Rumbo ao espazo dende Ourense: os estudantes que lanzaron satélites a 600 metros de altitude

A iniciativa CanSat, na que participou alumnado de 16 comunidades autónomas, está promovida pola Axencia Espacial Europea

Animaríaste a construír e lanzar un satélite funcional do tamaño dunha lata de refresco? Ese é o desafío que a Axencia Espacial Europea (ESA) propón ao alumnado de secundaria. A iniciativa, denominada CanSat, celebrou a súa final de 2025 a mediados de maio en Ourense. Nela participaron estudantes de 16 comunidades autónomas, así como o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC).

O alumnado lanzou os seus satélites en foguetes a máis de 600 metros de altitude desde o Centro Integral de Loita contra o Lume de Ourense. Os aparellos, equipados con sensores de presión, temperatura e altitude, tamén levaron a cabo misións científicas secundarias ideadas polos propios estudantes, abordando cuestións de actualidade como a contaminación ambiental, a detección de incendios ou a análise do pole atmosférico.

Publicidade

En representación do CITIC, Cristina Rodríguez López, investigadora do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) e membro do equipo da Unidade Asociada ao CSIC AIRExS, participou como membro do xurado avaliador, xunto a Enrique Costa Montenegro, catedrático na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo; Emma Janeiro Torres, profesora de ensino secundario no Instituto República Oriental do Uruguai de Vigo; e Gemma Rojo López, doutora en Enxeñería Civil do CITEEC da Universidade da Coruña.

O xurado destacou a altísima calidade técnica dos proxectos cos satélites, a creatividade e o compromiso demostrado polos equipos, subliñando a importancia de fomentar vocacións STEM desde idades temperás.

Publicidade

Dende a contaminación ambiental á radiación UV

As misións científicas ideadas polos equipos abarcaban temas relacionados coa contaminación ambiental, a procura de novos antibióticos, a detección de incendios, a busca de persoas, a medición do campo magnético e radiación UV ou a determinación do risco de pragas con técnicas de IA.

Os equipos cargando os seus satélites nos foguetes.

A misión gañadora, presentada polo equipo ZephySat de Andalucía, céntrase na análise da estratificación de partículas de pole na baixa atmosfera que, posteriormente, son analizadas por unha aplicación de IA que desenvolveron. O equipo gañador viaxará en xuño ao Centro de Investigación en Tecnoloxía Espacial da ESA (ESTEC) en Noordwijk (Países Baixos) onde gozarán do evento “Enxeñeiro espacial por un día”. Alí coñecerán a rutina dos enxeñeiros que traballa na ESA e terán a oportunidade de presentar o seu traballo fronte a un panel de expertos.

Con iniciativas como o desafío CanSat, búscase espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade, promovendo a aprendizaxe activa, o traballo en equipo e o pensamento crítico a través dun proxecto cunha dimensión internacional e profesionalizante.

Sobre a unidade AIRExS

O gran reto tecnolóxico que supón o descubrimento de exoplanetas e o desenvolvemento de novos métodos para a súa detección e análise é unha das áreas fronteira na astrofísica actual. O CITIC da UDC e o CSIC a través do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) uníronse para impulsar a investigación e a innovación nesta área a través da unidade “AIRExS: Artificial Intelligence for Research on Exoplanets and Stars” da UDC, á que se acaba de conceder a condición de unidade asociada de I+D+i do CSIC por un período de tres anos. Trátase dunha colaboración estratéxica que reforza a capacidade investigadora da UDC ao integrarse coa rede de excelencia científica do CSIC.

Minia Manteiga lidera esta unidade, na que tamén participan outros investigadores do centro de Investigación TIC da UDC como José Carlos Dafonte, Manuel González Penedo e Eduardo Mosqueira, así como persoal de apoio investigador. Por parte do IAA-CSIC a responsable é a astrofísica de orixe galega Cristina Rodríguez López.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade

Pódcast | Do sangue á lava: ciencia para predicir fluídos

A matemática e investigadora do CITIC María González Taboada participa no novo episodio de O Descodificador

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial