Xoves 18 Abril 2024

O Hospital de Santiago implanta o primeiro corazón mecánico na área

Un equipo interdisciplinar do Sergas realizou a intervención a un paciente de 74 anos con insuficiencia cardíaca, que xa está de alta na casa

O que conseguiu o equipo do cirurxián Christiaan Barnard no ano 1967 parecía naquel momento ciencia ficción: cambiar o corazón enfermo dunha persoa por outro dun paciente falecido por outras causas, máis co órgano en bo estado. Os primeiros transplantes viñeron acompañados pouco despois doutro enfoque igualmente fascinante: deseñáronse ‘corazóns artificiais’ para que os pacientes puidesen agardar polo órgano dun donante. Pouco a pouco, a ciencia foi achegando novas solucións e no ano 2014, un home de 38 anos, Juan Carlos Agustín Espasandín, foi a primeira persoa en recibir un corazón artificial en Galicia no hospital da Coruña, co que viviu un ano e medio ata que chegou o esperado transplante, co que vive ata hoxe. Sete anos despois, o Clínico de Santiago realizou a primeira operación deste tipo na área sanitaria, segundo informou o Sergas.

Foi un home de 74 anos, que xa está continuando a recuperación no domicilio. O paciente padece insuficiencia cardíaca, unha enfermidade que afecta á capacidade de bombear o sangue e facer funcionar o organismo. En estadíos avanzados, a calidade de vida deteriórase considerablemente e a supervivencia dos doentes é moi baixa, segundo salienta o Sergas. Cada ano ingresan máis de 1.000 pacientes con insuficiencia cardíaca no Hospital Clínico de Santiago; aproximadamente o 1-5% deles poderían ser candidatos a terapias avanzadas de insuficiencia cardíaca.

Publicidade

Para atender estes casos, o servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago incorporou recentemente entre os seus tratamentos o dispositivo de asistencia ventricular esquerda de longa duración (DAVI) que funcionará como un “corazón mecánico”. O traballo foi abordado por un equipo multidisciplinar no que, ademais do Servizo de Cardioloxía, participaron profesionais dos Servizo de Cirurxía Cardíaca e Anestesia e Reanimación, debido á complexidade da operación e á situación clínica dos pacientes nos que se implanta.

“A incorporación das Asistencias Cardíacas de Destino representa un fito na atención a pacientes con insuficiencia cardíaca da nosa área sanitaria e da de referencia (Pontevedra-Salnés). Significa a chegada do que poderíamos denominar corazón mecánico á atención ao paciente con insuficiencia cardíaca avanzada que constitúe a máis nova tecnoloxía na atención a estes pacientes”, subliña o xefe do Servizo de Cardioloxía da área sanitaria compostelá, José Ramón González Juanatey.

O dispositivo consiste nunha bomba mecánica implantada dentro do tórax do paciente que axuda ao corazón para bombear o sangue desde as cámaras inferiores do corazón (os ventrículos) cara ao resto do corpo. Habitualmente colócase no ventrículo esquerdo, aspirando o sangue desa cavidade e bombeándoa á aorta (arteria principal que canaliza o sangue do corazón ao resto do corpo) e require dunha fonte de enerxía externa.

Estes dispositivos pódense implantar como ponte á espera dun transplante cardíaco en pacientes que non poderían esperar para o transplante sen soporte circulatorio; tamén como ponte en pacientes que non son candidatos actualmente a transplante cardíaco pero poderían selo no futuro; como ponte a recuperación en pacientes que con axuda deste dispositivo melloren a función cardíaca e por último como terapia de destino, en pacientes non candidatos a transplante cardíaco.

“Levamos con éxito o primeiro procedemento entre cirurxiáns cardíacos, anestesistas e cardiólogos-continúa- e o primeiro paciente tivo unha evolución fantástica e polo tanto creemos que Santiago se incorpora a unha nova área de desenvolvemento da cardioloxía, da medicina cardiovascular, da que seguro que moitos pacientes se poderán beneficiar e poderán prolongar a súa vida, e mellorar a súa calidade de vida, e nós seguimos no compromiso de incorporar á medicina pública os mellores avances para a atención aos nosos pacientes”, engade González Juanatey.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

O Sergas inicia un programa piloto de cribado de cancro de pulmón

A proba vai dirixida a persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou deixaran o hábito hai menos de 10 anos

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

A intelixencia artificial na sanidade galega axilizará os diagnósticos e mellorará a eficiencia

A Xunta investirá máis de 200 millóns de euros nos próximos anos para abordar a transformación dixital do Sergas e para impulsar esta tecnoloxía