O galego aos mandos da dinámica orbital da NASA: “O espazo parecíame ciencia ficción”

Andrés Dono entrou na administración espacial americana con 24 anos para facer unhas prácticas. Unha década despois lidera o equipo que deseña a traxectoria dos satélites

A Administración Nacional de Aeronáutica e o Espazo (NASA) ten máis de 17.000 traballadores repartidos en varios centros por Estados Unidos. Nese equipo tan grande e con funcións tan diferentes entre si hai varios galegos. Un deles é Andrés Dono, un vigués de 34 anos que estudou física na Universidade de Santiago. Despois de especializarse en astrofísica e en industrias espaciais en Europa, xurdiulle a oportunidade de facer un período de prácticas na NASA. Dez anos despois atópase aos mandos do grupo de dinámica orbital no centro de investigación de Silicon Valley, en California. Dende pequeno apaixonouse pola temática espacial, e agora, traballando nunha referencia mundial do estudo do ceo, reflexiona: “É ciencia, pero parecíame ciencia ficción”.

O traballo de Dono está enfocado nas órbitas e traxectorias dos satélites unha vez chegan ao espazo. O seu equipo, anos ou meses antes —dependendo da magnitude da misión— de que se lance o elemento, calcula en que orbita vai estar o satélite e como vai chegar a outra. “Facemos todo ese cálculo e deseño. Ao principio temos unha idea de como vai ser. Pouco a pouco procesas esa información, falamos con enxeñeiros doutras materias, hai un montón de comunicación e imos refinando a órbita final”. Unha vez que se lanza, Dono tamén realiza o seu seguimento: comprobar que o cohete se despregou do satélite no punto exacto, facer maniobras de corrección, conseguir os datos das antenas… É dicir, comandar o satélite.

Publicidade

O astrofísico vigués dirixe o equipo no que se enmarcan moitos proxectos que xestionan en paralelo. Un deles, e que para Dono foi todo un reto, é o BioSentinel, que levou organismos vivos máis lonxe da Terra que nunca. É o primeiro estudo de bioloxía de longa duración no espazo profundo, algo que lle vai permitir aos científicos encher eses baleiros de coñecemento sobre os riscos para a saúde no espazo profundo derivados da radiación. “Foi o primeiro lanzamento do programa Artemis. O satélite separouse dentro da Terra e foi a moita velocidade arredor da Lúa. A nivel de coordinación era moi interesante e agora orbita arredor do Sol”.

A misión Starling da NASA envía un enxame de satélites á órbita. Foto: NASA

Este verán, a NASA lanzou un equipo de catro satélites que orbitan arredor da Terra para probar se son capaces de cooperar pola súa conta. É a misión Starling, explica a NASA, e procura mellorar as capacidades para futuras misións de exploración. O obxectivo é crear un “enxame de satélites” que poidan funcionar de maneira autónoma. Esta tecnoloxía permite a capacidade de tomar medicións científicas dende diversos puntos do espazo, así como descubrir se poden ter sistemas de naves espaciais que non necesitan manterse en contacto coa Terra. “Ten a súa dificultade, querémonos acercar a outros satélites pero hai risco de colisionar”. Dono participa tamén no desenvolvemento dunha vela solar, que emprega a presión da luz solar para a propulsión, eliminando a necesidade de propulsores de cohetes convencionais. O lanzamento prevese para a primeira metade de 2024.

Publicidade

Unha “aspiración” cumprida

Despois dunha década, Andrés Dono lembra os seus primeiros días traballando na NASA con moita emoción. “Sempre foi un soño, unha aspiración. A NASA é unha organización histórica. Cheguei con moitas ganas, con moito respecto, e trato de dalo todo”, apunta. Para el foi “emocionante” traballar en proxectos que sempre lle chamaron a atención. Non lembra exactamente como foi o momento no que lle comentou a súa familia, tendo el 24 anos, que ía para a NASA, pero sempre tivo “un gran apoio”.

Dende pequeno chamoulle a atención o espazo, lía libros de planetas e cuestionábase que hai aí fóra. Por exemplo, preguntábase como poden existir planetas formados só por gases, en lugar de terra. “Fascinoume tanto que seguín ese camiño. Ía á biblioteca e lía moito”. Apunta, ademais, que tivo “moi bos profesores” de física no instituto, e que ten moi boas “influencias” a nivel educativo. “Tiven moita sorte cando dixen o que quería facer, os profesores sempre me apoiaron”.

Andrés Dono considérase un “namorado” de Galicia e confesa que sempre intenta volver a súa casa. “Esa morriña nunca se vai ir”, apunta. Para el é moi importante “defender” o galego e os espazos de divulgación científica na nosa lingua. De momento, palia un pouco a nostalxia sendo presidente da peña do Real Club Celta de Vigo en Nova York. “Galicia para min é un sitio incríbel, a calidade de vida paréceme moi boa. Máis alá do fútbol, o seu é xuntarse aquí con xente galega. De momento, estou moi contento”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Parabéns a Andrés Dono polo seu traballo e os seus trunfos …
    Naturalmente como un bo galego endexamais esqueceras a túa Terra .

    Soño que un día veñas a Galicia e montes unha estación de investigación espacial . Sería marabilloso .

    De soñar tamén se vive !

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como escribe a Terra o teu nome? Descúbreo con esta ferramenta da NASA

O programa Landsat conta co espazo “Your name in Landsat”, que recolle unha galería de imaxes satelitais que amosan accidentes xeográficos en forma de letras.

Conta atrás para o regreso de Artemis II: calor extrema, silencio e amaraxe no Pacífico

A tripulación da nave Orión revisa os protocolos finais e prevé o descenso fronte á cidade de San Diego na madrugada do sábado, hora española

De Apolo a Artemis: cincuenta anos de misións lunares a través das súas imaxes

As fotografías tomadas polas tripulacións da NASA ao longo do tempo documentan os primeiros sobrevoos do satélite

Como se ve a Vía Láctea dende o espazo? A NASA publica unha imaxe única dende a nave Orión

A tripulación de Artemis II ten previsto completar a súa amaraxe no océano Pacífico tras o reingreso atmosférico na madrugada do 11 de abril, en horario español