Un equipo galego crea micropingas sintéticas que imitan as funcións básicas das células vivas

O CiQUS deseña prometedores candidatos para aplicacións en medicina rexenerativa, terapias dirixidas e a construción de tecidos artificiais

A bioloxía sintética busca dende hai anos construír células artificiais capaces de reproducir —de maneira simplificada— algúns dos procesos máis complexos da vida. O obxectivo é dobre: comprender mellor os principios fundamentais da evolución celular e, ao mesmo tempo, xerar ferramentas innovadoras para a biomedicina e a biotecnoloxía.

Neste contexto, un equipo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) lograron un importante avance ao desenvolver micropingas coacervadas con membrana (MCM) a partir de dendrímeros. Estas partículas combinan dous trazos esenciais das células naturais: un interior densamente concentrado —que lembra ao medio intracelular— e unha membrana externa que actúa como barreira protectora e permeable.

Publicidade

O uso de dendrímeros, polímeros sintéticos con estrutura ramificada e altamente controlada, confire a estas micropingas unha resistencia excepcional en condicións fisiolóxicas, moi superior á doutros modelos celulares sintéticos. “Conseguimos que estas estruturas manteñan a súa integridade mesmo en ambientes con elevadas concentracións de sal, onde os coacervados convencionais se desestabilizan”, explica Eduardo Fernández Megía, quen dirixiu o estudo que acaba de ver a luz no Journal of the American Chemical Society (JACS).

Transducións de sinais

Máis aló da súa estabilidade, as novas micropingas mostran un comportamento biomimético destacable: poden encapsular proteínas de forma selectiva, facilitar reaccións encimáticas en fervenza e establecer procesos de comunicación química similares aos que ocorren entre células vivas. De feito, o equipo demostrou que estas estruturas son capaces de interactuar funcionalmente con células naturais mediante mecanismos de transdución de sinais, o que as converte en prometedores candidatos para aplicacións en medicina rexenerativa, terapias dirixidas e a construción de tecidos artificiais.

Publicidade

 “O resultado é un novo tipo de célula artificial resistente e funcional que imita as naturais, pero construída a partir de compoñentes básicos”, destaca Lucas García Abuín, coautor do estudo xunto a Celia Jiménez López e o profesor Fernández Megía. O traballo sobre dendrímeros e nanoestruturas poliméricas para aplicacións biomédicas é unha das liñas que investiga o laboratorio de Fernández Megía no CiQUS, centro que conta co apoio da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.


Referencia: Dendritic Membranized Coacervate Microdroplets: A Robust Platform for Synthetic-Living Cell Consortia (Publicado en Journal of the American Chemical Society)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos