Revolución en Wallstreet, David contra Goliat e David vai gañando

Un foro de internet organízase para destruír un Hedge Fund: que pasou, que fai Elon Musk polo medio e que ten que ver con cripto e contigo?

A 'revolución' arredor de GameStop que se produciu a comezos de ano xerou unha importante expectación.
A 'revolución' arredor de GameStop que se produciu a comezos de ano xerou unha importante expectación.

1ª Parte. A batalla de minoristas vs Wall Street

Na entrega anterior do blogue escribía que “primeiro conquistamos a moeda, logo os servizos financeiros”. E esta semana aproveitarei, precisamente, para lembrar un evento acontecido a comezos de ano, e que fixo que efectivamente a cousa se puxese bélica. Como bo evento do século XXI, non está de todo claro o que pasou e existe, meses despois, unha gran batalla polo relato. Así que esta edición de Consenso pretende ser unha visión do sucedido e as súas posibles implicacións. Aínda que seguín o tema a fondo e documenteime o mellor que puiden, é probable que cometa simplificacións ou erros de interpretación; calquera puntualización ou debate son benvidos nos comentarios.

Protagonistas

Antes de ver a historia falemos de quen a protagonizou:

Wallstreetbets: É un dos moitos foros que existen en Reddit. Reddit é unha das páxinas máis vistas da internet, na que calquera pode crear o seu foro. Wallstreetbets é un foro de investimento un tanto particular, e consiste en compartir operacións desatinadas; está cheo de memes, de parodias autorreferenciais e de investidores descridos. Suponse, por estas características, que boa parte dos participantes son moi novos, investidores da xeración millenial, din algúns. En calquera caso é un foro con moitísima xente participando, centos de miles hai uns meses, millóns hoxe.

Game Stop: É unha empresa cotizada na bolsa americana. O seu negocio é a venda física de videoxogos, que entre a venda en liña e a pandemia, tiña unhas malas perspectivas de futuro. Aínda que recentemente cambiara de CEO e estaba en proceso de transformación ao dixital. Dada a idade e o tipo de xente de Wallstreetbets, é máis que probable que lle tivesen un certo agarimo por ser a tenda dos videoxogos da súa mocidade.

Robinhood: é unha das aplicacións máis populares entre os investidores minoristas, especialmente os máis novos, para facer trading de bolsa. É dicir, serve para comprar e vender accións. A súa popularidade vén, en parte, por ter cero comisións. E como o seu nome indica, a súa narrativa é a de dar acceso ao investidor comerciante polo miúdo fronte aos grandes fondos. Ademais, esta empresa está nun momento crítico, pois vai saír a bolsa pronto.

Melvin Capital e os Hedge Funds: Os fondos de cobertura non teñen en xeral boa fama. Especialmente desde que George Soros, nos 90, conseguise xerar moitas ganancias apostando en contra da libra esterlina, xerando grandes perdas ao país. Tampouco a crise de 2008 axudou no seu prestixio. Pois ben, nesta historia un fondo chamado Melvin Capital tamén apostou contra  Game Stop. O que pasou a continuación vaite sorprender…

Que pasou?

A faísca

DeepFuckingValue na entrevista do WSJ.
DeepFuckingValue na entrevista do WSJ.

Durante os días nos que se produciu o culebrón do que imos falar, o Wall Street Journal abría cunha entrevista a Keith Gill, usuario de Wallstreetbets chamado DeepFuckingValue, que publicou desde hai tempo unha captura ao día de ganancias e perdas no seu investimento en Game Stop. A xustificación do investimento deuna neste vídeo publicado en 2020. Os comentarios ás súas capturas eran ao principio dúbidas, especialmente cando investiu máis diñeiro despois de importantes perdas. Pero algo pasou. Os usuarios empezaron a ver que había unha  esaxeradísima presión baixista que chamaba a atención. Dado o tamaño, supoñíase que procedería dalgún “peixe gordo”. Ir directo contra Goliat non parecía unha boa estratexia, agás se…

Espremendo o curto

Facer un curto ou short é apostar a que unha acción vai baixar. Éme inevitable ter que explicar que é poñerse en curto, pero se xa o sabes ou non che interesan os detalles podes saltar o parágrafo.

