Despois de Bitcoin, Ethereum é criptomoeda máis relevante do mundo blockchain. Foto: Pixabay.
Despois de Bitcoin, Ethereum é criptomoeda máis relevante do mundo blockchain. Foto: Pixabay.

Ethereum: nin contratos, nin intelixentes

Xa sabemos algo de como funciona bitcoin, pero en que consiste realmente outra da criptomoedas máis coñecidas?

A diferenza de Bitcoin, si coñecemos quen creou e aínda lidera Ethereum: Vitalik Buterin. Fillo dun informático, e cun alto coeficiente intelectual, destacou precozmente no incipiente ecosistema cripto. Con tan só 20 anos atreveuse a dicir que os programadores de bitcoin estaban a limitar as funcións e por tanto o potencial que podería ter. Ao ver que a comunidade non apoiaba a súa ampliación de funcións, Vitalik escribiu un white paper describindo o que sería Ethereum. Con ese documento descritivo e un pequeno grupo de fundadores lanzouse a un proceso de pre-venda a aproximadamente $0.30 cada Eth (a moeda de Ethereum), co que conseguiron en total uns 18 millóns de dólares. Con ese diñeiro puideron desenvolver Ethereum, que aínda hoxe segue mellorando, pois estamos en transición á segunda versión, Eth2.

Na segunda edición de Consenso describiamos brevemente en que consistía Bitcoin. Refréscoche a memoria. Bitcoin é un libro contable que está en moitísimos computadores á vez, que se poñen de acordo mediante un algoritmo de consenso. Por tanto, eu podería enviarche “diñeiro” a ti; simplemente a rede de computadores réstame da miña conta a cantidade que quero enviarche e súmacha a ti, menos a pequena comisión para pagar á rede. Como unha transferencia no banco, pero sen banco.

Vitalik Buterin, creador de Ethereum.
Vitalik Buterin, creador de Ethereum.

É dicir, Bitcoin pode sumar e restar. Pero Vitalik pensou que sería moi poderoso que tamén puidese multiplicar, dividir e facer calquera operación que permita un código informático. É dicir, Ethereum executa un código informático en moitos computadores á vez. Desta forma asegúrase que ese código se executará tal e como foi programado, e nin sequera as persoas que o executaron poden paralo. Ese código é o que se chama unha aplicación descentralizada (Dapp).

Así se define Ethereum na súa propia web:

  • Ethereum é unha plataforma global de código aberto para aplicacións descentralizadas.
  • Ethereum permite escribir código que controla o valor dixital, funciona tal como programouse e ao que pode accederse desde calquera parte do mundo.

Poñamos un exemplo. Imaxina que existe unha lei que di que se o teu voo se atrasa entre 2 e 10 horas, a compañía debe facerche un desconto do 50% no prezo que pagaches polo billete. Ti compraches o teu billete e o teu voo atrasouse 3 horas. Seguramente hoxe en día, o proceso sería poñer unha reclamación, intercambiar e-mails e pasar as 12 probas de Astérix e Obélix para que che dean ese 50%. O que realiza o proceso é o menos interesado en que se leve a cabo. Se existise unha Dapp para facer o pago, podería reter ese 50% e, no caso de que o voo non se atrase, llo entregue á compañía. E, no caso de producirse o atraso, que cho entregue a ti. O proceso realízase independentemente das dúas partes. Mesmo se a liña aérea escribiu o código e está ben escrito, non podería cambiar xa a súa execución, pase o que pase.

Ese é só un exemplo, pero se o xeneralizamos, a novidade que trouxo Ethereum foi a posibilidade de levar un acordo entre partes a un código que se executará si ou si. Por iso é polo que, popularmente, ese código é coñecido como Contrato Intelixente (Smart contract). Pero non ten que ser necesariamente un contrato. Pode ser moitas outras cousas. Ao lanzar Ethereum, o propio Vitalik dicía que os usos que se lle daría eran moitos e difíciles de prever. E o de intelixente, creo que responde máis á moda de usar ‘smart’ para todo, porque se algo é ese código sería de execución asegurada, non intelixente.

Outro exemplo: Ethereum ten unha funcionalidade chamada ERC20, que permite facilmente a creación dun token, é dicir, dunha criptomoeda. Se queres ter a túa propia criptomoeda, podes. Só necesitas programar o smart contract adecuadamente e, unha vez executado, calquera persoa poderá comprar e vender a túa token sen que ti poidas paralo. Se quixeses facer isto no pasado, crearías unha páxina con contas de usuario nas que mostrarías os tokens que ten cada usuario. Pero se un día desapareces e pechas a páxina, acabouse; eses tokens xa non existen. Con Ethereum evítase que os usuarios teñan que confiar en ti, os tokens en Ethereum existirán si ou si, coas normas descritas no contrato.

Creáronse moitos tokens ERC20? Si, moitísimos, e algúns deles con grandísimo éxito. Bótalle un ollo á lista, está valorada en 80 mil millóns de dólares.

Poderías estar pensando: ‘xa non teño que confiar na outra parte, pero si en Ethereum’. É certo, pero o código de Ethereum é aberto, así que calquera pode auditalo, incluídos especialistas na materia. Pero non só iso, todas as transaccións e o código dos contratos tamén é público na blockchain de Ethereum. Queres ver un exemplo? Aquí tes o código do token chamado “Link”.

É innegable que a rendibilidade dos que investiron pronto en Ethereum é espectacular, xa que multiplicaron por 150 o seu investimento en só 5 anos. Pode haber unha burbulla e unha sobrevaloración de prezo, si. Pero tamén pode haber unha infravaloración do impacto social dunha ferramenta que achega confianza sen necesidade dun terceiro. En calquera caso, eu trato de que o prezo non me impida ver o valor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.