A Estación Espacial e moito máis: estes satélites tamén se ven desde Galicia

Centos de obxectos espaciais, como os Iridium, a Tiangong 2 ou o Hubble, poden percibirse a simple vista

A Estación Espacial Internacional (ISS) orbita arredor da Terra a uns 400 quilómetros de altura e a 28.000 quilómetros por hora. E de cando en vez, se o Sol reflicte a luz cando pasa sobre o ceo que vemos, é posible seguir o seu trazo desde a superficie do planeta. Mais este non é o único dos obxectos espaciais visibles ao ollo humano. Hai moito máis.

“Na actualidade hai case 5.000 satélites en órbita terrestre, dos que en torno ao 40% están activos, explica Pedro Pablo Campo, investigador da USC e o Observatorio Ramón María Aller. Aclara Campo que “os que nós podemos ver son os que están en órbita baixa, entre 200 e 1.500 quilómetros de altura, e que supoñen en torno a un 60% deles”. Ademais, poden verse, de cando en vez, fragmentos de lixo espacial, como fases de foguetes.

Publicidade

Visibles case todas as noites

A observación do ceo nocturno, se está despexado, é un dos espectáculos de balde máis fermosos que existen. Non só de astros moi afastados, senón tamén de obxectos creados polo ser humano que axudan as telecomunicacións e prestan outros servizos á humanidade. “Todas as noites poden verse un gran número deles, principalmente pouco despois do anoitecer ou pouco antes do amencer; no medio da noite non se ven porque os que serían visibles estarían metidos dentro da sombra da Terra, e nós podemos ver os satélites porque reflicten a luz do Sol”, explica Pedro Pablo Campo.

A frecuencia destes pasos depende da órbita, segundo a misión que cumpre cada satélite. Hai moitas páxinas (unha das máis seguidas e recomendadas por expertos e afeccionados é Heavens Above) nas que se ofrece información sobre as predicións dos momentos nos que estes obxectos son visibles.

E outros factores inflúen en que os obxectos espaciais sexan máis ou menos brillantes e visibles para nós. Por exemplo, “a magnitude depende do tamaño do obxecto, da porcentaxe de superficie reflectante (se ten máis paneis solares reflectirá máis luz solar) e da orientación que teña nese momento con respecto a nós”, engade o astrofísico galego.

Así, a ISS é a máis brillante con diferencia polas súas características, pero non é a única con trazos a ter en conta. E cada un deles ten unha gran historia detrás:

Iridium

É unha frota de 66 satélites de telecomunicacións que se moven en seis órbitas a distintas alturas. Ten unha historia moi interesante detrás, que resume este texto en Xataka.

E a súa forma converte a esta frota nun dos obxectos artificiais máis seguidos polos afeccionados: “Concentran parte da luz que reflicten cara a un punto, polo que desde a Terra se ve como se de súpeto emitisen un resplandor cando ese punto está dirixido ao observador”, expón Pedro.

Tiangong 2

O proxecto espacial chinés Tiangong (que significa Palacio Celestial) tivo moita repercusión cando a primeira das naves que se lanzaron, a Tiangong 1, quedou fóra de control e se precipitou contra a Terra no Pacífico Sur. A segunda das naves, lanzada en 2016, é a que está agora en funcionamento, é un paso máis na arela de conseguir a estación espacial chinesa. Mais ten os días contados: China xa anunciou que Tiangong 2 deixará de orbitar en xullo deste 2019, cando se producirá a súa reentrada controlada na atmosfera.

Hubble

Hai quen pensa que o Hubble está percorrendo o espazo tomando algunhas das imaxes máis abraiantes que puidemos ver do universo. Pero non. Desde que foi lanzado en 1990, o telescopio está en órbita a uns 590 quilómetros de altura, polo que dá unha volta ao planeta cada 96-97 minutos. E os seus pasos visibles son habituais.

Satélite de Corea do Norte

O país asiático ten o seu propio satélite, o Kwangmyongsong, que xerou unha importante lea diplomática cando foi lanzado. O hermetismo do goberno norcoreano impediu coñecer datos precisos do obxecto, pero países como Xapón ou Estados Unidos puideron confirmar que se puxo en órbita. E en Heavens Above tamén é posible consultar os seus pasos.

Lixo espacial

Son feitos imprevisibles, xa que están fóra de control, pero que poden sorprendernos se temos a fortuna de estar no lugar e no momento axeitado. Estes fragmentos de lixo, do mesmo xeito que algúns satélites inactivos, van variando as súas órbitas co tempo.

E podemos atoparnos tamén coas reentradas na atmosfera do lixo espacial. Do mesmo xeito ca os meteoros de orixe cósmica, “poden producir meteoros moi luminosos“, subliña Pedro Pablo Campo.

Anécdotas

O mundo da observación espacial ten infinidade de anécdotas, segundo conta o investigador da USC. “Hai quen segue os Iridium, tratando de ver os destellos, e algúns radioaficionados captan as frecuencias que emiten satélites, mesmo os que non son visibles a simple vista, como os xeoestacionarios”.

Outra das historias que conta Campo é doutra nave, a Skylab, que foi a primeira estación espacial dos Estados Unidos. Xa non se pode ver, porque en 1979 caeu na Terra. “Houbo fragmentos que apareceron en zonas do surleste de Australia, e o goberno rexional multou á NASA con 400 dólares por tirar lixo sen permiso“.

Podes consultar máis predicións en Heavens Above.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos