A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela

O grupo de investigación NeurObesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o grupo I+D Farma da Universidade de Santiago (USC) foron galardoados cos Premios á Transferencia de Tecnoloxía pola Real Academia Galega das Ciencias (RAGC). A institución tamén premiou o traballo de divulgación de Galiciencia, da xornalista Lucía Cancela e outorgou un accésit á súa compañeira Uxía Rodríguez.

A entrega dos premios, celebrada na tarde deste mércores no Pazo de San Roque de Santiago, dividíanse en diversas categorías. Por un lado, un dos galardóns á transferencia tecnolóxica foi para un proxecto de produción sostible de materiais porosos estériles para aplicacións biomédicas. Foi creado polo Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago, liderado por Carlos García e encadrado na investigación predoutoral de María Carracedo.

Publicidade

O equipo de García desenvolveu aeroxeles —unha tecnoloxía emerxente de vangarda— estériles, algo nunca acadado. O proceso foi moi complicado, debido á complexa nanoestrutura do material. Trátase dunha solución industrial prometedora e viable tanto desde o punto de vista tecnolóxico como económico. Isto permitirá a redución de tempos de produción e custos. Agora, estase a valorar a transferencia dos posibles usos biomédicos e alimentarios en colaboración con empresas galegas.

Axudar a tratar a obesidade

O outro proxecto premiado nesta categoría foi para o grupo de investigación NeurObesity, do CiMUS. O equipo, coordinado por Miguel López, conseguiu avances importantes no desenvolvemento dunha terapia para abordar os mecanismos que modulan o equilibrio enerxético. Isto é unha alternativa de alto potencial para tratar a obesidade e as súas comorbilidades. Esta tecnoloxía foi transferida a Gazella Biotech, unha nova firma biotecnolóxica fundada en Santiago como spin-off da USC.

Publicidade

No ámbito da comunicación, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2025 foi para Galiciencia. Dirixida a alumnado desde Primaria ata Bacharelato, é unha das maiores feiras de ciencia e tecnoloxía. En cada edición presentan proxectos e solucións creativas vinculadas a temas de interese para o conxunto da sociedade como a saúde do planeta, a alimentación e os bos hábitos ou a sostibilidade. O director xerente de Tecnópole e promotor do evento, Javier Taibo, agradeceu á Academia o recoñecemento xusto no seu 20 aniversario. “Seguiremos promovendo incansablemente as carreiras STEM entre a mocidade galega”, afirmou.

Un recoñecemento á divulgación científica

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas foi para Lucía Cancela. Recibiuno por Traballos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago descifran como todos os camiños levan á obesidade. Este trata os proxectos que se están a levar a cabo no IDIS para atopar os mecanismos que expliquen unha patoloxía tan complexa como é a obesidade e buscar solucións á mesma. Ademais, pretende rachar cos mitos e co estigma que padecen as persoas que a sofren. “O xornalismo científico é máis importante que nunca, debe actuar como un filtro rigoroso ante o exceso de desinformación”, salientou Cancela.

Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe Dentro do quirófano nun transplante de corazón: Foi case perfecto cando volveu a latexar, de Uxía Rodríguez. Amosa, desde os quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), non só a complexidade técnica dun transplante de corazón, senón tamén a súa dimensión humana. “Premios como este reforzan o valor do xornalismo que pon o foco na ciencia e nas historias humanas que hai detrás dos grandes fitos médicos”, afirmou.

Ao evento asistiron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Mª Cristina Naya; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a decana da facultade de Farmacia da USC, Reyes Laguna; e o presidente da RAGC, Juan Lema; xunto a outros representantes do eido científico, cultural e académico da comunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se ve Galicia dende o ceo? Así era o territorio galego captado por helicópteros nos anos oitenta

A Fundación Barrié e o Ministerio de Defensa reuniron fotografías históricas nun volume de máis de 200 páxinas para amosar a riqueza paisaxística e urbana

Fin de semana de inverno exprés: unha fronte fría descenderá as temperaturas ata os 17 graos

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela vivirán os maiores contrastes térmicos do episodio tras máximas que rozarán os 30ºC

Galicia consolídase na elite da física mundial: “Queremos facer un descubrimento relevante”

O IGFAE participará na análise de datos de colisións e na mellora do 'software' do experimento do CERN para optimizar a detección de fenómenos pouco coñecidos

Está contaminada por nitratos a auga do teu concello? Consúltao neste mapa interactivo

Unha ferramenta de Greenpeace amosa os niveis destas substancias derivadas do nitróxeno e sinala focos críticos en Ourense