Galicia poderá ver esta noite un ‘tren’ de satélites no ceo

A rede Starlink, lanzada polo multimillonario Elon Musk, xa ten en órbita máis de 60 dispositivos que poden verse a simple vista como unha estela no ceo

Así captou o tren de Starlink o astrónomo afeccionado Marco Langbroek.
Así captou o tren de Starlink o astrónomo afeccionado Marco Langbroek.

O pasado 23 de maio, a compañía SpaceX, de Elon Musk, lanzou a primeira rolda de satélites do seu proxecto Starlink, un conglomerado de miles de aparellos co que pretenden mellorar as conexións de banda ancha en todo o mundo, e ao tempo vender estes servizos a diversos tipos de empresas e institucións. A semana pasada, a bordo dun foguete Falcon 9, puxéronse en órbita os primeiros 60 satélites, que xa orbitan a algo máis de 450 quilómetros de altura sobre as nosas cabezas.

E este mércores, cos ceos despexados que se agardan en Galicia, hai unha oportunidade case única para velos aquí, xa que a medida que se distribúan en cadansúa órbita e ascendan á altitude na que estará de forma ‘definitiva’ (uns 550 quilómetros), o ‘tren’ de satélites separarase entre si.

Publicidade

Segundo detallan algúns portais que rastrexan os satélites artificiais que rodean a Terra, como N2YO, os primeiros satélites do tren de Starlink aparecerán no ceo galego, mirando cara ao suroeste, sobre as 22.56 deste mércores. Será unha imaxe semellante á que xa captaron en días pasados en lugares como Holanda ou Polonia. Para poder observar o tren con claridade é preciso, como en moitos destes casos, afastarse das fontes de contaminación luminosa. Poderá verse durante arredor de 10 minutos, ata as 23.06 horas, momento no que desaparecerán cara ao nordeste.

Na rede están dispoñibles os datos cos seguintes pasos e o lugar cara ao que hai que mirar para ver pasar o tren de satélites:

Publicidade

Próximos pasos do tren de Starlink. Fonte: N2YO.
Próximos pasos do tren de Starlink. Fonte: N2YO.
Traxectoria do tren de Starlink sobre o ceo de Galicia este mércores. Fonte: Heavens Above.
Traxectoria do tren de Starlink sobre o ceo de Galicia este mércores. Fonte: Heavens Above.

Preocupación entre os astrónomos polo tren de satélites

A pesar de que moitos afeccionados á astronomía están gozando estes días da sorprendente visión dunha estela de satélites no ceo, tamén hai quen amosa a súa preocupación polos posibles efectos que este tren poida ter no ceo nocturno e, sobre todo, pola gran cantidade de aparellos (estímase que lanzarán uns 12.000) que conformarán a rede Starlink. Cren que unha cifra tan grande terá efectos prexudiciais na observación dos astros.

A rede de satélites Starlink estará formada por miles de satélites arredor do planeta. Fonte: starlink.com.
A rede de satélites Starlink estará formada por miles de satélites arredor do planeta. Fonte: starlink.com.

“SpaceX está propoñendo engadir 12.000 novos satélites na órbita baixa da Terra, onde está a maior parte do lixo espacial. Isto significa que en poucos anos haberá un 40% máis de obxectos, en contraste cos 60 anos que tardamos en acumular a masa actual de lixo”, expuxo Alice Gorman, experta en arqueoloxía espacial da universidade Flinders de Adelaida (Australia), en declaracións recollidas por ScienceAlert.

Neste sentido, numerosos astronómos e físicos contactaron coa Comisión Federal de Comunicaciones de Estados Unidos, encargada de autorizar o lanzamento desta rede, para instala a reconsiderar esta autorización, xa que tamén podería ter consecuencias nas redes de telecomunicacións e dificultar, debido ás interferencias, as medicións dos radiotelescopios instalados por todo o planeta.

 

2 COMENTÁRIOS

    • No es errónea. Nosotros los vimos la madrugada del domingo en la Ribeira Sacra, y tal y como se explica en el texto aún estarán pasando unos días más.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos