A impresora dos cartos fai ‘brrr’

Cantos euros existen? E quen o decide? Que ten que ver iso con blockchain?

"A máquina do diñeiro normal fai brrr cada vez máis e non ten límite, e a de bitcoin fai brrr cada vez menos e xa está preto do seu límite". Imaxe: Pixabay.

(Aquí podes ler as entregas anteriores de Consenso Blockchain).

Como di o divulgador Javier Santaolalla: listos para que vos estoure completamente o cerebro? Chéganme comentarios de que non é precisamente de xente normal iso de andar preguntando como funcionan os bancos e como se podería construír unha alternativa con criptografía. Concedo, é posible que falte un case diante da palabra normal. O certo é que contar esta nova tecnoloxía de forma sinxela está a ser aínda máis dificil do que xa me imaxinaba. Afortunadamente hoxe temos o exemplo de tantos divulgadores que abordan cuestións tan difíciles como a física teórica, así que seguirei intentándoo.

Nesta entrada é especialmente importante a introdución anterior, porque imos falar de bancos centrais, as entidades que imprimen o diñeiro. Algo do que non se fala moito e que quizais se debería falar algo máis. Á fin e ao cabo o diñeiro é unha das ferramentas máis importantes da nosa vida.

Cada semana acompaño esta primeira parte cunha canción, é unha escusa para poñer música que me gusta, pero trato que sexa máis ou menos alegórica ao contido de cada texto. Nesta edición non hai grupo de música senón varias máquinas TPV (Terminal do Punto de Venda) imprimindo papeis e “interpretando” o himno americano. Se pensamos na Reserva Federal Americana, o equivalente ao Banco Central Europeo, imprimindo papel, é imposible que sexa máis alegórica a canción!

Das criptomoedas escoitamos moitas veces: iso non ten valor! Non está apoiado por nada nin por ninguén. O do valor falarémolo a semana que vén. Que bitcoin e boa parte das criptomoedas non están controladas por ninguén, xa o contaba no artigo anterior. Nesta, quero falarche dos que controlan e apoian as moedas normais e as decisións que toman.

As nosas moedas hai décadas que non están respaldadas por nada físico. En 1971 abolíase o respaldo en ouro das moedas (patrón ouro) e as moedas pasaron a ser “diñeiro por decreto”, tamén chamado fiduciario ou, en inglés, fiat money. É dicir, están respaldadas por alguén, non por algo. As implicacións do diñeiro fiat dan para outro artigo, pero deixo nesta ligazón unha pequena pista, non te asustes.

En definitiva, o control da moeda por parte dunha organización é (precisamente) unha moeda de dúas caras. Por unha banda permite tomar boas decisións en momentos excepcionais, pero tamén permite tomar malas decisións en calquera momento. De feito é difícil saber que é unha boa ou mala decisión. O que é seguro é que alguén a toma e que ademais ten gran impacto nas nosas vidas.

Así que, coidado. Veñen curvas e quizais despois de ler a seguinte parte, diante da afirmación ‘Bitcoin non está apoiado por nada nin ninguén’, pode que penses: Pois mellor!

Money Printer Goes Brrrrr As Central Banks Continue To Add Stimulus

A impresora dos cartos

Cantos euros existen en total? Parece unha pregunta de nenos pequenos. Porén, a resposta e as súas implicacións é algo que a maioría de adultos non temos nada claro. E non, non me refiro a cantos euros impresos existen, refírome a todos, os impresos e os que están “apuntados” nas contas bancarias. Pois é un dato que non é fácil de obter, porque como di a Wikipedia no artigo sobre oferta monetaria:

   “Nunha economía desenvolvida non é fácil establecer unha liña que diferencie entre os activos que poden ser denominados diñeiro e os demais. Debido a que se entende que diñeiro é calquera cousa que poida ser usada en pago por unha débeda, hai unha variedade de formas de definir ou medir a oferta do diñeiro e en concreto na medición do diñeiro bancario.”

