A historia da creación dun NFT galego

Nos últimos anos xurdiron algunhas experiencias pioneiras cos NFT en galego pero... Cal foi a primeira?

Si, xa sei, é unha tolemia pagar millóns por unha imaxe facilmente copiable. Xa o falamos. Por iso, hoxe imos achegámonos aos tokens non funxibles (NFT) dunha forma máis normal e máis práctica.

Uxío Broullón, máis coñecido polo seu alcume Ictioscopio, é un bo amigo que traballa como ilustrador, deseñador e podcaster. No verán propúxenlle que me botase unha man cun experimento sobre NFTs que vos conto hoxe aquí. A súa primeira reacción, como a de moitos profesionais da arte dixital, foi de máxima reticencia e mesmo rexeitamento. “Non quero que me asocien con esa tolemia especulativa que ademais esnaquiza o planeta” chegáronme a dicir algúns profesionais do sector. Discrepo, pero enténdoo, de veras que o entendo.

Publicidade

Como o Ictioscopio ademais de amigo é unha persoa moi paciente, escoitou toda a miña vehemencia sobre o importante desta tecnoloxía, do pouco que podía perder e de que contar a experiencia podería ser un modesto contra-exemplo da narrativa maioritaria. Así que aceptou. A miña petición era sinxela, facer dúas NFTs con base nalgún debuxo non publicado del. Rebuscando no seu arquivo atopouse un gif con base nuns debuxos a man. Ademais dicía que lle lembraba moito a min, pois debuxárao nunha época na que estaba embarcado en moitos proxectos, algúns dos cales eran comúns. Inédito, con significado para ambos e representando as ideas que nacen da mente e das que abrollan novas pólas. Era simplemente perfecto!

Para seguir xogando, pedinlle que a ese debuxo lle engadise unha frase en galego, así habería un NFT co debuxo orixinal e outro co debuxo coa frase en galego. Ademais de ser o noso idioma común (máis significado), quería demostrar unha cousa: Será esta a primeira venda dun NFT en galego? Non vos negarei que me faría ilusión telo (aínda máis significado), pero ese non é o meu obxectivo. Uxío entregoume o debuxo no verán e podería facelo naquel momento, ou simplemente facer unha imaxe sinxela cunhas palabras cando empezaron os NFTs. Non é iso. O que é tremendamente impactante é que calquera pode demostrar que non é o primeiro simplemente achegando como proba a transacción doutro NFT con data anterior. E non é falseable! Así que vos deixo os comentarios abertos para que calquera que descubra un NFT en galego con anterioridade a este o poña por aquí; e así entre todos descubramos cal é o primeiro.

Pero a cousa non acaba aquí. Cando a propiedade é programable, podemos incluír facilmente cláusulas polas cales o autor se beneficie para sempre se a obra resulta ser un éxito de vendas. Neste caso, o Ictioscopio cobrará automaticamente o 10% de calquera transacción futura das súas dúas obras. Sen axencias intermedias, sen ter que fiarse da miña ou de futuros compradores, é unha cláusula asociada á súa obra, ou mellor dito, ao token que está asociado á súa obra. Os NFTs acaban de empezar, pero auguro que veremos moitísima innovación coa posibilidade de asociar contratos intelixentes á propiedade. Propiedade dixital programable nunha rede de intercambio de valor. Case nada!

O trato que fixemos Uxío e eu foi que el me vendería os debuxos por un prezo simbólico (un agasallo de amigo en realidade) e eu axudaríalle a facer todo o proceso de venda e de lidar con cripto. Ademais díxenlle que quería contalo a todo o mundo por aquí, ao que el aceptou encantado. Un acordo no que gañan as tres partes, na miña opinión. Aínda que seguramente o que máis gañe é o propietario de #0 Esgalhos e #1 A cabeza non para, polos que, por suposto, podedes poxar!

Acceder aos distintos usos de blockchain é un camiño a percorrer, no que ao principio as cousas son moi raras, pero despois de usalas un tempo unha lóxica común empeza a aparecer. Por iso, se es novo, a recomendación é que vexas antes as outras guías desta  newsletter:

Guía para comezar en cripto e blockchain

Guía para comezar en DeFi

Preparación

Se xa estás familiarizado, saberás que o primeiro paso é ter unha carteira (wallet) de  criptomoedas no navegador. Con ela poderás interactuar coas aplicacións web que facilitan o uso da blockchain, é a chamada Web3.0 .

Nesta guía imos utilizar a carteira Metamask na rede de Polygon (unha rede de capa 2 de  Ethereum) e a aplicación OpenSea.io. Existen outras carteiras, redes e aplicacións, pero a día de hoxe estas son as máis populares e facilmente usables.

