Descuberta unha diana terapéutica prometedora fronte ás arritmias cardíacas

Un novo estudo en ratos elaborado polo CNIC abre novas vías para abordar esta afección potencialmente mortal

Unha investigación levada a cabo polos equipos de Guadalupe Sabio e José Jalife no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares de Madrid (CNIC) descubriu unha nova vía de sinalización que estaría detrás da aparición da fibrilación ventricular, un tipo de arritmia cardíaca. O traballo, que se acaba de publicar na revista Nature Cardiovascular Research ofrece novas esperanzas para abordar esta afección potencialmente mortal.

A fibrilación ventricular é a principal causa inmediata de morte súbita cardíaca. Aínda que o avellentamento é un dos factores de risco mellor establecidos para o desenvolvemento de arritmias cardíacas, os mecanismos detrás desta conexión foron esquivos, obstaculizando o desenvolvemento de tratamentos específicos.

Publicidade

O corazón latexa de maneira regular e coordinada para bombear sangue de maneira eficiente a través do corpo. Para iso, ten que coordinar a contracción de todas as súas células e cada latexo ten que seguir un patrón meticulosamente orquestrado. Cando aparece unha arritmia, o ritmo cardíaco altérase, acelérase, vólvese irregular e é potencialmente mortal.

Imaxes de mapeado óptico de dous corazóns distintos de ratos que desenvolveron fibrilación ventricular. Foto: Sinc.
Imaxes de mapeado óptico de dous corazóns distintos de ratos que desenvolveron fibrilación ventricular. Foto: Sinc.

Estudando modelos de roedores, os investigadores do CNIC descubriron a relación existente entre as proteínas quinasas do estrés p38γ e p38δ e o desenvolvemento da fibrilación ventricular, independentemente do sexo. Este descubrimento abre novas vía para posibles intervencións terapéuticas para esta patoloxía.

Publicidade

Papel crítico no desenvolvemento das arritmias

Os investigadores observaron que a activación de p38γ e p38δ aumentaba nos corazóns de ratos envellecidos e aqueles con condicións xenéticas ou inducidas por fármacos que predispoñían a arritmias, o que suxería que esta vía tiña un papel crítico no desenvolvemento desta afección. Segundo Rafael Romero, primeiro asinante do artigo e investigador do CNIC, “cando nos demos conta de que a activación destas p38 era común en distintas situacións arritmoxénicas, soubemos que podían ter un papel clave que había que investigar”.

O estudo exhaustivo desta vía de sinalización revelou que, cando estas proteínas quinasas se activan, alteran as propiedades eléctricas dos cardiomiocitos, propiciando a aparición de arritmias. Isto sucede pola alteración dunhas canles iónicas existentes nas células musculares do corazón responsables de coordinar a contracción celular. Os investigadores atoparon que p38γ e p38δ fosforilan ao receptor de rianodina 2 (RyR2) e á proteína SAP97 perturbando a localización da canle Kv4.3. presentándoos como novos substratos de p38γ e p38δ. En última instancia, estes cambios moleculares resultaron na aparición de actividade ventricular prematura e unha maior susceptibilidade á fibrilación ventricular.

Estes achados poderían abrir novas perspectivas para a prevención da fibrilación ventricular sostida e a protección contra esta grave afección cardíaca, ofrecendo unha prometedora diana terapéutica para futuras investigacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias