A teoría do SARS-CoV-2 e o laboratorio de Wuhan: realmente hai novas probas?

A apelación do goberno dos Estados Unidos a investigar a orixe do virus reaviva unha hipótese que, polo momento, segue sendo "extremadamente improbable"

Instituto de Viroloxía de Wuhan, na China, onde a misión da OMS estudou a posible fuga do SARS-CoV-2 e a cualificou de
Instituto de Viroloxía de Wuhan, na China, onde a misión da OMS estudou a posible fuga do SARS-CoV-2 e a cualificou de "extremadamente improbable". Imaxe: Wuhan Institute of Virology.

Desde as primeiras semanas da pandemia da Covid-19, cando o SARS-CoV-2 era aínda un rumor distante que chegaba desde a China, comezaron a circular as informacións, sempre con escasas evidencias e unha importante carga de fabulacións, sobre a orixe artificial do SARS-CoV-2. Fronte a unha historia da epidemioloxía pragada de patóxenos de orixe natural que causaron pandemias letais, a conspiración comezaba a gañar terreo. No foco, unhas instalacións biolóxicas de alto nivel de bioseguridade, o Instituto de Viroloxía de Wuhan, centro cunha longa traxectoria no estudo de diversos coronavirus, patóxenos moi presentes na China, principalmente en morcegos. Con ningunha proba sólida, pero con moitas sospeitas e correlacións sen causalidade probada, no mar de fango da internet comezaron a circular millóns de mensaxes, orientadas de maneira pertinente con diversos obxectivos xeopolíticos e económicos.

A misión da Organización Mundial da Saúde que investigou a comezos de 2021 os primeiros brotes en Wuhan expuxo nas conclusións do seu informe que a fuga do virus do laboratorio, de forma intencional ou accidental, era “extremadamente improbable”. E así o suxiren investigacións realizadas desde comezos de 2020, que amosaron a proximidade entre o SARS-CoV-2 e outros coronavirus presentes na natureza. Con todo, a opacidade do Goberno chinés á hora de facilitar parte da información ás organizacións internacionais mantivo unha certa marxe de dúbidas. E nas últimas semanas, varios acontecementos reviviron unha teoría sobre a que, por agora, non hai novas probas.

A revista Science publicaba o 14 de maio unha breve carta asinada por 18 científicos na que se pedía afondar no estudo das orixes do SARS-CoV-2, ao tempo que criticaban as escasas evidencias que o informe da OMS sobre o terreo achegaba para descartar a posibilidade que relacionada a pandemia co laboratorio de Wuhan. E este martes 26, outro breve comunicado volvía axitar o debate: a Casa Branca difundía unha mensaxe do presidente Joe Biden que, dalgún xeito, equipara as hipóteses da orixe natural e a vinculada a un laboratorio. “A maioría dos elementos non cren que haxa suficiente información para avaliar que un (escenario) sexa máis probable có outro”, dicía. E, despois de recibir a comezos de marzo o informe dunha investigación realizada ao respecto, Biden anunciaba que encargou aos servizos de intelixencia novas pescudas, que deberían achegar novas conclusións no prazo de 90 días.

Que pasou no laboratorio de Wuhan?

Outra das informacións que reavivou o debate nos últimos días foi un artigo do The Wall Street Journal no que, citando a fontes da intelixencia estadounidense, que fala do ingreso hospitalario de tres científicos do Instituto de Viroloxía de Wuhan con síntomas compatibles coa Covid-19 en novembro de 2019, momento no que aínda non se detectaran os primeiros surtos na cidade. Pouco despois chegaba o comunicado da Casa Branca. Por agora, non se demostrou que fose o SARS-CoV-2 o causante destas infeccións. De feito, unha das participantes na misión da OMS, a viróloga Marion Koopmans, declarou que se lle fixeran probas aos investigadores afectados para saber se desenvolveran anticorpos contra o SARS-CoV-2 e estas resultaran negativas.

Aínda así, de demostrarse, poderían entrar en xogo outras posibles explicacións sen acudir necesariamente ao laboratorio, pois a propia OMS manexaba no seu informe a posibilidade de que o coronavirus estivese circulando ‘fóra do foco’ tempo antes dos primeiros brotes detectados no mercado húmido de Wuhan, sen que necesariamente o punto de partida estivese no laboratorio.

O escaso acceso á información na China

A pesar do ruído dos últimos días, a hipótese da orixe animal segue sendo, con diferenza, a máis probable. A ela apuntan as investigacións publicadas nos últimos anos, que advertían da elevada presenza de coronavirus de potencial zoonótico en morcegos do sur da China, e a semellanza evolutiva do SARS-CoV-2 con estes patóxenos. E así o expoñen, por exemplo, os virólogos consultados nunha reportaxe da Axencia SINC que aborda as reaccións á carta de Science.

Nesta mesma reportaxe faise referencia aos obstáculos que o Goberno chinés puxo á misión da OMS nos diversos enclaves de Wuhan onde se recolleron datos. Existe a posibilidade de que China queira ocultar información, por exemplo, que poida desvelar a súa responsabilidade á hora de non detectar a tempo a aparición da zoonose, sen que necesariamente estea intentando ocultar algo no laboratorio de viroloxía de Wuhan. Neste sentido, a OMS xa avanzara que probablemente se tarde anos en avanzar nalgunha resposta sobre a orixe do virus, se é que se chega a obter. Ademais da investigación anunciada por Biden, os Estados Unidos están a pedir nos últimos días, co gallo da asemblea xeral da OMS, que se desenvolvan estudos “independentes e transparentes” ao respecto.

O papel dos EUA

Non faltan tampouco as voces que ven detrás da manobra dos Estados Unidos un novo sinal do combate pola hexemonía global das dúas potencias, alén de que as evidencias científicas sexan ou non suficientes. Aínda que as formas entre as administracións de Trump e Biden son distintas, a confrontación coa China permanece. Fronte a isto, o goberno chinés responde ás manobras dos EUA negando de forma rotunda as sospeitas que se están a sementar e cualifícaas de propaganda.

Nunha reportaxe publicada este xoves na revista Nature poñíase o acento en que a compoñente diplomática ten un importante papel na cuestión. O experto en saúde global David Fidler, do think tank Council of Foreign Relations, advertía que as acusacións entre as dúas potencias están a abrir unha fenda xeopolítica nun momento no que se precisa cooperación e solidariedade.

Máis debate, pero non máis probas

Deste xeito, o barullo volve opacar, como noutras ocasións, un debate que debería estar baseado na colaboración entre os diversos axentes implicados a partir do coñecemento dispoñible, e non noutros condicionantes. En declaracións a Nature, o propio autor principal da carta remitida o 14 de maio a Science, David Relman, lamentaba a terxiversación da súa mensaxe. “Non estamos dicindo que o virus se crease no laboratorio“, di. E engade, sobre a carta, que o que esixen é que as investigacións e as súas conclusións se sosteñan en datos máis robustos. “Deberían dicir que non tiñan a suficiente información para establecer unha conclusión sobre a fuga. A misión da OMS percorreu o laboratorio de Wuhan e interrogaron aos investigadores, pero non lle proporcionaron datos primarios”, di a reportaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.