Xoves 18 Abril 2024

Consenso, a festa do blockchain

Unha historia de crises, bancos e 'hackers'

Ola! Son Isaac González, profesor de informática e estudante de doutoramento en Blockchain.

Benvido a esta bitácora semanal que che descobre o mundo crypto, desde o principio e pouquiño a pouco. Noutras palabras, contándoo para xente normal.

Publicidade

Disclaimer: este blogue non é asesoramento de investimento, só ten como obxectivo a divulgación e opinión. Realiza a túa propia investigación antes de investir o teu diñeiro.

Bota a andar Consenso Blockchain, o blogue sobre criptomoedas e cadea de bloques de Isaac González


A festa do bloque

As “block parties” son as festas do bloque no Reino Unido, que sería algo así como a festa do barrio de aquí, pero máis pequena aínda. A xente reúnese na rúa cos veciños do bloque e a súa comunidade local a festexar e divertirse. E, como pasa aquí, viñemos a aprender e a divertirnos.

Bloc Party, o grupo que pon banda sonora a este primeiro artigo, tomou o seu nome destas festas. Escollino polo evidente xogo de palabras con blockchain, e porque isto é unha festa de inauguración, non? Ademais ten a enerxía necesaria para emprender o camiño de aprender algo que pode cambiar a túa percepción do mundo. Aí é nada!

A festa do Blockchain

Pero imos ao tema: mentres escribo estas liñas, a festa do Blockchain, unha tecnoloxía que ten pouco máis de dez anos, xa amosa os seguintes números:

  • 2.000.000 millóns de dólares de valoración
  • 200.000 millóns de dólares de intercambios nas últimas 24 horas
  • +4.000 criptomonedas

E, a diferenza das festas nestes tempos de Covid-19, a esta celebración si podes asistir. Pero coidado, non sabemos se acabará mañá e todo valerá CERO. Ou se estamos diante da tecnoloxía que cambiará para sempre a forma na que transferimos valor.

Aínda que parece que isto só vai de pasta e as noticias adoitan ser sobre canto subiu ou baixou bitcoin. Nesta festa, como en calquera outra, os intereses e a forma de diversión teñen diferentes perspectivas e matices. Hai quen só está aquí para especular, hai quen veu a aprender, outros a descubrir a tecnoloxía, outros a esculcar e, a maioría, a unha mestura das anteriores.

Nesta festa hai xente que acaba de chegar e outra que leva aquí case desde o principio, algúns pasárono moi ben, outros tiveron menos sorte. Se te sentes incómodo ao entrar na festa, é normal, aquí as cousas funcionan diferente. Pero non te preocupes, eu estou aquí para facer de cicerone. Imos alá?

Blockchain: Diñeiro sen bancos?

Seguro que tes unha conta bancaria e unha tarxeta de crédito ou débito. É imposible non telas hoxe en día. Como funcionan? Sábelo ben. Unha organización chamada banco, ten a responsabilidade de gardar as transaccións entre a túa conta e o resto de contas. Outras contas están noutros bancos, pero non hai problema, os bancos relaciónanse entre se no sistema bancario. En España, este está regulado polo Banco de España en primeira instancia e polo Banco Central Europeo en última. En case todos os países é máis ou menos así. A cuestión é que este sistema funciona e funciona ben. A xente normal non tememos que o noso banco nos faga desaparecer o diñeiro da nosa conta. Ou si?

Agora sitúate en 2007 e 2008, a gran crise financeira na que pensabamos que o sistema no que confiabamos ía colapsar. Pasabamos o día mirando a prima de risco, “Super Mario” Draghi dicíanos que faría “whatever it takes” para preservar o euro e Sarkozy e Bush propoñían refundar o capitalismo. O sistema fallara. Así, inxentes cantidades de diñeiro público foron parar aos bancos (12 anos despois non foron devoltas), países da zona euro con corralitos bancarios ou mesmo países nos que parte do teu diñeiro do banco se volatilizaba. Si, xa sei que foi unha época moi concreta e que afortunadamente saímos dela, pero sempre é bo aprender a lección. Que lección?

Quizais a primeira é que non sabemos moi ben como funciona unha das ferramentas que máis inflúe na nosa vida, o diñeiro. Outra é que en determinadas situacións as regras que eran sagradas, convértense en menos sagradas. Porque segura, segura, só hai unha cousa.

Pois ben, neste contexto, e seguindo ideas cypherpunk, un pseudónimo publica un artigo científico (ver PDF) no que se describía un sistema monetario sen bancos. Grazas á combinación de tecnoloxías criptográficas, desintermediaba a creación e intercambio dunha moeda virtual sen necesidade dunha autoridade central (como o Banco Central Europeo) nin a necesidade de intermediarios (como os bancos tradicionais). Satoshi Nakamoto, o xa famoso pseudónimo, levaba pouco despois ese artigo a un programa informático de código aberto, que incriblemente funcionaba! Así naceu Bitcoin, a primeira blockchain, que segue funcionando desde 2009 ininterrompidamente ata hoxe.

Como funciona? Ben, iso deixámolo para a semana que vén 😉

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da creación dun NFT galego

Nos últimos anos xurdiron algunhas experiencias pioneiras cos NFT en galego pero... Cal foi a primeira?

Durme neno, durme xa, que vén a inflación e o teu salario e aforros comerá

A inflación non se cingue só á suba de prezos, e cripto non é só unha moeda descentralizada

Cambio de era: o sistema vai ‘blockchainizarse’

A saída a bolsa de Coinbase foi, probablemente, o fito que marca unha nova era na aceptación e regulación de cripto