Guia para empezar en cripto y blockchain. Foto: Pixabay.
Guia para empezar en cripto y blockchain. Foto: Pixabay.

Guía para comezar en cripto e blockchain

Despois da introdución ao mundo das criptomoedas, Isaac González ofrece nesta entrada varias claves para botar a andar

Xa tocaba! Cando empezaba a interesarme polo mundo das finanzas -aínda que isto vale para case todo- os artigos e libros que lía eran “pouco accionables”. Falaban moito de teoría, filosofaban ou mesmo trataban de preparar o terreo psicolóxico coa disciplina. E eu, como bo aprendiz ansioso, quería acción, quería probar, quería concreción. E mirádeme aquí, neste blogue, facendo o mesmo. Ata hoxe.

Foron bastantes as veces que me preguntaron como empezar en cripto, como comprar bitcoins, que outras criptomoedas comprar, que máis se pode facer, que ler e, sobre todo, como facerse rico. O último cóntoo a semana que vén, pero nesta entrada toca unha receita sinxela para empezar, tratando de simplificar os pasos e orientándoos aos que acaban de chegar. As discrepancias, os matices e as dúbidas, son moi ben recibidas nos comentarios.

Cando escribín estas liñas estaba a ver pola xanela como caían grandes flocos de neve anunciando o inverno, o Nadal e o tan ansiado cambio de ano. E viñérame automaticamente á cabeza a melodía que case como tradición poño en Nadal. É Merry Christmas Mr. Lawrence, unha canción composta e interpretada por Ryuchi Sakamoto para unha película, co mesmo nome, na que tamén actuaba. Polifacético, de ampla traxectoria e de orixe xaponesa, seguro que dalgunha forma foi influído pola idea do Kaizen.

O Kaizen é un concepto xaponés con orixe na filosofía taoísta, que significa mellora continua ou cambio a mellor. A idea xeral consiste en alcanzar os máximos niveis de calidade con pequenas melloras constantes. No mundo empresarial esta filosofía é ben coñecida e tivo o seu cumio en Toyota e outras empresas xaponesas hai décadas.

A cuestión, por fin chega a cuestión, é que o mundo cripto é moi novo, complexo, amplo e cambiante. E só se o expoñemos de forma Kaizen, como un camiño de aprendizaxe no que imos facendo pequenas melloras, aos poucos, evitaremos frustracións e poderemos chegar a comprendelo e gozalo. A mesma idea debemos aplicar (e isto é importante) ás cantidades de diñeiro que poñamos en cripto. Adoito dicir que o que entra en cripto hai que tratalo como se non o volveramos ver de novo; é dicir, que se o perdemos completamente, superemos o anoxo en menos de 10 minutos. Recalco que este artigo non é consello de investimento, só unha opinión nun blogue divulgativo.

Preparado para a guía? Preparado para aplicar  Kaizen e sentido común ao teu camiño  cripto?

Xa que estamos orientais, citaremos a Confucio: “O que oio, esquézoo; o que vexo, lémbroo; o que fago, apréndoo”. Pois ben, despois de ver que pode haber diñeiro sen bancos, de como funciona blockchain para que non mande ninguén, do problema de impresión de diñeiro e a inflación e da importancia de non confundir valor e prezo; imos tratar de describir como “facer” cousas en cripto.

1 – Consultar información

Desde o meu punto de vista hai tres tipos de información que poden ser útiles para ti:

– Noticias e eventos do presente

– Prezo e datos de cripto

– Información de aprendizaxe, como libros, artigos ou este mesmo blogue

Coas noticias eu adoito manterme un tanto á marxe. Non leo ningún medio especializado e en xeral decátome das cousas por Twitter; aínda que ten moito ruído, se segues á xente adecuada permite ter unha visión un pouco máis ampla que lendo un só medio. Pero en xeral non trato de tomar decisións polas noticias.

Os datos son o caso oposto: unha ferramenta moi útil e obxectiva. Por suposto, están suxeitos á mala interpretación, pero polo menos son unha referencia case sempre fiable. Existen dúas webs moi parecidas, que están en castelán e portugués que ofrecen moita información como o prezo, todo tipo de datos e un pequeno resumo de cada criptomoeda: Coinmarketcap e Coingeko.

