Imaxina unha ringleira de luces cruzando o ceo nocturno. A simple vista non son máis ca iso: bólas brillantes que se moven de maneira compasada. Iso foi o que avistaron moitos sevillanos durante a noite do domingo, facéndose eco en redes sociais do fenómeno para dilucidar cal era a súa orixe. A resposta foi sinxela: eran os últimos satélites que o multimillonario Elon Musk acababa de lanzar ao espazo ao abeiro do proxecto Starlink. O seu obxectivo é crear unha rede de 12.000 aparellos para ofrecer un servizo de internet de alta velocidade en calquera punto da Terra.
Velos circular polo espazo é todo un espectáculo. Aínda que esta vez se viron dende Sevilla, xa pasaron por Galicia en 2019. Agora, unha páxina web permite saber cando poderás avistar os satélites dende a túa casa, informándote tamén da idoneidade das condicións meteorolóxicas. De todas formas, os datos que ofrecen na web non son concretos, tan só aproximados, posto que a órbita dos satélites cambia a miúdo e sen previo aviso. Na páxina tamén advirten que, incluso cando os aparellos voen sobre nós, hai moitos factores que inflúen á hora de reflictir suficiente luz solar como para ser vistos.
De todas formas, a web é unha axuda extra para lograr a súa observación. O seu funcionamento é ben sinxelo. Tan só é preciso introducir a túa localización e automaticamente móstranse os satélites máis visibles, en que data, en que horario e en que dirección debes mirar para albiscalos. Se un introduce Vigo, por exemplo, descubrirá que durante os próximos días os satélites non serán moi visibles. Aínda que os houbese, dende a páxina informan que non habería boa visibilidade. Esta situación tamén se repite nas capitais de provincia.
Como funciona Starlink?
Detrás desta iniciativa está Musk e a súa empresa SpaceX co obxectivo de construír unha rede de internet mundial con miles e miles de satélites. Cada certo tempo vanse lanzando á órbita pequenos grupos de satélites que, ás veces, se poden ver a simple vista, como aconteceu en Sevilla. Pero o obxectivo principal deste proxecto é levar internet a cada recuncho do planeta, incluíndo as zonas nas que tampouco hai cobertura móbil. De feito, na páxina de Starlink asegúrase que o proxecto conta coa “constelación máis grande de satélites altamente avanzados que operan en órbita baixa”.
Segundo informan, o resto de servizos de internet satelital proveñen de satélites xeoestacionarios que orbitan o planeta a máis de 35.000 quilómetros. Por iso o tempo de datos de ida e volta entre usuario e satélite, o que se coñece como latencia, é alto. Polo tanto, ver un contido en streaming ou facer videochamadas require un alto uso de datos. Pola contra, Starlink —segundo indican na súa páxina— está conformado por unha constelación de satélites que orbitan máis preto da Terra, e uns 550 quilómetros, e cobren todo o mundo. Isto implica que a latencia é “considerablemente menor”. Aseguran, ademais, que o servizo que ofrecen “é ideal” para aquelas áreas con mala conectividade ou onde non chegan outras ofertas de internet. En Galicia o servizo de Musk xa está dispoñible.