Dúas científicas do CiQUS, premiadas pola Real Sociedade Española de Química

Soraya Learte e Eva Rivera reciben o recoñecemento que a Fundación Lilly e a RSEQ outorgan para alumnas de doutoramento

Soraya Learte e Eva Rivera, científicas do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Santiago, recibiron os Premios de Investigación que a Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e a Fundación Lilly outorgan a alumnos e alumnas de doutoramento no ámbito estatal. O galardón recoñece a excelencia investigadora, no ámbito académico, dos estudantes nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica. Dos tres premios que se entregaron nesta convocatoria de ámbito nacional, dous deles foron outorgados a doutorandas do centro compostelán. Os seus traballos foron seleccionados polo Comité Científico entre un gran número de candidaturas con alto nivel científico e académico, nun proceso especialmente competitivo.

“Este recoñecemento supón, sobre todo, unha maior motivación para seguir investigando e unha recompensa a todos estes anos de esforzo” sinala Eva, que desenvolve a súa tese no CiQUS baixo a supervisión do profesor Martín Fañanás Mastral. O seu traballo céntrase na procura de novas metodoloxías sintéticas multicomponente a través de catálisis organometálica: “Estas reaccións permítennos construír building-blocks altamente funcionalizados a partir de compostos sinxelos e facilmente accesibles, como son os hidrocarburos insaturados” explica Eva. Estes building-blocks son de especial interese pola súa ampla versatilidade sintética, permitindo acceder a unha gran variedade de estruturas, por exemplo, dienos presentes en produtos naturais, segundo explica o CiQUS.

Publicidade

A tese de Soraya Learte, dirixida polo profesor José Luis Mascareñas, céntrase no uso de metalopéptidos e metaloproteínas en química biolóxica. No seu traballo desenvolveron novas proteínas sintéticas, capaces de unirse con alta afinidade ao ADN e funcionar como activadores de xenes. Por outra banda, “demostramos a capacidade destes metalopéptidos para recoñecer proteínas oncoxénicas e modificar a súa actividade, ou a capacidade de actuar como metaloenzimas artificiais, sendo capaces de promover reaccións non naturais no interior de células de mamífero” explica a investigadora. “Para min é un orgullo recibir este premio, e estou segura de que vai axudarme na miña futura carreira investigadora”.

Tal e como salientan desde o centro, estes dous recoñecementos poñen de manifesto a estratexia formativa do CiQUS, e a súa aposta por promover o talento novo e impulsar ao mesmo tempo a carreira investigadora das mulleres, que tamén ve recoñecida a súa aposta. Cos de Eva e Soraya, son xa sete os galardóns que atesoura o CiQUS nos premios Lilly de Investigación, catro deles outorgados a mulleres. En anteriores edicións o premio foi concedido a Lorena Tizón (2012), Isaac Alonso (2013), Mateo Sánchez (2014), Andrés Seoane (2015) e Noelia Casanova (2017), todos eles estudantes de doutoramento do centro.

Publicidade

Nesta ocasión, o Comité Científico ha valorado tanto os proxectos presentados como o currículo dos participantes, tendo en conta a calidade e impacto dos seus traballos, o número de publicacións científicas e estancias noutros centros de investigación. A nova edición da entrega dos Premios Lilly de Investigación terá lugar durante unha cerimonia virtual que organizará este ano a Real Sociedade Española de Química, onde as premiadas realizarán unha breve exposición oral do seu traballo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova técnica creada en Santiago evita o sobrequecemento nos sistemas electrónicos

Un equipo do CiQUS aplica campos eléctricos sobre rexións moi localizada en certos materiais e así consegue xestionar mellor a calor dos dispositivos

Un estudo galego abre unha nova vía contra a resistencia aos antibióticos

Un equipo do CiQUS investiga como mellorar o uso do cefiderocol, o medicamento que trata a infección dunha das bacterias hospitalarias máis perigosas

Supervermes para facer desaparecer o plástico: a curiosa investigación do CiQUS

O científico Massimo Lazzari estuda o comportamento da especie 'Zophobas morio', capaz de degradar e incorporar polímeros na súa dieta, como estratexia para facer fronte aos residuos

As moléculas precursoras da vida na Terra teñen orixe extraterrestre? Así o estuda a USC

Un equipo do CiQUS desenvolve un programa capaz de buscar automaticamente os mecanismos de reacción e aplicalo á química interestelar