Sábado 20 Abril 2024

A misión da OMS en Wuhan volve descartar a orixe artificial do SARS-CoV-2

O equipo desprazado á cidade chinesa compareceu este martes xunto a portavoces do goberno para expoñer as primeiras conclusións do seu traballo

Máis de 13 meses despois de que China notificase os primeiros casos dunha pneumonía de orixe descoñecida vinculados ao mercado de Huanan, na cidade de Wuhan, o equipo enviado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) compareceu por primeira vez este martes para dar conta da misión que desenvolven desde finais de xaneiro. E os resultados, por agora, non son concluíntes sobre a a orixe exacta do SARS-CoV-2, alén do extremo xa constatado da súa semellanza a outros coronavirus presentes en morcegos. Sábese, por este parecido, que o virus deu algún momento o salto a humanos (as coñecidas como zoonoses), aínda que non se determinou se o fixo a través dun reservorio intermedio.

O que si se descartou, segundo o xefe da misión internacional, Peter Ben Embarek, é a posibilidade de que o virus puidese ‘escapar’ dos laboratorios do Instituto de Viroloxía de Wuhan, un centro de investigación de alta seguridade que, a xuízo das teorías da conspiración sobre a pandemia, estaba detrás da xénese e propagación do SARS-CoV-2. Ben Embarek cualificou de “extremadamente improbable” esta hipótese, unha das catro liñas de investigación que manexa a misión, polo que non se seguirá afondando nela.

Publicidade

Pola contra, o grupo seguirá traballando nas outras tres opcións: a transmisión directa a humanos desde algunha especie de morcego; a vía indirecta a través dalgún reservorio noutra especie, ou o contaxio a partir dalgunha superficie conxelada que puidera traer o virus desde outro lugar fóra do mercado de Wuhan.

A posibilidade da orixe fóra de Wuhan

O doutor Liang Wannian, líder da investigación gobernamental sobre a orixe do virus, apuntou a que o SARS-CoV-2 podería estar circulando noutras partes do país, ou mesmo fóra de China, antes de comezos de decembro de 2019, cando se produciron, segundo as análises posteriores, as primeiras infeccións causadas polo novo coronavirus en humanos. Neste sentido, as revisións dos datos xenómicos, como os realizados polo investigador da USC Antonio Salas, apuntan a que esta data podería estar arredor do 12 de novembro de 2019, semanas antes da detección dos focos en Wuhan.

A secuenciación xenómica dalgunhas mostras, segundo Wannian, suxiren que había outras cadeas de transmisión naquel momento alén do foco do mercado de Huanan. Mais, por agora, non se puido ir máis atrás nesta orixe. “Non é posible, coa información dispoñible, determinar como entrou o SARS-CoV-2 no mercado de Huanan”. En termos semellantes falou Ben Embarek, que dixo: “Non foi só un foco no mercado, senón que o virus tamén estaba circulando fóra del”.

Remitirse cara a atrás nesta liña de tempo será un dos aspectos máis relevantes nas pesquisas, que continuarán durante meses e probablemente anos. Aínda que a misión non obtivo conclusións relevantes por agora, Peter Ben Embarek declarou que a información recollida na súa visita a Wuhan “mellorou o coñecemento” e “engadiu detalles á historia” para encamiñar as investigacións que se desenvolvan a partir de agora.

Por exemplo, o xefe da misión da OMS tamén expuxo que “non é moi probable” o salto directo de morcegos a humanos, ao tempo que apuntaba, con maior probabilidade, a transmisión a través dunha especie intermedia. En relación a isto, realizáronse máis de 11.000 análises a especies como vacas, porcos, cabras, polos, cabras ou gansos en 31 provincias chinesas, para ver o seu posible papel como reservorio, pero ata o momento todas deron negativo. Segundo a viróloga Marion Koopmans, outra das representantes da OMS, manéxase outra hipótese: que algunhas destas especies, procedentes de áreas onde existen morcegos portadores de coronavirus parecidos ao SARS-CoV-2, puideran levar o virus ata Wuhan.

A outra hipótese, coa transmisión mediante algún produto conxelado, probablemente alimentos, está a ser difundida desde hai meses polo goberno chinés. Sobre isto, Ben Embarek insistiu na necesidade de seguir investigando o posible rol da introdución do virus en Wuhan desde outro punto a través de mercadorías conxeladas.

As tres opcións seguirán sendo obxecto de estudos nos vindeiros meses, no marco dunha misión que espertou un importante debate polos obstáculos do goberno chinés. Só despois de máis dun ano desde o coñecemento dos primeiros casos no mercado de Huanan se permitiu a visita, o pasado 31 de xaneiro, do grupo da OMS. Nas outras dúas misións anteriores a Wuhan non puideran facelo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Marcos Martinón, un galego entre guerreiros de terracota: “É incrible, pero non hai dous soldados iguais”

O arqueólogo ourensán investiga dende hai case 20 anos o espectacular mausoleo do primeiro emperador chinés, un xacemento con 2.000 anos de antigüidade

Así é ‘Mycoplasma’, a principal sospeitosa da pneumonía infantil en China

O microbiólogo Raúl Rivas fai un retrato robot da bacteria que probablemente contribuíu a disparar a incidencia de enfermidades respiratorias no xigante asiático

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid