Os perfís verificados galegos, contra a nova insignia azul: “Twitter será menos fiable”

Perfís influíntes como os xornalistas Gonzo, Lucía Taboada ou Manuel Gago critican a proposta de Musk de cobrar pola verificación: "O identificador beneficia á imaxe de Twitter"

Un fío de Twitter. Esa foi a canle que empregou Elon Musk para anunciar os seus plans de comezar cobrar oito euros mensuais a todos aqueles usuarios que queiran manter a súa insignia azul e amosarse publicamente como perfil verificado. Hai apenas unha semana, o novo “xefe de Twitter” -como reza o seu perfil na rede social- entraba na sede da compañía en San Francisco, performance incluída, e, apenas tres días despois, anunciaba esta polémica medida: “O actual sistema de señores e campesiños de Twitter para saber quen ten ou non unha marca de verificación azul é unha merda. Poder para o pobo! Azul por 8$/mes”. A acción chega despois dunha filtración que revela que Musk planea despedir ao 75% dos 7.500 empregados de Twitter, segundo el mesmo comunicou aos bancos que van financiar a operación de compra-venda.

Supoño que a primeira consecuencia será que haxa menos contas verificadas. Coido que non serán poucas as que decidan non pagar

GONZO, xornalista e director de Salvados

Máis alá da altivez e da extravangacia habitual do multimillonario propietario tamén de SpaceX e director xeral de Tesla, a noticia está a remexer aos usuarios dunha das redes sociais máis influíntes do mundo. Persoas galegas adicadas de xeito profesional á comunicación e con grande influencia en Twitter quixeron compartir con GCiencia algunhas das súas reflexións a propósito do anuncio de Musk: “A medida é tan desafortunada como todo o que escoitamos de Musk dende o día que dixo que quería mercar Twitter. Supoño que a primeira consecuencia será que haxa menos contas verificadas. Coido que non serán poucas as que decidan non pagar. Iso supón que sexa máis doado suplantar personalidades e polo tanto que Twitter sexa unha rede menos crible”, reflexiona o xornalista e director de Salvados, Fernando González ‘Gonzo’.

Publicidade

Outra das persoas con máis repercusión na esfera galega de Twitter é o xornalista, investigador e divulgador Manuel Gago que plantexa un cambio de marco á hora de pensar o modelo de financiamento da rede social e máis de quen aporta valor cos seus contidos: “Podo entender a idea de Musk de obter rendibilidade dunha plataforma que é tan influínte política e socialmente como deficitaria a nivel económico. Pero a miña opinión é que a proposta de Musk é unha arroutada que nace sen facer, precisamente, unha análise detida do futuro da plataforma. Como lle sinalou Stephen King, creo que o identificador azul a quen beneficia sobre todo é á imaxe de marca e Twitter. Non dubido que haxa xente que a considere un prestixio, pero o seu impacto real na credibilidade do usuario con marca azul debe ser moi reducido.”

Unha vía de crecemento lóxica para a plataforma sería cobrar por sistemas de storytelling máis avanzados

MANUEL GAGO, xornalista, divulgador e profesor da USC

O pago que plantexa Musk a través de Twitter Blue dará ao usuario prioridade en respostas, mencións e procuras, así como a posibilidade de publicar vídeos e audio longos. O novo dono de Twitter contemplou tamén que o servizo ofrecerá a posibilidade de eludir o muro de pago dos medios de comunicación que estean dispostos a colaborar coa rede social. Iso, engadiu o magnate, “dará a Twitter unha fonte de ingresos para recompensar aos creadores de contido”. Nese sentido, o tamén profesor da Universidade de Santiago de Compostela plantexa outro enfoque: “Outra cousa é que Musk ofrecera prestacións ou servizos agregados para aqueles comunicadores que fan un uso intensivo da plataforma. Twitter ten serios problemas, por exemplo, para recuperar información, ou enriquecer a construción de historias. E unha vía de crecemento lóxica para a plataforma sería cobrar por sistemas de storytelling máis avanzados”. No que a el respecta, “se Musk quere facernos pagar por ter a insignia azul, a solución é moi fácil. Non tela. No ámbito no que eu publico -o ámbito galegofalante ou europeo do sector cultural- non percibo que o badge axude a dar credibilidade á miña imaxe dixital“. E remata: “O da insignia creo que é, precisamente, non entender quen dá valor a quen. E eu teño clarísimo que somos nós quen damos valor a Twitter, e non ao revés”.

Moitos usuarios achegan valor á rede social coa súa presenza. Vaslles a pedir diñeiro por facer a túa rede máis valiosa?

LUCÍA TABOADA, xornalista en La ventana da Cadena SER

“Se son sincera persoalmente nunca me importou ter a marca de verificación ou non tela, de feito conseguina fai relativamente pouco e iso nunca determinou a miña experiencia en Twitter. Pero si me parece importante para distinguir se a persoa (xornalista, celebridade, activista ou o que sexa) é en realidade esa persoa en lugar de, literalmente, calquera troll detrás dunha pantalla“, reflexiona Lucía Taboada, xornalista galega en La ventana da Cadena Ser e cunha ampla audiencia na rede social. “Se o criterio a partir de agora será meramente económico a verificación devaluarase. Moitos usuarios achegan valor á rede social coa súa presenza. Vaslles a pedir diñeiro por facer a túa rede máis valiosa?”, remata.

As múltiples queixas dos usuarios verificados, que consideran que estiveron ofrecendo contido gratis á rede social durante anos, non convenceron ao novo propietario. “A todos os que se queixan, continúen queixándose, pero custará 8 dólares”, insistiu Musk este mércores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Gciencia: dez anos e moitos premios

O xornal da ciencia galega acadou na súa traxectoria os principais galardóns á divulgación, culturais e polo uso do galego

Dez anos de xornalismo e divulgación

O reitor da UDC, Julio Abalde, salienta o papel de Gciencia como impulsor da divulgación científica en Galicia nos últimos 10 anos