Se crees que unha acción vai baixar, podes pedir prestadas accións e vendelas. Pasado un tempo, se as accións baixaron, cómpralas para devolvelas. Poño uns datos imaxinarios para ver a magnitude da ganancia ou perda. Unha acción vale 1000€, para poñerte curto pides prestada esa acción unha semana, o que che custa 50€ de intereses e véndela por eses 1000€, polo que tes 950€ e a obrigación de devolver esa acción ao final da semana. Se a acción baixa a 500€, cómprala e devólvela, gañando 450€. Se a acción sobe a 1500€, tela que comprar, polo que perdeches 550€. Poñerse curto considérase unha forma moi arriscada de investimento, xa que potencialmente a perda non ten límite. Se compras unha acción que vale 1000€ e a empresa vai á creba, perdes 1000€; se te pos curto nunha acción que pasa de 1000€ a 10.000€ perdes 9.000€ máis intereses. Se ademais temos en conta que para poñerte curto só tes que pagar de entrada os intereses (eses 50€), con 1000€ poderías pedir prestadas 20 accións, o que no caso anterior levaría a perdas de 180.000€. Obviamente todo isto é moito máis complicado, existen formas de minimizar o risco e estas operacións fanas especialistas. Tes unha mellor explicación na canle de Óscar Vara.

Suponse que Melvin Capital tiña unha cantidade enorme de curtos sen proteccións sobre a acción de Game Stop. Que pretendían? Pois quizá exercer unha presión baixista para que crebase a empresa, polo que non terían que devolver as accións nas que se puxeron curtos, ou facelo a un prezo moi baixo. Os Hedge Fund son tan grandes que non só fan apostas senón que o seu tamaño fai que os prezos se movan normalmente cara a onde eles apuntan.

Pero aquí entra Wallstreetbets, un foro cheo de memes, en aparencia non dirixido por ninguén, que empeza a entrar en masa a comprar accións de Game Stop e a ver que o prezo sobe primeiro aos poucos, daquela dobrando, triplicando, x10 e MOOOON 🚀

Por que? Melvin, ao estar en curto, tiña que devolver moitísimas accións no futuro e ao ver que estaban a subir cada vez máis rápido, vese obrigada a comprar canto antes, o que fai que sigan subindo. De feito, se compra moitas accións o prezo subirá máis rápido aínda. Un círculo vicioso chamado short squeeze ou apertar o curto. E como che mostraba no exemplo, se a subida era suficientemente forte o efecto multiplicador podía levar por diante todo o Hedge Fund.

Cotización de Gamestop no último ano.
Cotización de Gamestop no último ano.

No gráfico podes ver como a porcentaxe de ganancias se descontrolou. A acción pasou nuns días de menos de 20 a case 350$. Uns cambios de prezo poucas veces vistos en accións, e, o máis raro aínda, en contra dun Hedge Fund.

Pero aínda que pareza mentira, isto non ía de diñeiro.

Era algo persoal

A situación é a seguinte: hai persoas mozas de clase media que están a gañar cantidades de diñeiro enormes, desas que lles poden cambiar a vida. Só tiñan que pulsar o botón ‘vender’. Pero non o pulsaban. É máis, moita máis xente entraba a comprar case como unha forma de apoio á comunidade e como unha vinganza. Esta carta contando o dolorosa que foi a crise do 2008 e culpando aos Hedge Fund, pode ser un bo resumo do ambiente. A carraxe contra o establishment financeiro tomou o control.

O propio DeepFuckingValue mostraba nas súas capturas como chegaba aos 50 millóns de dólares e ao día seguinte perdía 15. Pero a comunidade toleaba sabendo que non vendera e que aguantaba. Seguían os memes:

E nisto chegou Elon Musk

O célebre presidente de Tesla leva tempo usando o seu Twitter con memes e mensaxes crípticas que inflúen no mercado. Pois ben, cos seus 45 millóns de seguidores e ese chío usando un meme e enlazando ao foro, disparou a acción outra vez á lúa.

