As eclipses causan admiración e cambian o aspecto dos dous obxectos máis grandes do ceo: o Sol e a Lúa. Así, o vindeiro 12 de agosto, unha eclipse solar total percorrerá Groenlandia, Islandia, o norte de Rusia, o océano Atlántico, España e un pequeno rincón de Portugal. Dentro da súa banda de totalidade, onde o satélite fará unha cobertura completa da superficie solar, atópase Galicia, dando a benvida á eclipse en Europa. Moitos outros lugares do hemisferio norte vivirán un fenómeno parcial ese mesmo día: o norte de Estados Unidos —dende Alaska ata Carolina do Norte—, a meirande parte de Canadá e Europa, e o noroeste de África.
A raíz deste fenómeno, a NASA reúne na súa páxina web toda a información relevante sobre eclipses e, concretamente, sobre a eclipse total de Sol do 12 de agosto. Estas son as claves e respostas ás principais incógnitas.
Guía para ver unha eclipse solar
O que se poderá ver durante a eclipse solar dependerá das condicións meteorolóxicas —sobre todo, a nubosidade— e do lugar dende onde se mire. Con todo, existen etapas distintas do fenómeno; en total, son seis: unha eclipse parcial, franxas de sombra, as coñecidas como perlas de Baily —puntos de luz que brillan arredor dos bordes da Lúa, a medida que pasa diante do Sol—, o anel de diamantes —cando as perlas comezan a desaparecer, finalmente só queda un punto brillante ao longo do borde da sombra da Lúa— e, finalmente, a chegada da totalidade coa súa coroa solar.
A seguridade
A importancia recae tamén sobre a seguridade dos individuos a causa da perigosidade de mirar directamente o Sol, xa que pode producir unha queimadura na retina con efectos irreversibles. Por iso, débense empregar lentes de eclipse baixo a normativa internacional ISO 12312-2, agás durante a breve fase total dunha eclipse solar total, que en Galicia chegará a un máximo de un minuto e 47 segundos en Mañón (A Coruña). No caso de estar rotos, perforados ou danados, débese desbotar o dispositivo.
Para observar a eclipse dende unha cámara, prismáticos ou un telescopio débese empregar un filtro solar especial para ese propósito que estea suxeito de forma segura sobre a parte frontal do dispositivo óptico. Con todo, non se debe mirar a través da lente mentres se usan os anteollos, xa que os raios solares concentrados atravesarán e queimarán o filtro, entrarán nos ollos e causarán lesións graves.
En caso de non contar con lentes para eclipse, pódense empregar métodos de observación indirecta: o uso dunha caixa estenopeica, por exemplo, creará unha imaxe do Sol en calquera superficie onde se poda ver a secuencia dunha eclipse solar.
Canto dura unha eclipse solar total?
As eclipses totais de Sol poden durar entre 10 segundos ata sete minutos e medio. Nun lapso de 12.000 anos, o fenómeno máis longo ocorrerá o 16 de xullo de 2186 e durará sete minutos e 29 segundos, pasando por países como Colombia e Venezuela. Con todo, a eclipse máis curta ocorreu o 3 de febreiro do ano 919 e durou somente nove segundos. De media, a eclipse do 12 de agosto permitirá observar a totalidade durante un minuto e medio.
Por que non ocorren eclipses en cada lúa nova?
A órbita da Lúa está “inclinada” en relación coa liña Sol-Terra. A consecuencia disto, ás veces a sombra da Lúa está demasiado alta sobre a Terra ou demasiado baixa. Mentres que, no caso do 12 de agosto, estará no lugar preciso.
Por que se estudan as eclipses solares?
Dende a NASA, estudan as eclipses solares por diferentes razóns. Unha delas é o coñecemento da parte máis intensa da coroa, a atmosfera externa do Sol, que só se pode ver durante as eclipses totais de Sol. O seu estudo é fundamental para responder ás preguntas fundamentais sobre como a calor e a enerxía se transfieren do Sol ao vento solar, que é a corrente constante de partículas que o Sol lanza ao sistema solar. Isto pode afectar á tecnoloxía na Terra e aos astronautas no espazo, polo que comprender como o vento solar se acelera no Sol pode axudar a predicir os seus impactos no planeta.
Ademais, brindan a oportunidade de estudar a atmosfera da Terra en condicións pouco usuais. Unha eclipse solar cambia a iluminación da Terra e da súa atmosfera nunha rexión comparativamente pequena que está cuberta pola atmosfera da Lúa. Así, permite estudar os efectos do Sol na atmosfera, especialmente na parte superior, onde a enerxía do Sol crea unha capa de partículas cargadas coñecida como ionosfera. É importante, pois alberga moitos satélites na órbita terrestre baixa, así como sinais de comunicacións, o que pode impactar sobre a tecnoloxía e os sistemas de comunicación.
A eclipse non só é importante pola súa observación, senón por todo o que conleva. Agora, estamos na conta atrás.














