As candorcas afundiron o veleiro portugués? Os expertos dubidan da versión oficial

O biólogo galego Alfredo López nega que aumentase a frecuencia dos ataques e asegura que en 2022 estanse a producir menos interaccións

O veleiro afundido na costa de Viana do Castelo. Crédito: Autoridade Marítima de Portugal
O veleiro afundido na costa de Viana do Castelo. Crédito: Autoridade Marítima de Portugal

Sobre as candorcas (Orcinus orca) pesan un feixe de estereotipos. Estes cetáceos, recoñecibles pola súa pel bicolor, son frecuentemente etiquetados como animais moi agresivos e a interacción coas embarcacións tan só contribúe a alimentar a súa mala fama. Segundo informa a Autoridade Marítima de Portugal, un veleiro naufragou o 1 de novembro fronte á costa de Viana do Castelo despois dunha suposta interacción cun grupo de candorcas. Malia que esta é a versión que trascendeu ata o momento, os expertos manteñen a cautela. “Non temos confirmación oficial, por iso tratamos de ser moi precavidos. Descoñecemos os detalles. Tan só sabemos que o barco afundiu de proa e iso paréceme estraño. Se hai algún dano no leme, a vía de auga debería ser na popa, non na proa”, apunta o biólogo galego Alfredo López, membro do Grupo Orca Ibérica.

Segundo os detalles trasladados polas autoridades portuguesas, Salvamento Marítimo de Lisboa recibiu unha alerta ás 12.05 horas do martes. O aviso informaba dun veleiro a punto de afundirse a uns 25 quilómetros do porto de Viana do Castelo. Levaba a bordo catro tripulantes que xa foran rescatados por outro veleiro próximo cando chegaron os servizos de emerxencia. As autoridades relacionan o accidente cunha interacción entre o veleiro e un grupo de candorcas, malia que as causas do afundimento aínda non se esclareceron. “Nós non nos imos pronunciar ata que non teñamos a confirmación. Non é a primeira vez que se lle atribúe un accidente ás candorcas que logo se produciu por outras causas”, asegura o biólogo galego, que recorda un caso en Malpica. “Deron aviso dun barco afundido por interacción. Mobilizouse Salvamento Marítimo, o helicóptero… A tripulante puxérase moi nerviosa pero cando o equipo subiu ao bando nin entrara auga nin se producira ningún escape”, lembra o experto.

Preto de 300 interaccións en dous anos

Dende o Grupo Orca Ibérica, do que forma parte o propio López, manteñen unha atención e vixilancia continuada das interaccións entre barcos e candorcas, contabilizándoas e dando avisos se é preciso. O sentir xeral pode levar a pensar que cada vez son máis frecuentes os ataques que perpetran estes animais contra as embarcacións; unha tese completamente refutada polo biólogo galego: “Non, para nada. Iso é falso”. Apoiándose nos datos recabados nos últimos anos, López asegura que en 2022 se produciron menos interaccións que o ano pasado: en 2021 rexistráronse arredor de 200; en 2022 o número descende a 180. “Son cifras aproximadas pero o que non podemos afirmar de ningún xeito é que as interaccións estean aumentando. O que acontece é que as candorcas van cambiando de escenario: en 2020 estiveron en Galicia, en 2021 no Estreito e en Xibraltar e en 2022 en toda a fachada atlántica da península”, sinala López.

Só a subpoboación de candorcas ibéricas interacciona recorrentemente coas embarcacións

O motivo polo que as candorcas interaccionan cos barcos aínda non está claro. Segundo o grupo de expertos ao que pertence o biólogo galego tan só a subpoboación ibérica actúa desta maneira. Recoñecen que hai casos esporádicos en todo o mundo, pero nunca de forma “tan repetitiva no tempo e no espazo” como está a ocorrer na costa atlántica da península ibérica. As hipóteses que barallan, segundo explica López, son dúas. A primeira delas avoga por un comportamento autoinducido. É dicir, unha nova forma de xogar. “Sería propio de candorcas adolescentes e xuvenís”. A outra hipótese defende que as interaccións son defensivas ante o recordo dunha mala experiencia: “Intentan parar o barco para que non lles ocorra o mesmo que xa lles pasou unha vez”. Este tipo de comportamento sería propio de candorcas adultas, segundo continúa explicando López.

A primeira interacción rexistrada na zona a estudo —que tamén inclúe a Bretaña francesa— produciuse en maio de 2020. Dende aquela, o Grupo Orca Ibérica leva notificadas preto de 400. “Temos identificadas 16 candorcas relacionadas con este tipo de eventos. A meirande parte delas con actuantes, é dicir, as que producen a interacción, pero hai outras que tan só son observadoras”, explica López. No que respecta ás cifras, o biólogo galego recalca que non todas as interaccións producen danos nos barcos. Segundo as cifras que ofrece o experto, “só o 20% derivan nun barco roto”. É dicir, independetemente de que a avaría sexa leve ou grave, a embarcación xa non pode navegar. Ademais, o 22% das interaccións prodúcense de noite, por iso se recomenda non navegar nestas zonas despois da caída do sol. “É unha cifra que se pode reducir. Non vaias polas áreas de interacción durante a noite. Non só te estás poñendo a ti en perigo, senón tamén aos equipos de rescate”, indica López.

Como actuar

Outro dos aspectos máis importantes é saber como actuar ante a proximidade das candorcas. Por iso, o grupo de investigación que integra López deseñou un protocolo de actuación. Malia o que cabería pensar nun inicio, os expertos non aconsellan aumentar a velocidade ante o avistamento destes cetáceos porque os animais pódeno interpretar como unha motivación. “Os barcos teñen unha velocidade crítica que vai en relación coa onda de desprazamento e coas súas características. Este tipo de velocidade nos veleiros, por exemplo, sempre vai ser menor que a que poden acadar as candorcas, polo que é absurdo intentar fuxir”, sinala López. E recalca a idea de que elas poden interpretalo como unha competición: “Por iso dicimos que parar o barco é unha boa medida”. De igual maneira, o biólogo galego non recomenda facer ruído nin berrar para non alteralas. Aínda así, López advirte que non son consellos máxicos e, polo tanto, non teñen por que funcionar en todos os casos.

“Parar o barco pode ser unha boa medida para evitar o ataque das candorcas”

ALFREDO LÓPEZ, biólogo

Máis alá dos protocolos de actuación ante o avistamento de candorcas, a concienciación e sensibilización é un eixo fundamental. “Segue a perpetuarse a imaxe de que son monstros horribles e os navegantes, moitas veces, non saben como enfrontarse. É importante que as coñezan e que entendan que se trata dunha especie protexida“, explica López. Continúa apuntando que se alimentan principalmente de atún: o mesmo motivo polo que se moven dende o Estreito de Xibraltar ata Galicia. “Seguen o atún en primavera, na súa migración reprodutiva cara ao Mediterráneo, xusto cando esperan a saída dos animais que xa se reproduciron no seu camiño cara ao Atlántico Norte en verán”, apuntan dende o Grupo Orca Ibérica.

No que respecta ao seu comportamento, López defende que a actitude das candorcas non é agresiva. “Non son violentas. Se o teu sobriño está a xogar cunha pelota e rompe o teu xarrón chinés, dirías que é violento? Non”, exemplifica o experto galego. De igual maneira, recomenda non enfadalas. Ao parecer, hai xente que optar por lanzar petardos para asustalas. “Se o queren facer, que o fagan, pero non sabemos como van actuar”, advirte o biólogo galego. Para el, a clave está en informar de forma veraz e divulgativa: “Hai que trasladar a información tal e como é; que os navegantes saiban que teñen debaixo. Logo, que actúen como lles pareza”, continúa López. Xusto agora acaban de lanzar un proxecto de educación ambiental que persegue este obxectivo: desterrar as candorcas como protagonistas da crónica negra dos mares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.