Isto é, que non está claro que é exactamente diñeiro e hai varias formas de medilo. Pois estamos ben! Si, antes de seguir afondando tes que saber que estamos diante de conceptos e realidades complexas, que temos que simplificar para achegarnos a elas, pero que non son facilmente abordables. Por iso se lle preguntas sobre algo a dous economistas, daranche tres opinións distintas.

Con todas as reservas e apriorismos, aquí respondo á pregunta. Agora mesmo existen ao redor de 10 Billóns de € (10 ‘trillions’ no sistema anglosaxón), pero tan só 10 anos atrás eran menos da metade. Neste gráfico amoso cantos euros houbo ao longo do tempo.

É dicir, alguén, por algún motivo “xera diñeiro da nada” ao longo do tempo. Ou dito doutro xeito, o Banco Central Europeo “inxecta liquidez” para “estimular” a economía. Como o fai? Pois imprimindo billetes físicos ou dixitais. Na comunidade cripto existe un meme para cando iso ocorre de forma abrupta: ‘a impresora de diñeiro fai brrrrr‘.

Fronte a este evento, os economistas clásicos cren que ao imprimir moito diñeiro xérase inflación. É dicir, o mesmo diñeiro compra menos cousas. Dicíndoo máis directamente: o mesmo diñeiro vale menos. Moita xente na comunidade cripto usa este argumento para pensar nas criptomoedas, especialmente bitcoin, como en valor refuxio da inflación, similar ao ouro.

Lembremos que bitcoin créase na crise bancaria de 2008 como alternativa a estas e outras prácticas. Que agora volven ser utilizadas debido á crise económica que está a xerar a crise sanitaria.

Entón, cantos bitcoins hai, se non hai ninguén que o controla? A cantidade de bitcoins está fixada no algoritmo do programa. Agora mesmo hai aproximadamente 18,5 millóns en circulación. O creador de bitcoin definiu que só haberá 21 millóns de bitcoins en total. A cantidade de bitcoins irase xerando (si, da nada, como todas as moedas) de forma paulatina, como ves na imaxe inferior. Actualmente ‘mínanse’ uns 900 bitcoins cada día e son repartidos entre os computadores que contribúen a que funcione bitcoin. Cada catro anos esta recompensa redúcese ata alcanzar os 21 millóns, en que xa non se emitirá máis moeda e compensarase aos computadores da rede só con comisións por transacción.

En resumo, a máquina do diñeiro normal fai brrr cada vez máis e non ten límite, e a de bitcoin fai brrr cada vez menos e xa está enpreto do seu límite. É por iso que bitcoin considérase un activo escaso, por iso é polo que moitos o comparen co ouro. Aínda que sobre esta comparación e en xeral sobre a economía de cripto, pódense escribir ríos de tinta sen chegar a un… consenso.

3 COMENTÁRIOS

  1. O que vou a poñer non é máis que un xogo cos números sen ningún tipo de rigor, buscando só ese pracer de enredar coas cifras.

    Se un estima que as criptomoedas viñeron para quedarse pero que terán un uso reducido, algo similar ao que é agora Linux fronte a outros Sistemas Operativos (a nivel usuario), podemos imaxinar un uso das criptomoedas en % próximo ao uso de Linux, que aplicado as masas monetarias xa daría un resultado parello a cotización actual das criptomoedas.

    2% de 10 billóns / 21 millóns = 9524

  2. Por simple e tolo que pareza, ese tipo de estimacións son máis comúns do que nos poderiamos pensar. Nun contexto de impresión de diñeiro sen precedentes, penso que éste vai ser un tema se volverá popular.

  3. Moi interesantes estas cifras. Un non pode resistirse a dividir 10 billóns entre 21 millóns e comparar o resultado co valor actual do bitcoin… aínda que esta non é forma de valorar un activo e moito menos se trata dunha predición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.