Todo necio confunde valor e prezo

A relación entre o valor e o prezo é paradoxal. Sen o aire e sen a auga, non durariamos moito e con todo o seu prezo é cero ou ridículo

A relación entre o valor e o prezo é paradoxal. Sen o aire e sen a auga, non durariamos moito e con todo o seu prezo é cero ou ridículo. Foto: pixabay.
A relación entre o valor e o prezo é paradoxal. Sen o aire e sen a auga, non durariamos moito e con todo o seu prezo é cero ou ridículo. Foto: pixabay.

Benvidos á nova entrada de Consenso Blockchain. E moitas grazas pola acollida destes primeiros textos! Aquí podes ler as primeiras entradas.

A canción desta semana une dúas cousas que me fascinan: a música electrónica evocadora de Max Cooper e as estruturas que xeran os flocos de neve. Ah, si, e tamén un título que dá pé a introducir o tema de hoxe. Reflect significa reflectir e tamén reflexionar. E como veremos, o valor pode verse reflectido no prezo, e ese “pode”, obriga á reflexión.

Un par de veráns atrás estaba nunha remota illa grega con dous amigos locais. Como bo galego, o acceso á auga é algo no que non teño que pensar porque en Galicia en todas partes hai auga. Pero nunha illa desértica, con 35ºC de temperatura media, só puiden soltar un what about the water? Os meus amigos explicáronme con toda a normalidade do mundo que o prezo da auga en Grecia está regulado polo goberno, por iso é tan barata en todas partes. É máis, cando chegas a calquera bar, o primeiro que fan é servirche unha xerra de auga e poñer vasos, antes de que pidas nada. É de balde.

A relación entre o valor e o prezo é paradoxal. Sen o aire e sen a auga, non durariamos moito e con todo o seu prezo é cero ou ridículo. Pero canto poderías chegar a pagar por unha botella de auga nun deserto ou nunha remota illa grega a 35 ºC? Obviamente e segundo as circunstancias poderías chegar a pagar moitísimo. A auga é tan valiosa nesa circunstancia que tiveron que limitar o prezo de forma legal.

Ata aquí o exemplo fácil. O valor da auga vén da súa utilidade, neste caso vital. Curiosamente a RAE na primeira acepción de valor si fala de utilidade, e a RAG fala de calidade, ambas moi matizables aplicadas a este caso, porque se miramos á reserva de valor máis famosa, o ouro, non parece que sexa nin moi útil nin que a calidade do ouro sexa superior á doutros metais. Por que o ouro é tan valioso entón? Por que non calquera outro material da táboa periódica? Por que o ser humano historicamente usou o ouro como valor?

Os que saben din que algunhas propiedades, como a capacidade de non oxidarse, o seu fácil transporte, a maleabilidade, o atractivo estético ou a súa escaseza, fano interesante como metal de intercambio. Pero hoxe en día, as nosas moedas non están fisicamente feitas de ouro, e a maior parte do comercio faise de forma dixital, incluso o comercio de ouro faise sen case tocar un lingote. E con todo segue sendo utilizado como reserva de valor. Para min continúa a ser un misterio saber por que é tan apreciado. O único que se me ocorre é que valla iso porque os seres humanos como conxunto “crémonos” que vale iso. E desa crenza nace un número que reflicte ese valor, o prezo.

A frase “todo necio confunde valor e prezo” é de Antonio Machado. Aínda que Quevedo acuñou unha parecida moito antes: “só o necio confunde valor e prezo”. Creo que todos podemos estar de acordo en que é unha verdade como unha catedral. Por moitas das cousas máis valiosas da nosa vida non pagamos nada. Pero seguramente todos algunha vez, eu o primeiro, caemos na trampa de confundir valor e prezo. E non somos necios. Por iso gústame máis a frase de Machado, porque a necidade implica confusión pero non ao revés, non así a de Quevedo, que te chama necio en canto te despistas.

