Guía para comezar en DeFi

As finanzas descentralizadas son o lugar de moda en cripto agora mesmo: prometen crear un ecosistema financieiro completamente descentralizado

Redefinir o sistema financieiro

A semana pasada falabamos do infrecuente caso de como uns minoristas asustaban a un poderoso Hedge Fund. Tempo despois a cousa arrefriouse, pero estou seguro que a resaca do vivido seguirá presente un tempo. Se teño que quedar cunha idea deste caso sería esta:

É máis fácil construír un novo sistema financeiro ca reformar o existente.

Naval Ravikant

A frase podería pasar por unha boutade, pero actualmente non o é. Os contratos intelixentes executados sobre blockchain están a permitir redefinir os servizos financeiros, é o que se coñece como ‘Finanzas descentralizadas’ ou ‘DeFi’.

Para moitos, eu mesmo ata hai pouco tempo, ao escoitar a palabra finanzas é coma se nos falasen en chinés, galés ou córnico. Se lle sumamos tecnoloxía blockchain e moitos conceptos novos, a cousa complícase máis aínda. Pero se segues querendo avanzar (e se estás a ler isto intúo que si) fai como ao escoitar a música de hoxe, simplemente déixate levar. Por certo, a canción é de Gwenno, artista galesa que, tras liderar The Pipettes, comezou unha carreira en solitario facendo música en galés e córnico, modernizando e popularizando estas linguas celtas.

Antes de pasar á guía que anuncia o título, déixame que che poña un exemplo concreto da importancia da descentralización.

Uniswap é un dos proxectos DeFi máis exitosos. A idea é sinxela, poder intercambiar moedas da rede Ethereum. E quizá esteas a pensar: pois vaia novidade, é como unha casa de cambio. Efectivamente, é unha casa de cambios pero sen casa, ou noutras palabras, un exchange descentralizado (DEX) en contraposición cos centralizados (CEX). A principal diferenza é que en CEX hai un intercambio entre a casa e ti, nun DEX é entre ti e outros usuarios que achegan liquidez e ese intercambio está arbitrado por un contrato intelixente. Nos dous cóbrase unha comisión, pero en CEX lévano a casa e en DEX lévano (principalmente) os usuarios que achegan liquidez. Un deses usuarios poderías ser ti.

Aínda que desde o punto de vista do usuario a cousa é parecida, cambio as miñas moedas por outras e alguén leva unha comisión. A nivel xeral quítanse moitísimos intermediarios, non é necesario identificarse no proceso, mitígase o risco de desaparición da casa, redúcese a arbitrariedade humana… Non sei se é un bo exemplo, pero non teño un mellor, é como pasar do telegrama ao e-mail, de empresas intermediarias a protocolos.

A DeFi chámanlle os Money Legos. Porque ao ser protocolos abertos que non necesitan permiso para ser utilizados, pódense montar uns sobre outros para seguir construíndo a pirámide dos servizos financeiros. Sería impensable que a aplicación do teu banco non fose do teu banco, en DeFi as aplicacións moedeiro poden ser diversas, do mesmo xeito unha aplicación pode utilizar outras aplicacións e moedas.

Estou seguro que xa o intúes, pero permíteme lembrar que estas aplicacións son aínda moi experimentais e que debes ser moi prudente á hora de introducir diñeiro real ao sistema.

Guía práctica de DeFi

Esta breve guía presupón que comprendes as ideas de blockchain, smart contracts e finanzas descentralizadas. Tamén presupón que seguiches a Guía para empezar en cripto, e xa tes criptomoedas, concretamente Ethereum, nun exchange ou nun moedeiro. Parécenche moitos requisitos? Pois prepárate, que isto só acaba de empezar.

As finanzas descentralizadas pódense aplicar a calquera blockchain con contratos intelixentes, pero esta guía está baseada en DeFi na blockchain de Ethereum. Aínda que xa existen  blockchain que se candidatan como alternativas a Ethereum e que están a construír o seu ecosistema DeFi, son aínda moi pequenas e aínda máis experimentais que as de Ethereum. Tamén se está traballando en proxectos que intercomuniquen blockchains. Dixérache que isto só acaba de empezar?

