Creación dixital encriptada: o Marisquiño abraza a economía do futuro

O festival vigués presenta un cartel virtual non imprimible e dispoñible co certificado NFT mediante tecnoloxía blockchain

O equipo do Marisquiño posa fronte á nova imaxe gráfica do festival. Foto: O Marisquiño

O festival O Marisquiño de Vigo anunciará a súa XX edición (do 6 ao 8 de agosto) cun cartel virtual que aposta por ofrecer unha imaxe diferente e rompedora do evento de deporte urbano.  A imaxe gráfica do festival está baseada no concepto de “glitch” e aposta por un cartel virtual que non se imprimirá en papel e estará dispoñible co certificado NFT mediante tecnoloxía blockchain. Desta forma, O Marisquiño quere confirmar a súa aposta polas novas tecnoloxías e a vangarda, dous conceptos nos que o festival veu traballando ao longo da súa historia.

O autor da imaxe gráfica, Kike Besada, explicou na rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo cales son os conceptos que manexou para construír o cartel de OM 2021, que se basean no concepto de glitch, é dicir, un “erro” informático que non afecta negativamente a un programa ou videoxogo. Este concepto identifícase coas características peculiares que terá a edición deste ano do festival, ao verse afectada polas consecuencias da pandemia. Pola súa banda, Marcos Mosquera, artista dixital e especialista en animación, explicou que organizacións deportivas como a NBA están xa venden arquivos de vídeo coas mellores xogadas da súa historia en formato NFT.

Serie de 50 unidades NFT

O cartel de OM 2021 poderá ser adquirido a través do marketplace de arte OpenSea, coa garantía de obter unha unidade da serie limitada de 50 unidades NFT, cun prezo de 50 euros cada unha. Os beneficios obtidos con estas vendas doaranse á Fundación Dani Rivas para o proxecto de bolsas que teñen para axudar aos deportistas que o necesitan. Nesta ligazón pódese adquirir o cartel.

As siglas NFT corresponden en inglés a Token Non Funxible. Os compradores do cartel recibirán un token dixital que lles confirma como posuidores do mesmo. Este concepto está a revolucionar actualmente o mundo da arte, facilitando a artistas independentes a conexión directa co consumidor, á marxe dos circuítos tradicionais e facéndolles partícipes dos beneficios xerados en futuras transaccións comerciais coa súa obra.

Para completar esta aposta de OM polas novas tecnoloxías, crearanse pezas de vídeo e fotos exclusivas do festival que poderán ser adquiridas tamén co selo NFT e, ademais, ofrecerase aos gañadores das distintas probas a posibilidade de recibir os premios en criptomoneda. Aínda que, por suposto, tamén poderán facelo en euros.

O Marisquiño volverá a reunir este ano en Vigo a grandes figuras internacionais dos deportes urbanos como o Skate, o BMX e o Basket 3×3. Os aforos aos distintos escenarios do festival serán limitados e non habera actuacións musicais para evitar concentracións de público. A idea é que o festival poda recuperar a normalidade na edición de 2022, segundo anunciaron hoxe os responsables da organización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.