Pódcast | Do sangue á lava: ciencia para predicir fluídos

A matemática e investigadora do CITIC María González Taboada participa no novo episodio de O Descodificador

O sangue e a lava teñen máis en común do que semella a simple vista. Os dous son fluídos non-newtonianos e, por tanto, non seguen a lei básica dos fluídos. Iso quere dicir que o seu comportamento cambia en función de múltiples condicións e, ademais, non son son doados de estudar. Isto é o núcleo de estudo do proxecto europeo InNoPor que coordina o Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC). A líder da iniciativa, a investigadora e matemática María González Taboada, é a convidada do novo episodio de O Descodificador, o pódcast de GCiencia en colaboración co CITIC.

“Os fluídos non newtonianos poden variar segundo a presión aplicada ou do tempo que leven sometidos a unha forza. Por exemplo, a clara de ovo vaise espesando conforme a imos batendo”, explica a investigadora. Amais disto, o proxecto estuda os fluídos non newtonianos en materiais porosos, como acontece co sangue —que flúe a través dos tecidos— e coa lava. O obxectivo da iniciativa europea, na que participan ata oito institucións de Europa e América, é crear simulacións que axuden a entender mellor o comportamento destes fluídos. InNoPor vaise centrar, sobre todo, no estudo da lava, pero tamén dedicará parte dos seus catro anos ao ámbito biomédico.

Publicidade

“O proxecto pode ter importantes aplicacións prácticas en medicina, porque axudará a comprender mellor a circulación sanguínea en tecidos danados. En vulcanoloxía, permitirá anticipar o movemento da lava e, por tanto, os riscos asociados”, explica a matemática do CITIC. González Taboada recoñece que se centrarán máis no estudo do magma e, para iso, traballarán con datos reais da erupción da illa canaria da Palma en 2021. Así, se se volvese repetir unha situación semellante, o novo método resultante podería axudar a estimar a velocidade da lava, identificar con maior precisión as zonas de risco e, por tanto, saber cando se debe evacuar a poboación.

O proxecto InNoPor céntrase no estudo da lava e do sangue, pero as súas aplicacións poden ser múltiples. Entre elas, a investigadora do CITIC sinala a extracción do petróleo e o gas e, tamén, a dispersión de contaminantes no solo e nas augas subterráneas. Ao longo dos catro anos do proxecto, que arrincou este ano, a centro da UDC ocuparase non só de coordinar a iniciativa, senón da modelización e o desenvolvemento de métodos numéricos.

Publicidade


  • Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: SpreakerSpotifyIvooxiHeartDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser
  • O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CiGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

A UDC crea unha plataforma de IA para personalizar o tratamento da incontinencia urinaria feminina

O proxecto XINE-IA combinará datos clínicos, tecnoloxías terapéuticas e experiencia de pacientes para apoiar aos profesionais sanitarios

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade