De Kiev a Compostela: a ciencia como refuxio para a guerra

O investigador ucraíno Oleg Dimitriev atopa no CiQUS un espazo de colaboración e aprendizaxe grazas ao programa europeo ERC for Ukraine

No medio do ruído dunha guerra que obrigou a numerosos investigadores ucraínos a abandonar os seus laboratorios, o doutor Oleg Dimitriev atopou en Santiago de Compostela un lugar de calma e creación científica. Chegou en setembro ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), acollido polo programa ERC for Ukraine, unha iniciativa europea destinada a ofrecer apoio a científicos desprazados polo conflito.

Manuel Souto, investigador principal do CiQUS e líder do grupo ElectroMolMat, comezou a inscribirse en diversas iniciativas europeas no ano 2022, coincindo co estalido do conflito entre Rusia e Ucraína, co obxectivo de acoller refuxiados ucraínos, especialmente investigadores. O Consello Europeo de Investigación (ERC) animaba daquela aos investigadores de excelencia en Europa a ofrecer acollida aos seus homólogos ucraínos.

Publicidade

Foi así como o doutor Dimitriev, que traballa actualmente no Instituto de Física de Semiconductores na Academia Nacional de Ciencias de Ucraína (Kiev), conseguiu contactar con Souto en febreiro a través dunha das listas que se difundían entre investigadores ucraínos. Entre ataques con drons e alarmas aéreas, Dimitriev buscaba unha vía de escape. “A partir do interese mutuo e da sinxerxia entre as nosas liñas de investigación, escribiume pola miña experiencia”, lembra o investigador do CiQUS.

No seu centro de orixe, a investigación de Oleg Dimitriev céntrase na electrónica orgánica, concretamente nas propiedades ópticas das moléculas orgánicas e dos polímeros condutores. “Estudo diferentes características ópticas, como a absorción, a fotoluminiscencia, a conversión de enerxía e outras propiedades relacionadas”, explica o investigador kievita, un eido no que tamén traballan en Santiago: “Aquí sintetizan moléculas orgánicas con propiedades ópticas interesantes”, comenta. Así foi como decidiu poñerse en contacto co grupo Electromolmat, que finalmente lle enviou unha invitación formal da USC e do CiQUS.

Publicidade

Que é ERC for Ukraine?

Segundo explica Manuel Souto, o programa ERC for Ukraine naceu co obxectivo de facilitar a contratación de investigadores ucraínos refuxiados. “Buscaban que os investigadores principais de proxectos ERC contratasen e apoiasen a persoal ucraíno, sempre cun encaixe na súa liña de investigación“, comenta.

A súa estancia, financiada por Manuel Souto ata finais de outubro, traduciuse en dous meses intensos e produtivos tanto no ámbito científico como no educativo, e mesmo deu lugar ao inicio dunha nova colaboración. “Teño experiencia non só na investigación, senón tamén na docencia“, explica Dimitriev. Nesa liña, desenvolveu un curso especializado sobre fotofísica de moléculas orgánicas, que xa impartira anteriormente na Universidade de Linköping (Suecia).

O obxectivo de Oleg durante a súa estancia en Santiago, ademais de avanzar na súa investigación, era achegar o seu coñecemento a un novo público interesado na fotofísica orgánica. A iniciativa contou dende o inicio cunha excelente acollida tanto por parte da Universidade de Santiago como do propio Manuel Souto.

O papel na docencia: curso en fotofísica orgánica

Durante as dúas primeiras semanas de súa estancia, Oleg Dimitriev impartiu un curso dirixido a todos os estudantes interesados nos fundamentos da fotofísica das moléculas orgánicas. Preto de trinta estudantes asistiron ás sesións desta formación, que está estruturada en dúas partes e comprende doce clases en total, das cales nesta ocasión se desenvolveu só a primeira parte.

“A primeira parte centrouse nos coñecementos básicos: procesos de excitación, transferencia, conversión e relaxación de enerxía”, explica Dimitriev, quen destaca que todos estes procesos son fundamentais no seu campo de investigación. O seu obxectivo principal era que os participantes adquirisen a capacidade de describir e comprender estes fenómenos con precisión.

Estas sesións resultaron enriquecedoras, tanto para o docente como para o alumnado. “Oleg Dimitriev compartiu a súa ampla experiencia no ámbito da fotofísica orgánica”, sinala Manuel Souto, quen subliña a alta implicación dos estudantes, reflectida nas súas preguntas, responsabilidade e interese por relacionar os contidos do curso cos seus propios proxectos de investigación.

Unha colaboración entre mans

A estancia de Dimitriev en Santiago tamén tivo impacto na investigación, xa que deu lugar ao inicio dunha colaboración co grupo ElectroMolMat, comenzada mesmo antes da súa chegada ao CiQUS. “Axudounos a interpretar datos de luminiscencia e as propiedades ópticas das moléculas orgánicas, como experto en fotofísica”, explica Manuel Souto.

Co seu traslado, a colaboraión intensificou e permitiu comezar a redacción de artigos de investigación conxuntos. “Está a ser unha estancia moi produtiva”, engade Souto, porque a proximidade facilita a interacción e o intercambio de ideas.

Oleg Dimitriev xunto a membros do grupo de investigación ElectroMolMat do CiQUS.
Oleg Dimitriev xunto a membros do grupo de investigación ElectroMolMat do CiQUS. Foto: Mariano Comino

O papel de Oleg Dimitriev dentro do grupo céntrase na interpretación de datos de fluorescencia de moléculas orgánicas especialmente relevantes, analizando espectros de emisión e o seu potencial óptico. “Hai técnicas específicas nas que el é experto, e permítenos comprender mellor as propiedades luminiscentes das nosas moléculas”, sinala Souto, quen destaca o valor complementario que achega ao traballo do equipo.

Ademais, o doutor Dimitriev propuxo un novo proxecto: un experimento para estudar as propiedades estruturais das moléculas mediante difracción de raios X. Neste momento, o experimento atópase en marcha, abrindo novas vías de investigación.

Ciencia e humanidade

A lección máis fonda que deixa esta estancia vai máis aló do coñecemento científico e entra no terreo humano: “Para min, o máis enriquecedor é que axudas a unha persoa que poderías ser ti”, explica Manuel Souto. A acollida dun investigador procedente dun país en conflito bélico pon de manifesto o valor humano e solidario da ciencia, que vai moito máis aló dos laboratorios.

Un dos momentos máis emocionantes que lembra Souto é o vivido no primeiro día da chegada de Oleg a Santiago, cando o investigador puido reencontrarse coas súas fillas despois de dous anos sen velas. Ademais, no grupo Electromolmat atopou unha segunda familia: un equipo internacional no que se fala principalmente inglés e onde Oleg se integrou con facilidade, participando en seminarios e colaborando nos proxectos dos estudantes.

Durante a súa primeira semana, Dimitriev dedicouse a adaptarse ao novo entorno, que lle resulta totalmente novo. Pronto, porén, Santiago de Compostela entrou no seu corazón: “É unha cidade pequena, con moitos turistas e unha natureza fermosa”. Tamén destaca o clima suave, moi distinto ao frío e ás chuvias intensas de Ucraína nestes meses de outono. Na súa experiencia, mesmo se atreveu a tomar un baño nas frías augas do Atlántico.

“O importante é librarnos desta situación de guerra, porque quedar en Ucraína non é moi sinxelo”, sinala Dimitriev, quen fala dende a tranquilidade e gratitude polo tempo que pasa no CiQUS. Para Souto, esta experiencia resume unha idea esencial: “A ciencia non ten fronteiras”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia