A cardióloga Ana Belén Cid Álvarez, investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV) defendeu a pasada semana na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela a súa tese de doutoramento, na que aborda o programa de atención aos infartos agudos de miocardio na área sanitaria de Santiago de Compostela, analizando máis de 2.000 pacientes atendidos entre 2008 e 2018 nunha doenza que segue sendo a primeira causa de morte na poboación galega, seguida do cancro.
A investigación, dirixida polo doutor José Ramón González Juanatey, coordinador da área de Inflamación do IDIS e xefe do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), céntrase en persoas afectadas por infartos agudos de miocardio con elevación do segmento ST (IAMCEST) sometidos a terapia de reperfusión urxente, incidindo na necesidade unha maior educación sanitaria para lograr un diagnóstico precoz.
O obxectivo principal da tese foi coñecer o prognóstico da poboación a estudo, así como os factores que o determinan na área Centro de Galicia, que se caracteriza por unha rede de atención ao IAMCEST consolidada onde a terapia de reperfusión na práctica totalidade dos casos é o intervencionismo coronario percutáneo primario.
Os achados máis relevantes deste traballo no que respecta a tempos de atención foron, en primeiro lugar, unha mediana de tempo desde inicio dos síntomas a primeiro contacto médico superior á esperada, o que motivou a realización dunha análise para buscar os factores que explican este atraso tanto dependentes do individuo como da súa contorna.

Nesta análise reveláronse como determinantes independentes de maior atraso en solicitar axuda a idade, o sexo feminino, non ter antecedentes de cardiopatía isquémica, non establecer o contacto a través do 061 e o nivel educacional. “Desta forma, detectamos unha poboación obxectivo á que dirixir campañas específicas de formación e información sanitaria”, indica a investigadora do IDIS Belén Cid. Así mesmo, o lugar onde os pacientes establecen o primeiro contacto co sistema sanitario tras o inicio dos síntomas e como se realiza o traslado son datos fundamentais para testar o funcionamento da rede de atención ao infarto.
Neste estudo, determinouse que o 32% dos pacientes contacta directamente co Servizo de Urxencias do CHUS, un 31,5% en atención primaria e só unha 23,5% chama ao 061, “a pesar de que o primeiro contacto co 061 demostrou ser a forma máis rápida e segura de atención en pacientes que sofren un infarto”, sinala Cid.
En relación aos tempos dependentes do sistema, é dicir, desde que o paciente contacta co sistema sanitario ata que se realiza a reperfusión ou apertura da arteria responsable do infarto atópanse dentro do rango especificado como ideal polas guías de práctica clínica, aínda que se detectaron atrasos superiores en áreas concretas.
Neste traballo estudouse de forma pormenorizada o prognóstico dunha poboación non seleccionada e que, por tanto, é reflexo da práctica clínica real grazas ao sistema de información IANUS. Entre as principais conclusións, destaca que non existen diferenzas significativas entre sexos en canto ao risco de sufrir eventos a longo prazo.
Esta redución da “fenda de xénero” na nosa poboación, apuntan desde o IDIS, “pode deberse a que contamos cunha rede de atención ao IAM madura, con aplicación sistemática de reperfusión e tratamento médico baseado na evidencia similar en mulleres e homes”. Así mesmo, o prognóstico de pacientes con enfermidade multivaso (con máis dunha arteria coronaria como enfermidade significativa, ademais da responsable do infarto) foi amplamente estudado, demostrando que os pacientes cunha revascularización máis completa no momento do alta presentan mellor prognóstico durante o seguimento.
Doutra banda, cabe destacar que os investigadores composteláns foron os primeiros en determinar a capacidade preditiva de eventos no contexto do IAMCEST do Score SYNTAX II, que demostrou ser o máis completo e mellor predictor de eventos no seguimento na nosa poboación.
Significativa redución da mortalidade nos últimos anos do estudo
Así mesmo, ao longo destes anos de estudo observouse unha redución significativa tanto da mortalidade e eventos intrahospitalarios como durante o seguimento, sobre todo no último período de estudo (2015-2018) polos cambios no manexo prehospitalario, o tratamento intervencionista (xeneralización de stent farmacoactivo) e a optimización do manexo médico.
A autora da tese, Belén Cid, incide por último nas necesidades de mellora, entre as que destacan “a necesidade de programas educacionales para a poboación, que incidan en contactar de forma inmediata ao 061 ao aparecer os síntomas, mellorar os tempos desde o contacto médico a reperfusión en áreas máis desprotexidas, levar a cabo unha revascularización máis completa en pacientes con enfermidade coronaria múltiple e establecer programas estruturados para a atención a pacientes con shock cardioxénico”.