Se estás a empezar, tanto se les noticias como se ves as páxinas de datos, é posible que te perdas en certos conceptos. Pero para iso está aquí Consenso Blockchain, para ir debullando este mundo. Se queres avanzar máis rápido, é momento de consultar outras fontes tanto de webs como de libros. Pero prometín ser práctico, así que non me estendo nesta parte. Deixa en comentarios as ligazóns á información que creas que pode ser interesante.

2 – Conseguir criptomoedas

Para acceder ao mundo blockchain antes había dúas opcións: minar bitcoins ou outras  criptomoedas co teu computador, ou cambialos nunha Casa de cambios, en inglés, Exchange. Hoxe ás persoas que non dispoñemos de carísimos equipos informáticos, altas habilidades e esteamos dispostos a pagar unha gran factura de electricidade, só nos queda a segunda opción. En resumo, compralos.

Existen non moitas, senón moitísimas casas de cambios hoxe en día. Ofrecen a posibilidade de cambiar o teu diñeiro por criptomoedas e viceversa, a un prezo similar ao que verás en  Coinmarketcap ou Coingecko. Así de simple. Rexístraste, pediranche os teus datos e unha vez validado xa podes comprar as túas criptos. Unha vez que xa as tes, todos os exchanges permiten cambialas por outras cripto ou diñeiro tradicional, envialas a outra “conta” ou simplemente deixalas gardadas no exchange.

É importante que a casa de cambios teña boa reputación e que te asegures de que estás na súa páxina web mirando a dirección na barra do teu navegador. Funcionan moi parecido a unha conta de correo tipo Gmail ou Facebook, pero no canto de correos ou posts, tes as túas  criptomoedas. Se perdes o contrasinal, hai formas de recuperala de modo similar a outras aplicacións.

Se queres unha recomendación rápida e persoal de por cales empezar, aquí che deixo dúas opcións:

Coinbase, é unha das máis utilizadas a nivel mundial, é moi sinxela de utilizar, recomendada para principiantes, iso se, as comisións son un pouco máis altas que noutras casas de cambios.

Binance, é unha casa de cambios con moitos produtos financeiros  cripto e con moitas  criptomoedas, está tamén recomendada para persoas con certa experiencia e que buscan a opción máis completa.

As ligazóns anteriores teñen ligazón de afiliado cunha pequena propina para min e para ti se te rexistras. Nas webs de información podes ver máis opcións de casas de cambio e saber o nivel de confiabilidade que lle atribúen.

3 – Gardalas ti mesmo

As casas de cambios son imprescindibles para cambiar diñeiro por criptomoedas. Pero para a súa custodia, xa non son imprescindibles. Existen uns programas para o computador ou o  móbil que se chaman billeteiras, moedeiros ou, en inglés, wallet. Eses programas permítenche dispoñer da túa propia conta, co seu correspondente número de conta (clave pública) e un contrasinal (clave privada).

Poderías enviarte a ti mesmo desde a casa de cambios calquera cantidade á túa conta no moedeiro pagando unha pequena comisión. Desde ese momento, as criptomoedas están custodiadas por ti. Iso quere dicir que se perdes a túa clave privada non poderás acceder á túa conta e ninguén poderá recuperarche o contrasinal. Isto é algo que chama moito a atención e mesmo asusta; pero se o pensamos detidamente, cando nos poden volver dar acceso á nosa conta, tamén nolo poderían quitar (como nun corralito bancario). Hai unha popular frase no mundo cripto: not your keys, not your coins. Por iso é moi importante que escribas o contrasinal en varios sitios e o gardes en lugares seguros. Tamén é importante que o teu computador ou móbil estea protexido.

E se perdes o dispositivo que tiña o moedeiro? Algunha xente pensa que as criptomoedas están no moedeiro, que son un ficheiro ou algo así, é normal pensalo. Pero o “diñeiro” está “gardado” na blockchain. Iso quere dicir que se o dispositivo se perde ou deixa de funcionar, se as claves están escritas en papel só hai que introducilas nun novo dispositivo.

Existen dous tipos de moedeiros:

Moedeiros software (hot wallet), son programas que se instalan no computador ou o móbil. De feito pódense instalar en máis dun dispositivo, o que dá máis seguridade. Recomendo Exodus.

  • Moedeiros para o navegador, son un tipo especial dos anteriores e teñen a vantaxe de que permiten interactuar e pagar en páxinas cripto. Son por iso un pouco menos seguros. Recomendo Metamask.