1 – Instalar e configurar Metamask

Usar unha aplicación DeFi é tan sinxelo como usar unha páxina web, co engadido de que as accións que realices serán gardadas na blockchain. Por iso, precisas un moedeiro ou wallet que poida interactuar co navegador e coa blockchain de Ethereum. O máis popular con diferenza é Metamask, que agora tamén ten versión móbil.

Eu uso un navegador só para cripto: Brave. Axúdame a manter a orde e podo navegar con tranquilidade no meu navegador habitual: Firefox. Brave é un navegador baseado en Chrome e xurdido dun proxecto cripto (BAT) que pretende redefinir a publicidade en liña. Así que este pode ser un bo momento para probar Brave e instalar Metamask. Se non te convencín, podes instalalo no navegador que uses habitualmente, claro.

Unha vez instalado, o logo de Metamask aparecerá arriba á dereita no teu navegador. Aí poderás crear a túa conta. O que estás a facer non é rexistrarte co teu email e o teu contrasinal como en calquera web centralizada, o que estás é creando un moedeiro en Ethereum. Iso implica, que ninguén poderá recuperar a túa conta se perdes a clave privada. No proceso de creación, pediranche un contrasinal normal (sen usuario), e daranche 24 palabras en inglés, a chamada frase semente. Terás que gardalas coidadosamente, pois non son recuperables.

Se queres ter Metamask en varios computadores ou queres cambiar a un novo, simplemente despois de instalar Metamask introduce a frase semente.

2 – Transferir Eth a metamask e coñecer a súa interface

Metamask pedirache o contrasinal en cada sesión que inicies como medida de protección, unha vez introducida verás a súa interface. Na parte superior poderás elixir que “Rede de Ethereum” utilizar, salvo que queiras facer experimentos ou usar outras blockchains, terás que deixala sempre en Mainnet (rede principal). Debaixo aparecerá a clave pública do teu moedeiro, podes velo como o número de conta do banco. Logo verás a cantidade de Ethereum no moedeiro e as accións: comprar, enviar e intercambiar. Por último terás a lista de activos (moedas) que tes, o historial de accións que realizaches e a posibilidade de engadir manualmente un token ao moedeiro (refírese a engadilo á lista de activos, non a engadir novas moedas).

Agora imos enviarnos Eth ao noso moedeiro Metamask. Se xa tes Ethereum en Coinbase ou calquera outro exchange, simplemente vai a el e busca a opción para enviar. Na interface de ‘enviar’ terás que poñer a clave pública de Metamask e a cantidade. É sinxelo, pero asegúrate de que a clave é correcta e que envías Eth; porque se te equivocas non hai botón de ‘desfacer’. Verás que no envío xa se desconta unha pequena comisión pola transferencia na blockchain de Ethereum. Minutos despois, terás xa o teu Eth en Metamask.

3 – Interactuar cunha dapp DeFi

Hai moitísimas aplicacións descentralizadas (dapp), algunhas delas son DeFi, podes ver unha lista moi completa en Dappradar. Unha vez que tes Metamask ou outro moedeiro instalado, utilizalo é simplemente utilizar a web e confirmar no moedeiro as accións.

3.1  DEXes: Uniswap e 1inch

Visitando a web uniswap.org veremos un botón que nos levará á aplicación en si. Alí temos un botón que nos permitirá conectar uniswap e o noso moedeiro. Nese momento xa podemos utilizar a aplicación que nos permite ou ben intercambiar un token que teñamos por outro, ou achegar liquidez (pool) cos nosos tokens. Se temos tokens UNI tamén poderemos votar nas decisións de Uniswap, é o que habitualmente se chama gobernanza.

Uniswap é o exchange descentralizado máis famoso, seguido de Sushiswap, que naceu como unha copia deste pero que evolucionaron de forma diferente. Pero non son para nada os únicos. De feito, Metamask xa permite facer intercambios directamente na aplicación, para iso utiliza os protocolos de Uniswap e moitos outros.

1inch é un agregador de exchanges descentralizados, é dicir, cando queres intercambiar dous tokens 1inch busca a mellor opción entre moitos DEXes. Como o prezo das comisións en  Ethereum actualmente é un problema e cada DEX ofrece prezos lixeiramente diferentes, 1 inch ofrece a mellor opción. O funcionamento é moi parecido a Uniswap, tamén dispón do seu propio token (1inch) para gobernanza e ten pools para gañar rendibilidade proporcionando liquidez.

3.2  Bitcoin en Ethereum

A blockchain de Ethereum e a de Bitcoin son diferentes, polo que se queremos intercambiar Bitcoin e Ethereum non podemos facelo directamente nun DEX sobre a blockchain de Ethereum. Para resolver ese problema, naceron unha boa cantidade de tokens como wBTC, HBTC, renBTC e outras. O que fan é bloquear un Bitcoin na blockchain de Bitcoin e crear un wBTC na blockchain de Ethereum. Existen varias formas de facelo e algunhas non son moi descentralizadas, todo sexa dito. Pero permiten que podamos utilizar Bitcoin en DeFi.

3.3 Préstamos

É un dos casos de uso habituais de DeFi, pedir un préstamo deixando como colateral unha criptomoeda. Aave ou Compound son dous das plataformas máis habituais. Pero se ti non te ves pedindo un préstamo, é posible que queiras ser ti o que deposite criptomoedas que van ser prestadas, gañando por iso intereses. Ao entrar en Aave verás para cada criptomoeda: que cantidade hai depositada, que cantidade está prestada, que interese se ofrece ao que deposita e que interese fixo ou variable paga quen pide o préstamo. É transparente, automático, autorregulado (se hai poucos depósitos sobe o interese pagado; se hai moitos, baixa) e non depende da decisión de ninguén.

3.4 Produtos derivados

Os derivados financeiros son produtos que se basean no prezo doutro activo. Synthetix ou UMA son proxectos que permite crear produtos derivados sintéticos. Por exemplo crear un token que terá o valor do ouro ou outro que terá o valor dunha acción como a de Apple. Nexus Mutual permite mitigar riscos mediante seguros fronte a eventos como un erro nun smart contract.

Os produtos derivados financeiros son moi complexos e á vez moi utilizados nas finanzas tradicionais. Espérase que teñan un gran potencial no futuro, aínda que os seus riscos fanos máis difíciles de abordar. Un argumento ao seu favor no mundo cripto é a necesidade de poder representar o valor de activos do mundo real.

3.5 Panel de control

Os préstamos, os DEX, as moedas estables algorítmicas, os fondos, os activos sintéticos e moitos máis produtos que están por chegar, case todos teñen en común que ofrecen rendibilidade e certas vantaxes a quen ofrece liquidez. O problema é que non é sinxelo lembrar onde depositamos as nosas moedas, e para iso chegan os paneis de control como Zerion. Ofrécennos un resumo dos nosos depósitos nas distintas aplicacións que usamos, dinnos o seu valor presente e ofrecen interactuar directamente con diversos protocolos.

4 – As (malditas) comisións

En canto comeces a xogar con estas ferramentas caerás na conta de que en cada acción que realices co moedeiro, é dicir, cada vez que interactúas coa blockchain de Ethereum, terás que pagar unha comisión. Diciamos que unha blockchain son moitos computadores no mundo rexistrando esas accións e executando os contratos intelixentes. As comisións son o pago que facemos por ese servizo. O problema é que coa gran subida de Ethereum e a gran cantidade de xente utilizando a blockchain as comisións subiron moitísimo. Moitísimo.

Isto limita moito o desenvolvemento de DeFi. Pero todo o mundo é consciente e Ethereum está inmerso no lanzamento da versión 2.0. Tamén outras blockchains están a aproveitar este problema para ofrecerse como ecosistemas con comisións moi baixas.

Conclusión

Seguro que quedan moitos problemas e dificultades por resolver. Por suposto, é posible que DeFi non chegue a ser o sistema hexemónico nunca. Pero estamos a asistir á creación dun novo sistema financeiro, máis aberto, máis transparente, con menos intermediarios. Será este o principio do novo sistema financeiro? Isto acaba de empezar!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.