O próximo 12 de agosto terá lugar o primeiro eclipse solar total visible dende a Península Ibérica en máis de 100 anos, un fenómeno que ademais de espectacular ofrece unha oportunidade única para a divulgación científica en directo.
Con todo, para observalo e fotografalo con seguridade, é esencial usar filtros solares certificados. Non é preciso gastar moito diñeiro para o filtro fotográfico: dende a axencia SINC, elaboraron un empregando unha lámina de filtro certificado e materiais de fácil obtención. Este é o proceso paso a paso, explicado polo fotógrafo e colaborador de SINC Alejandro Muñoz.
Un filtro solar caseiro por menos de 20 euros
Para facer o filtro, partiron dunha lámina de filtro solar certificado —no caso da axencia, a Baader ECO—, que se pode mercar en moitas tendas de astronomía e que vén co seu propio patrón de corte. O resto dos materiais son básicos: unha cartolina, un rotulador, cinta americana, tesoiras ou un coitelo de manualidades, e o propio obxectivo que vaiamos usar como plantilla.
A montaxe é sinxela: hai que usar a lente para marcar o diámetro na folla e logo recortar o portafiltro. Despois hai que adaptar un anel de cartón para formar o corpo da tapa e suxeitalo arredor do obxectivo con cinta americana. Enriba diso, debe colocarse a folla no seu marco, asegurándose de que quede tensa, sen pregamentos nin fendas, e sélase todo con cinta para evitar que entre luz sen filtrar.
O resultado é un filtro certificado, económico e totalmente seguro, apto para calquera cámara e obxectivo, sempre que este non sexa máis grande ca lámina. Con todo, antes de usalo o día do eclipse convén probalo na casa apuntándoo ao Sol para asegurarse de que non entre luz por ningún lado e de que non teña riscadas nin danos.
Consellos para fotografar a eclipse con éxito
Ademais do filtro, hai algunhas claves para sacarlle o máximo partido á fotografía da eclipse. Pódese optar tanto por un grande angular como por un teleobxectivo ou un telescopio. En calquera caso hai que colocarlle o filtro solar.
O astrofotógrafo Daniel López tamén explica como facer un filtro e dá algúns consellos para a experiencia. Recomenda usar un teleobxectivo para capturar como a Lúa vai ‘mordendo’ o Sol, pouco a pouco, con exposicións rápidas, e só cando comece a totalidade retirar o filtro para poder fotografar a coroa solar con exposicións de varios segundos.
“A imaxe do disco solar totalmente eclipsado, coa coroa, as estrelas e os planetas visibles, é un dos momentos máis espectaculares que se poden fotografar”, recoñece Daniel López, colaborador habitual do Instituto de Astrofísica das Illas Canarias (IAC).
Outra das recomendacións de López é programar as cámaras para que disparen automaticamente cada certo tempo mentres se desfruta da eclipse visualmente. Deste xeito, despois pódese montar todo ese material nun time-lapse de poucos segundos.
Hai que lembrar que nunca se debe mirar directamente o Sol sen protección certificada, nin a través da cámara sen filtros específicos.














