Un asteroide chamado Compostela: Galicia suma unha nova cidade ao Sistema Solar

O corpo celeste foi descuberto en 2017 por dous astrónomos dende Letonia e está situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter

O nome de Santiago de Compostela xa ten o seu lugar no Sistema Solar. O pasado 28 de setembro de 2026, o Grupo de Traballo para a Nomenclatura de Corpos Menores (WGSBN) da Unión Astronómica Internacional (IAU) anunciou oficialmente a denominación (884759) Compostela para o asteroide ata entón coñecido como 2017 UV125. Este corpo celeste foi descuberto o 21 de outubro de 2017 polos astrónomos Kazimieras Černis e Ilgmārs Eglītis dende o Observatorio Astronómico de Baldone, en Letonia.

Trátase dun pequeno corpo do cinto principal de asteroides, situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter, que completa unha volta arredor do Sol aproximadamente cada catro anos. A súa órbita é moderadamente elíptica, de xeito que a súa distancia ao Sol varía entre uns 273 e 483 millóns de quilómetros. O seu próximo paso polo perihelio, o punto da súa órbita máis próximo ao Sol, terá lugar o 17 de agosto de 2029. Ademais, a súa órbita está inclinada uns 9,2 graos respecto ao plano da órbita terrestre. O seu diámetro aínda non foi determinado con precisión.

Publicidade

A elección do nome Compostela rende homenaxe á capital de Galicia e destino dunha das rutas de peregrinación máis importantes de Europa, o Camiño de Santiago. A propia cita oficial da IAU lembra a asociación tradicional do nome da cidade coa expresión latina Campus Stellae, así como a súa historia arredor do sepulcro do apóstolo Santiago. Curiosamente, no momento de recibir o seu nome, (884759) Compostela converteuse no asteroide con nome oficial e co número de identificación máis alto, unha pequena singularidade entre os miles de corpos menores bautizados ata a data.

De Lituania a Galicia

A relación de Compostela co firmamento vai moito máis aló da tradición xacobea. A cidade está tamén estreitamente vinculada á historia da astronomía galega a través do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela, fundado por Ramón María Aller Ulloa (1878-1966), unha das grandes figuras da astronomía do século XX. Na actualidade, esta tradición científica convive coa investigación de vangarda desenvolvida no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), vinculado á Universidade de Santiago de Compostela.

Compostela convértese así na terceira cidade galega que dá nome a un asteroide, despois de Vigo, que desde 2006 conta co (127870) Vigo, descuberto en 2003 polos astrónomos Ignacio Ferrín e Carlos Alberto Leal no Observatorio de Llano del Hato, en Venezuela, e da Coruña, que desde 2025 conta co (9605) A Coruña, descuberto en 1992 polo astrónomo Orlando Naranjo no mesmo observatorio. Tres cidades galegas que xa teñen o seu lugar no Sistema Solar, lembrándonos que os nomes que lles damos aos astros non só serven para identificalos, senón tamén para preservar a memoria de lugares, persoas e historias que forman parte do noso patrimonio cultural e científico.

Un dos descubridores do asteroide Compostela, Kazimieras Černis.
Un dos descubridores do asteroide Compostela, Kazimieras Černis.

Podes acceder a toda a información do asteroide Compostela da NASA na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Coñece ‘Chama’, o mapa interactivo que explora os incendios que arrasaron Galicia dende 2018

A aplicación creada pola deseñadora de información Isabel Burón analiza parámetros como os focos de calor, a superficie queimada ou a velocidade de propagación

Un novo recurso didáctico creado na USC conecta o patrimonio musical galego co Camiño de Santiago

O material reúne dez arranxos de música do percorrido francés e propostas para traballar este repertorio das aulas de Primaria e Secundaria

Unha autopista de humidade acende en Galicia alertas laranxas e amarelas por chuvia e vento

A sucesión de borrascas atlánticas deixará máis de 50 l/m2 en menos de 12 horas no oeste da comunidade e refachos de ata 100 km/h

Dúas xeracións únense para rescatar do abandono a historia da batería militar de Cabo Silleiro

Jesús Moreira, quen realizou o servizo en 1971, e o seu fillo Diego impulsan unha recollida de sinaturas para converter o antigo cuartel nun espazo cultural