Os pasos para seguir son:

O paso 3 é probablemente o máis complicado. Cada Exchange permite ou non retirar directamente á rede de Polygon. Por exemplo Binance ou Coinbase non o permiten nestes momentos, e Crypto.com si. Se o teu exchange non permite enviar tokens a Polygon, ou ben abres conta noutro (usa as ligazóns na cabeceira da newsletter, nesta ligazón), ou ben os envías á rede de Ethereum e desde aí a  Polygon, pero terás que pagar bastante en comisións de Ethereum. O meu consello é que fales con algún amigo de confianza e che bote unha man.

Portada de Opensea.
Portada de Opensea.

Comprar

Unha vez que seguiches os pasos anteriores xa estás en disposición de entrar e interactuar con OpenSea.io. Esta páxina é un marketplace que permite comprar e vender  NFTs. Pero a diferenza da web tradicional os NFTs non están en Opensea, están a  blockchain, así que mañá poderás vendelos en calquera outro marketplace se así o desexas. Outra diferenza que notarás é que non hai usuario e contrasinal, pois é  Metamask o encargado de verificar a túa identidade (se tes as claves da conta é que que es o propietario da conta). Por suposto a conta é un número e pode ser anónima.

Se esculcas verás que existen todo tipo de NFTs: arte, música, dominios, elementos de  metaversos, coleccións… Tamén verás que existen tres redes coas que podes interactuar con Opensea: Ethereum, Polygon e Klaytn. A maioría dos prezos están en Ethereum, pero poden estar en moitas outras moedas. E verás como hai coleccións por todas partes. Algunhas moi de moda con prezos xigantes, outras con prezos moi pequenos. As máis caras e coñecidas adoitan estar verificadas por Opensea cunha estrela azul.

Existen dúas formas de comprar, unha é facer unha oferta limitada no tempo a un propietario que pode aceptar ou non (como na imaxe), e outra é comprar directamente o  NFT se ten un prezo marcado. Para cada NFT podemos ver as ofertas actuais e anteriores (todo é público), así como o historial de compra e venda cos seus propietarios (sexan anónimos ou non).

Estado actual do NFT #0 Esgalhos
Estado actual do NFT #0 Esgalhos

Vender

Se comprar é fácil, vender tamén o é. Opensea ten un botón que pon Create e que che leva á pantalla que ves a continuación.

É unha pantalla moi sinxela na que introduces o ficheiro e engades campos como título, descrición, ligazón externa e unha serie de propiedades se é o caso. Podes mesmo engadir contido desbloqueable para o propietario do token. Ou podes realizar series, por exemplo, vender 1000 copias dunha canción. Finalmente elixes en que rede o queres vender (Polygon no noso caso) e listo. Xa puxeches á venda o teu primeiro NFT!

Se quixeses poñerlle un prezo fixo de venda, podes facelo pulsando no botón SELL que verás cando o NFT estea creado. Existen tamén outros tipo de venda como poxas inversas, pero os máis utilizados son poxa convencional ou venda a prezo fixo.

Ter

Un coleccionista goza tendo, pero tamén mostrando. É por iso que moitos dos NFTs máis caros acaban como foto de Twitter de alguén que pon unha ligazón á súa conta de Opensea para que se poida verificar que o posúe. A cuestión está na verificación. E para iso Opensea ten unha pantalla cos NFTs que posúe un usuario, que á súa vez é unha información que está na blockchain de Ethereum (ou Polygon). Na seguinte captura podes ver un con elementos de colección moi de moda nestes momentos como son os Bored Ape Yatch Club (BAYC). A conta é anónima pois non fai referencia a un nome real, algo moi frecuente no mundo cripto.

Conclusión

Utilizar Opensea é extremadamente fácil, o que seguramente o converteu na gran referencia de compra/venda de NFTs. A diferenza do mundo tradicional, Opensea non é o gardián das túas compras, nin os tokens desaparecen se Opensea desaparece, nin chos poden requisar. Opensea simplemente facilita crear un NFT e exerce de intermediario entre o comprador e o vendedor. En boa lóxica, por ese traballo cobra unha comisión en cada transacción, pero os tokens residen na blockchain, non en Opensea. Por suposto hai detalles aínda por mellorar, como o almacenamento dos ficheiros que idealmente estaría na blockchain e aínda non o está. Pero este é o inicio do camiño.

Espero que este mini titorial fose útil, e aínda que quizá o máis complicado no proceso é afacerse a este novo ecosistema de carteiras, redes, tokens… Unha vez superada esa pequena barreira é realmente sinxelo ser parte da revolución da propiedade. Vala perder?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Durme neno, durme xa, que vén a inflación e o teu salario e aforros comerá

A inflación non se cingue só á suba de prezos, e cripto non é só unha moeda descentralizada

Cambio de era: o sistema vai ‘blockchainizarse’

A saída a bolsa de Coinbase foi, probablemente, o fito que marca unha nova era na aceptación e regulación de cripto

Cromos dixitais ou revolución na propiedade? Así son os NFTs

Chámanlle tokens non funxibles (NFTs) e son a gran sensación neste intenso ano 2021 no mundo cripto