Aprender sobre criptomoedas e blockchain fai que repenses cousas que parecían inamovibles. Desde que é o diñeiro, a técnica detrás de blockchain, a desconfianza como base para o consenso, ou como neste caso: o que é ou non valioso e a súa relación co prezo que lle asignamos.

Os romanos pagaban aos soldados e traballadores públicos un salarium, é dicir, un soldo con sal, xa que era un produto moi valioso e apreciado. Pero se hai algún material que durante toda a historia da humanidade foi símbolo de algo valioso foi e é o ouro. As grandes xoias ou a medalla máis importante tiñan no ouro un valor tamén simbólico. Ademais, como falabamos a semana pasada, un billete ou moeda representaba unha porción de ouro gardada no banco central, pero desde hai unhas décadas isto xa non é así. E con todo, o prezo do ouro segue en niveis sumamente altos. Por que?

O Gold-to-Decent- Suit ratio é un refrán que di que cunha  onza de ouro podes comprar un bo traxe. Evidentemente hai traxes de todos os prezos. Pero detrás da brincadeira hai algo de certo. Se te fixas na imaxe deste artigo verás como durante cen anos isto é máis ou menos certo co ouro. Pero o interesante vén cando nos fixamos no dólar. Depreciouse un 88%! Si, a nosa amiga a inflación. É dicir, non é que o ouro suba de prezo, é que o dólar baixa. Por este motivo ao ouro chámanlle reserva de valor.

A cuestión é que en 2008 un tal Satoshi Nakamoto inventa Bitcoin, e escribe o seguinte:

“Como experimento conceptual, imaxinemos que hai un metal base tan escaso como o ouro, pero coas seguintes propiedades:

– de cor gris aburrida

–  non é un bo condutor da electricidade

– non é particularmente duro, pero tampouco dúctil ou facilmente maleable

– non é útil para ningún propósito práctico ou ornamental

pero ten unha propiedade especial e máxica:

– pode ser transportado a través dunha canle de comunicacións

Se dalgún xeito adquirise algún valor por calquera razón, entón calquera que quixese transferir riqueza a longa distancia podería comprala, transmitila e facer que o receptor a vendese.

Satoshi Nakamoto, Agosto de 2010.

Será bitcoin unha nova reserva de valor dixital? Ninguén o sabe. Pero só coa expectativa de que poida selo, o seu prezo dispárase, como ocorreu nos últimos anos.

Como de preto está bitcoin do ouro en termos de prezo? Se multiplicamos o prezo dun  lingote de ouro por todos os  lingotes existentes teremos 11 billóns de dólares, se facemos o mesmo con bitcoin temos 1 billón de dólares. É a chamada capitalización de mercado ou marketcap. Os  maximalistas de bitcoin cren que superará ao ouro, é dicir, esperan que o seu prezo se multiplique polo menos por 11. Os minimalistas de  bitcoin cren que vale nada ou case nada.

O prezo do Bitcoin variou moitísimo nos últimos tempos. Tamén o ouro sobe e baixa de prezo. O prezo muda en función dos acontecementos e as percepcións da xente, tanto o ouro coma o bitcoin e as criptomoedas varían o seu prezo, con maior ou menor volatilidade. Ademais dada a súa natureza experimental, son activos de reserva de valor ou de investimento moi arriscados.

Canto vale entón bitcoin e canto costa? O prezo ponllo o mercado e o valor posllo ti. Se cres que custa menos do que vale, compras; se cres que custa máis do que vale, vendes. Este “sinxelo” principio é o que rexe o chamado Value investing. Fíxate no incremento de prezo de bitcoin, o ouro e as 500 principais empresas americanas:

A subida de prezo de  bitcoin e as  criptomoedas nos últimos anos é algo que se ve poucas veces na historia. De feito, a moita xente chámanlle a atención os grandes cambios de prezo, tanto para aproximarse buscando un gran beneficio como para afastarse evitando un gran risco. As dúas posturas parécenme razoables. Pero non sexamos necios, a reflexión que se abre coas criptomoedas é sobre algo moito máis importante que o prezo, o seu valor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.