Consenso, da monarquía á criptocracia?

A monarquía é, etimolóxicamente o goberno dun só. Pero a criptocracia, que é a criptocracia?

'Da monarquía á criptocracia'. Imaxe: Pixabay.
'Da monarquía á criptocracia'. Imaxe: Pixabay.

Despois da primeira entrega de Consenso Blockchain, hoxe con música enérxica,  made  in Galicia e co mellor título para un blogue do mundo cripto. Imos usar o título e a letra cargada de dobres sentidos, para darlle unha volta a como intercambiamos diñeiro.

    Todo, todo es mentira

    Como siempre has sugerido

    Todo, todo es mentira

    Como siempre has sugerido

  […]

Arréglame, arréglame, arréglame…

O gracioso das letras tan abertas é que permiten aplicalas ao que cada un queira. Se nos fixamos no título, quizá están a falar da monarquía española, outrora  indiscutida e actualmente necesitada dun “arranxo“. Se o aplicamos a este blogue, poderiamos pensar no sistema bancario, que con contas pouco claras tivo que ser rescatado en 2008. Ou tal e como suxire o resto da letra, fala simplemente dunha relación tormentosa. Ou pode que sexa todo á vez…

A monarquía é, etimolóxicamente o goberno dun só. Pero a criptocracia, que é a criptocracia? Etimolóxicamente sería o poder secreto, e así algunhas teorías da conspiración úsano como sinónimo de goberno na sombra. Pero aquí preferimos interpretar o termo como o poder das criptomoedas e do “mundo cripto”. Pasaremos da monarquía á criptocracia?

Os “maximalistas” de blockchain responderán afirmativamente sen dubidar, os descreídos de blockchain mesmo botarán a rir coa pregunta, pensando nun rotundo ‘non’. Pero os intelixentes lectores deste blogue, e eu mesmo, temos máis dúbidas que certezas. E aínda que seguramente pensamos que é máis probable que todo siga parecido a como está, tamén intuímos un escenario futuro con blockchain como un actor con certa influencia e poder nas nosas sociedades.

Estamos a vivir unha pandemia mundial que, se algo ten de diferente con respecto a outras da historia da humanidade, son os avances da ciencia médica e a tecnoloxía da información e a comunicación. Isto permítenos a moitos traballar desde a casa, comunicarnos coa familia, divertirnos con todo tipo de contidos, xogar a videoxogos cos amigos ou mesmo producir e distribuír o noso propio contido, como este blogue. E sen saír de casa! É algo que temos moi normalizado, pero a revolución dixital foi algo que cambiou a nosa vida e o noso mundo.

O intercambio de valor, algo do que falaremos en profundidade en próximas publicacións, aínda non viviu a súa revolución. Blockchain ameaza con sela. Se dispoñemos dunha forma de intercambiar valor sen case intermediarios, a nivel global, de forma inmediata e barata. Poderiamos pensar que o que pasou coa información dixitalizada poida pasar co valor dixitalizado.

Hai meses descubríronse contas opacas do Rei Emérito de España en Jersey con 10 millóns de euros. Recentemente tamén soubemos que os maiores bancos do mundo facilitaron durante décadas o branqueamento de diñeiro negro. Estas cousas suceden porque intercambiar diñeiro (unha forma de valor) de forma oculta e internacional é difícil, custoso e ademais ilegal. Pero  blockchain abre diante de nós esa e moitas outras posibilidades. O sistema terá que prepararse para elas, como xa o fixo para o intercambio de información. Que ao principio se asociaba a cousas ilegais, como Napster, e que hoxe é parte común do noso día a día, como  Spotify ou Youtube.

Se internet e os computadores fixeron máis eficiente a transmisión de información. Blockchain pode ser quen faga máis eficiente a transmisión de valor. Será isto a criptocracia?

Blockchain, a tecnoloxía para que non mande ninguén

Ponte en situación. Vas todos os días ao bar de sempre a tomar o teu café. Como é unha molestia esperar a pagar, andar cambiando billetes, recollendo as voltas… Acordas co teu camareiro abrir unha conta, ti pos 100€ e no bar van restando as consumicións e cando te quedes a cero, volta a empezar. Ves algún problema? Véñenme dous á cabeza. Que poida haber anotacións que non reflictan as consumicións verdadeiras ou que se perda o caderno de contas.

Esa conta do bar non é moi distinta dunha conta bancaria. O banco anota as túas entradas e saídas de diñeiro. Antes facíase en cadernos e hoxe en bases de datos, pero ao final son anotacións, en analóxico ou en dixital. A confianza en que farán ben as anotacións vén das regulacións e a vixilancia doutras entidades, e a custodia das anotacións hoxe en día está asegurada coas copias de seguridade automatizadas. Pero… ao final o banco manda. Decide se che concede o préstamo, se pagas pola transferencia, ou en casos máis extremos, pode restrinxir o acceso ao teu diñeiro ou mesmo embargalo. Por non entrar en que os bancos centrais deciden o tipo de interese do préstamo (o euribor en Europa, por exemplo) e a cantidade de diñeiro que circula. Pero nisto último entramos a fondo a semana que vén.

Bitcoin, a primeira blockchain, fai que non sexa necesario nin intermediario (banco) nin entidade central de control da moeda (banco central). En lugar de que o banco garde o libro de contas, bitcoin reparte copias idénticas do libro de contas por miles de computadores do mundo. Para que existan persoas dispostas a gastar o necesario para poñer o seu computador na rede de bitcoin, levan algúns bitcoins de propina que saen de xerar novos bitcoins e das comisións cobradas en cada transacción. Así descentralizan a contabilidade das contas bancarias.

A parte tecnicamente máis complicada é como gardar as novas transaccións. Aí entra a marabilla da proposta de Satoshi Nakamoto, o pseudónimo do ou dos creadores de bitcoin. Cada dez minutos, aproximadamente, os computadores da rede bitcoin van escribindo as transaccións nunha páxina temporal do libro contable. Como é posible que non todos os computadores teñan as mesmas transaccións na páxina temporal dos últimos dez minutos, ao terminar ese tempo, prodúcese a maxia. Aplícase un algoritmo de consenso, que mediante unha proba de traballo, determina cal será a páxina temporal que se tomará como definitiva. E así todos os computadores utilizarán esa páxina e non a súa, como páxina definitiva. Desta forma, o libro contable é único para todos os computadores e o algoritmo de consenso permite que as novas transaccións se incorporen.

Esas páxinas do libro contable, chámanse bloques. E están encadeadas entre si por unha especie de sinatura dixital chamada hash. Por iso é polo que se lle chame cadea de bloques, ou blockchain. Non deixa de ser unha forma de almacenar información, pero sen mando único. Grazas ao algoritmo de consenso, moitos computadores poden traballar conxuntamente sen necesidade de confiar entre eles.

A criptografía nunca foi sinxela de entender e esta innovación, aínda menos. Nin sequera moitos seguidores de blockchain coñecen a fondo os detalles de funcionamento. Pero non se pode escribir sobre blockchain sen tentar explicar como funciona. E agora, polo menos, xa sabes o motivo do nome deste blogue.

Seguimos a semana que vén!


Aquí podes ler a primeira entrada de Consenso Blockchain:

Consenso, a festa do blockchain

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.