Moedeiros hardware (cold storage), son pequenos dispositivos que dan máxima seguridade. Recomendo Ledger Nano X.

Como ves, dá un pouco de vertixe facerse cargo de gardar as criptomoedas, pero a outra opción é que alguén as garde por ti, podendo perdelas. Igual que co teu diñeiro do banco, os teus correos ou a información dos teus contactos. Aínda que custodiar as túas propias  criptomoedas é o ideal segundo a filosofía descentralizada de cripto, eu tamén me sentín máis seguro deixando que outro mas garde ao principio. Segue o camiño do kaizen e vai aos poucos probando as distintas ferramentas e trata de ser teimudo gardando os contrasinais.

4 – Utilizalas, ou non

Unha vez que ten as criptomoedas, moita xente non fai nada con elas. Simplemente gárdaas ou aguanta, en inglés hold e na xerga cripto hodl, que vén de Hold on for dear life, algo así como ‘manteno para sempre’. A reserva de valor fronte á inflación ou a esperanza de que esa  criptomoeda acabe valendo moito máis no futuro están detrás deste comportamento.

Por suposto, ao ser moeda permite utilizalas como método de pago onde as acepten, que empezan a ser xa algúns sitios. De feito, Paypal xa permite nos EUA comprar algunhas criptos e os plans son que pronto se poida pagar con cripto. Pero desde xa mesmo, podes comprar tarxetas de saldo en moitas tendas como Amazon, El Corte Inglés ou Spotify con Bitrefill.

Algo que verás por todas partes en cripto é o investimento ou trading, é dicir, a compra e venda especulativa. Aínda que para min ten certo interese, creo que o mundo blockchain vai moito máis alá. De feito penso que o trading é algo que bota para atrás a moita xente que o ve moi complicado ou afastado dos seus intereses.

As transferencias internacionais parecen ser un bo caso de uso pola súa dificultade e custo no modo tradicional. Por exemplo, as divisas que envían os emigrantes aos seus países de orixe, ata hai pouco eran un servizo moi caro e ineficiente.

Outro uso, que foi moi popular ata hai uns anos é o investimento en proxectos futuros de  cripto, mediante as ICOs.

O 2020 foi o ano de DeFi (Finanzas Descentralizadas), xa que saíron moitos proxectos que permitían servizos financeiros sen necesidade de banco (nin exchange). Servizos como pedir préstamos, prestar, seguros, derivados, intercambiar criptomoedas…

Pero tamén hai moitos proxectos que redefinen servizos mediante cripto. Como Brave, que é un navegador que quita a publicidade e reparte a súa  criptomoneda (BAT) aos creadores de contidos en función das webs que vexas. Ou Filecoin, que permite contratar ou vender o espazo sobrante de discos duros. Ou Aragon, que permite facer organizacións descentralizadas autónomas (DAO) sen necesidade de notario, permitindo facer votacións, repartir dividendos e moito máis. Son só algúns exemplos que xa funcionan, existen máis e os que virán.

5 – Impostos e legalidade

A legalidade de blockchain é como a legalidade da internet nos anos 90. Utilízase a legalidade actual, pero esta debe cambiar, está a cambiar e seguro que cambiará moito máis. As casas de cambios son empresas legais e na maioría dos países é legal comprar criptomoedas. A nivel de control, as criptomoedas que están nas casas de cambios son facilmente controlables, xa que o goberno obriga a identificar as persoas que se dan de alta e podería obrigar a esas empresas a que lle pasen información, tal e como fan os bancos. A cuestión é que unha vez que as criptomoedas non están nos exchanges, xa non son  controlables. E aí está o asunto problemático para os gobernos de cara ao futuro.

A nivel impositivo, hai países como Portugal que son moi amigables con cripto e outros, como España, que o son menos. En calquera caso, este asunto pódese resolver con ferramentas que fan os complexos cálculos de tributación por ti, como Atani. E para todo o demais, seguide a Cristina Carrascosa e consultade ao voso asesor fiscal.

6 – Volve ao paso 1

Aquí termina a guía, pero non o camiño. Existen moitos proxectos cripto e irán aparecendo máis, e cambiarán as condicións e servizos. Déixoche as ligazóns en Notion para acceder máis comodamente. Espero que quedase entendible e práctica. Supoño que para algúns será algo moi básico e para outros, demasiada información xunta. Se é así, doume por contento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.