadas na observación. En múltiples puntos de Galicia hai iniciativas fomentadas tanto polas administracións como pola veciñanza que teñen como obxectivo organizar unha velada na que a eclipse se poida desfrutar en grupo, como un evento comunal que vai máis alá dun episodio astronómico. Este é un repaso dalgunhas das actividades principais programadas para o día 12 de agosto nas catro provincias galegas. Mais, seguindo as recomendacións oficiais das autoridades, cómpre lembrar que se agarda unha importante afluencia humana e vehicular e que, en consecuencia, o máis óptimo é evitar desprazamentos longos en coche.
A Coruña, un destino musical
A provincia da Coruña será a porta de entrada da eclipse, non só para Galicia, senón para Europa enteira. O primeiro contacto visual entre o Sol e a Lúa producirase ás 19:31 horas e a ocultación do disco solar acadará a súa totalidade en torno ás 20:28 horas, con pequenas variacións en función do lugar de observación específico. A fase de eclipse total superará o minuto de duración en múltiples puntos do territorio coruñés; logo, volverase ver a parcialidade ata as 21:22 horas, cando os astros se separarán por completo e, con iso, porán fin a dúas horas dun espectáculo astronómico único.
Para conmemorar este evento, A Coruña ofrece unha programación musical composta por catro concertos que se celebrarán ás 21:30 horas en distintos puntos da provincia. Susana Seivane actuará no Paseo de Calafigueira do Concello de Fisterra, Treixadura farao no lago das Pontes, o grupo musical Milladoiro tomará a Alameda de Esteiro do Concello de Muros e Luar na Lubre animará a esplanada da praia da Frouxeira do Concello de Valdoviño. A capital coruñesa tamén contará coas achegas musicais da orquestra Los Satélites e da Banda Municipal de Música de A Coruña, que interpretará bandas sonoras de filmes con temática espacial para completar o ambiente do evento.
Así mesmo, a cidade da Coruña habilitará tres puntos de observación que contarán cun dispositivo de tráfico especial e aparcadoiros disuasorios. Estes miradoiros estarán no Portiño, o Parque de Bens e o Monte de San Pedro, e poderán localizarse nun visor interactivo provisto na web municipal. Ademais, haberá puntos especiais para que cada barrio e cada distrito teña espazos de visualización propios.
As exposicións sobre a eclipse, concentradas na Coruña
Para quen busque unha actividade formativa, pode visitar a exposición Luces na escuridade. Da eclipse ás marabillas do universo, dispoñible na Sede Afundación de A Coruña ata o 22 de agosto. Esta mostra, realizada en colaboración coa Asociación Galega de Astrofotografía AGA Polaris, amosa 23 imaxes de astrofotógrafos que achegan o público á perspectiva científica dos fenómenos astronómicos.
Tamén a sede coruñesa do MUNCYT (o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) ofrecerá unha exposición divulgativa desenvolta pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Chámase A nosa estrela: a eclipse total de Sol 2026 e explica que é o fenómeno, por que é único e que se pode agardar del este mércores.
A Casa das Ciencias non conta cun observatorio, pero está equipado cun planetario no que se ofrece a experiencia inmersiva 3clipse, un documental no que participan 35 planetarios, museos e centros de ciencia de España e Portugal, e que busca achegar a audiencia ás tres eclipses que se sucederán no territorio nacional entre este mércores e xaneiro de 2028.
Actividades programadas para Lugo
Lugo ofrece, segundo a ferramenta interactiva Umbra, algúns dos mellores enclaves para observar a eclipse. A maiores dos miradoiros que cada persoa poida escoller, a capital lucense habilitará dous espazos para que a poboación poida reunirse durante o evento: serán o adarve da Muralla de Lugo (entre as portas de Bispo Odoario e Bispo Aguirre) e o Parque de Rosalía de Castro, onde se instalarán telescopios e prismáticos solares para visualizar a superficie do Sol durante a eclipse. Ademais, como acontecerá na Coruña, repartiranse lentes homologadas de balde para poder experimentar este fenómeno de forma segura, dado que non se debe mirar o Sol de xeito directo. Tan só se poden retirar estas lentes durante a totalidade (cunha cobertura do 100% do Sol, nunca antes).
Por outra banda, a iniciativa Luz in Tenebris, organizada por ÓptimaCultura, ofrecerá un percorrido guiado no que se profundará no valor artístico e científico do evento.
Ourense e Pontevedra, a medio camiño entre a parcialidade e a totalidade
O noreste da provincia ourensá poderá experimentar a eclipse total por uns segundos, mais o resto do territorio quedará unha franxa de penumbra na que o fenómeno será só parcial. O Concello de Ourense colabora coa Asociación Astronómica de Ourense para organizar a observación conxunta dende o Parque Botánico de Ourense (Montealegre) a partir das 19:30, coincidindo co inicio da parcialidade. Nesta xuntanza repartiranse lentes homologadas e material divulgativo preparado pola asociación.
Na provincia de Pontevedra a eclipse será parcial, agás por un pequeno espazo ao norte. En Vilagarcía realizarase un encontro para desfrutar do evento no Parque da Compostela, onde a música ambiental e unha charla divulgativa acompañarán a experiencia. En Lalín tamén poderá verse a eclipse en grupo, nunha xornada de visualización no lugar de Alperiz (Altar do Sol), un enclave megalítico. O evento virá acompañado das explicacións do arqueólogo Víctor García e rematará cunha actuación de artistas musicais entre os que se atopan as Fillas de Cassandra. E o Concello de Rodeiro celebrará unha acampada xuvenil na que, como anunciou na súa conta de Facebook, se poderá observar o fenómeno no medio da natureza.
A eclipse dende os observatorios
Galicia conta con cinco centros de observación astronómica de referencia: o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, en Santiago de Compostela; o Centro Astronómico Trevinca, en A Veiga; o Observatorio Astronómico Corgas, en Taboadela; o Observatorio Astronómico de Cotobade, en Cercedo; e o Observatorio Astronómico de Forcarei.
O coordinador científico do Ramón María Aller, José Ángel Docobo, e a docente da USC Paula Cambeses narrarán en directo a eclipse total nun evento no que contarán coas vivencias transmitidas por satélite dos concellos de Lalín e Ribadeo, sendo este último o enclave galego no que a totalidade terá unha duración maior (de 1 minuto e 49 segundos).
Os observatorios centraron os seus esforzos na divulgación previa á eclipse, non na experiencia da propia xornada. Isto, sumado a que non todos se atopan na franxa de totalidade, explica que boa parte dos observatorios galegos decidan remitir a súa actividade durante a tarde do 12 de agosto. No caso do Observatorio de Focarei, por exemplo, o concello levará os asistentes ata as inmediacións do edificio para observar a eclipse, pero este permanecerá pechado.














