Mércores 24 Xullo 2024

Bota a andar Consenso Blockchain, o blogue sobre criptomoedas e cadea de bloques de Isaac González

O investigador, que realiza un doutoramento en Blockchain, divulgará as claves sobre a tecnoloxía e a economía detrás desta disruptiva innovación

Pero que diaños é iso das criptomoedas? É unha pregunta que lle fan decote a Isaac González, enxeñeiro informático, profesor e investigador na Universidade de Santiago de Compostela, que actualmente está a realizar a súa tese de doutoramento arredor da tecnoloxía blockchain.  Para divulgar todo este mundo, que xera tanto descoñecemento na sociedade como fascinación a quen se mergulla nel, González puxo en marcha o blogue Consenso Blockchain, que agora pasa a formar parte da sección de Bitácoras de GCiencia, con versión bilingüe en galego e castelán.

Tal e como explica González na introdución do seu blog, que se distribúe mediante unha ‘newsletter‘, é complicado atopar información na rede que sexa accesible ao nivel de coñecementos dun público non especializado. De cando en vez aparecen nos medios de comunicación noticias sobre as volátiles cotizacións do Bitcoin, unha (pero non a única) criptomoeda que existe ou o enorme consumo de enerxía que se utiliza para ‘minar’ estas divisas a través de complexas operacións informáticas.

Publicidade

Ademais, engade que en moitos casos, esta información mestúrase con consellos sobre investimentos e outros aspectos que dificultan a comprensión de como funciona o mundo blockchain para persoas non expertas. Con este obxectivo puxo en marcha o seu blog o pasado 31 de outubro de 2020, xusto 12 anos despois da publicación do artigo que describe o funcionamento de Bitcoin).

Tal e como lembra Isaac, aquel día de 2008, no contexto da crise financieira mundial, un descoñecido (ou un grupo de descoñecidos), co alcume de Satoshi Nakamoto, describía unha especie de sistema monetario que non precisaría de bancos nin intermediarios, baseado na criptografía, isto é, un sistema de cifrado que garante que as criptomoedas funcionen mediante procesos descentralizados e, deste xeito, escapen ao control de calquera individuo ou colectivo.

Publicidade

Estas son as premisas máis básicas para chegar á porta do blockchain e as criptomoedas. E a partir desta semana, será Isaac González quen cho explique. Aquí podes ler o primeiro artigo de Consenso Blockchain:

Consenso, a festa do blockchain

1 comentario

  1. Estamos a vivir unha emerxencia climática que nos está a obrigar como sociedade a transformar radicalmente sectores dos que dependemos para as nosas vidas, como os medios de transporte, a produción de enerxía e a industria alimentaria entre outras cousas.

    Estes cambios non son fáciles e xa están a ter un impacto real na vida de moita xente, tamén en Galicia.

    Neste contexto agradeceríase nun xornal como GCiencia unha visión crítica sobre as criptomoedas, onde “o enorme consumo de enerxía” en vez de unha nota a pé de páxina sexa tratado de forma seria como o que realmente é, un sistema extremadamente ineficiente de facer transaccións dixitais que nos vai custar moi caro se non o paramos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da creación dun NFT galego

Nos últimos anos xurdiron algunhas experiencias pioneiras cos NFT en galego pero... Cal foi a primeira?

Durme neno, durme xa, que vén a inflación e o teu salario e aforros comerá

A inflación non se cingue só á suba de prezos, e cripto non é só unha moeda descentralizada

Cambio de era: o sistema vai ‘blockchainizarse’

A saída a bolsa de Coinbase foi, probablemente, o fito que marca unha nova era na aceptación e regulación de cripto