A reacción

A cousa estaba a poñerse seria, Melvin estaba en perigo e a atención que estaba a xerar o foro a nivel mundial era enorme. Así que Citadel e outros fondos inxéctanlles case 3 mil millóns para que poidan aguantar a súa posición baixista. Esa noticia empuxa á comunidade para comprar máis e sobe o prezo. Aparentemente Melvin capitula, segundo a cadea CNBC, e pecha a súa posición baixista cunhas perdas xigantescas. Pero no foro fan os seus cálculos e veno imposible, así que seguen aguantando e non vendendo. A cousa está a poñerse moi fea para Melvin, pero isto non vai quedar así…

2ª Parte. As trampas, cripto e ti

A saída desta crise para Melvin pasaba paradoxalmente por poder comprar as accións que en boa parte tiñan xente de Wallstreetbets, facéndolles gañar moito diñeiro. Pero o intento de filtrar que claudicaran non funcionou, así que escalaron as hostilidades. Lanzaron bots para encher o foro de noticias, impedindo o uso normal, o que levou aos administradores a poñelo en privado un tempo, bloquearon o chat de Discord, o grupo de Facebook foi pechado, nada foi suficiente así que deron o seguinte paso.

Varias aplicacións usadas para comprar e vender accións empezaron a non permitir comprar, especialmente unha das máis populares: Robinhood. Robinhood era xa un broker sospeitoso pois non tiña comisións, e sospeitábase que cando un cliente enviaba unha orde de compra, eles atrasábana o suficiente como para que algún dos Hedge Funds que a financiaban puidesen aproveitar esa información. Pero no momento máis crítico, non é que impedise comerciar coas accións de Game Stop, senón que permitía vender pero non comprar. Mesmo se lle acusou de vender sen o consentimento dos propietarios. Xusto o que necesitaba Melvin, que fora apoiada economicamente por Citadel, que (oh, sorpresa!), era un dos principais clientes de Robinhood.

Efectivamente, o prezo derrúbase. Pero semellante trampa xera unha onda de reaccións de políticos dos dous grandes partidos estadounidenses, grandes investidores e famosos. Outros países, especialmente de Europa, con menos restricións, comezan a comprar, lembremos, a un prezo desorbitado. Prodúcese un boicot a Robinhood no que a aplicación recibe máis de 200.000 comentarios negativos na tenda de Android. A reputación de Robinhood queda destruída pouco antes da súa saída a bolsa. Ao pouco tempo e de forma parcial levanta as restricións e o prezo volve subir. É venres, pecha a bolsa. Parece que os baixistas perderon 20 mil millóns de dólares. O luns segue a batalla.

Estas oscilacións de prezo en poucos días nunha acción dun tamaño mediano como esta vense moi poucas veces. Que o prezo o movan os investidores minoristas fronte aos investidores institucionais vese moito menos. Pero foron só os comerciantes polo miúdo? Sábese que outros grandes investidores entraron no xogo e é máis que posible que exista acción detrás da cortina. Non o sabemos. O que si parece claro é que o dano na reputación a todo o sistema é enorme, especialmente vendo a xustificación do CEO de Robinhood ou o de Interactive Brokers.

Non parece desatinado pensar que coas finanzas tradicionais (centralizadas) en río revolto, as finanzas alternativas (descentralizadas) estean frotando as mans e preparando a cana. De feito, o propio Elon Musk cambiou a súa biografía en Twitter e simplemente poñendo a palabra Bitcoin fixo subir un 20% Bitcoin, o que en comparación a Game Stop parece un xogo de nenos. Aquela foi unha semaniña entretida, vaia.

E como conclusión final dun artigo tan inusual. Que ten que ver isto contigo? Aínda que parece unha película de ciencia ficción, estamos a falar do sistema que xestiona unha ferramenta tan importante para a civilización como o diñeiro. A entrada enorme de minoristas ao mundo do investimento ten que ver coa case inexistencia de alternativas líquidas para evitar a desvalorización por inflación, como eran os bonos e os depósitos. Se ademais sumamos a máquina de imprimir diñeiro facendo ‘brrrr’ e a pandemia, chegamos a un momento de incerteza no que, creo, vale a pena aprender máis sobre como xestionar as nosas finanzas persoais e que alternativas existen 😉

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.