Xa pasaron trece días dende que comezou o lume no concello de Chandrexa de Queixa, e dende aquela as cifras de superficie arrasada, debido a varios focos simultáneos, non deixaron de aumentar. Segundo os datos oficiais da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, contabilízanse xa 88.300 hectáreas afectadas por esta vaga de incendios. Non obstante, se se teñen en conta as estimacións do satélite europeo Copernicus a través do sistema EFFIS (European Forest Fire Information System), a superficie queimada ascende a 156.157 hectáreas en Galicia, unha diferenza de case 68.000 hectáreas respecto á estimación autonómica.
O mapa interactivo de Copernicus, ferramenta posta en marcha pola Comisión Europea e xestionada polo Joint Research Centre (JRC), permite visualizar en tempo case real os incendios forestais. A través da función “Rapid Damage Assessment”ofrécese información detallada sobre focos activos, áreas queimadas e estimacións de danos, elaborada con independencia das administracións públicas de cada territorio.
Deste xeito, a aplicación fai posible contrastar os datos oficiais da Xunta de Galicia cos rexistros europeos, poñendo en evidencia diferenzas notables. Estas discrepancias resultan aínda máis significativas cando se analizan as cifras de cada provincia e de cada foco concreto, revelando a magnitude real da vaga de incendios que está a asolar Galicia.
Provincias galegas segundo datos europeos
Segundo o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, entre o 8 de agosto, data do inicio do lume en Chandrexa, e o 21 de agosto, a maior diferenza entre cifras oficiais e estimacións satelitais obsérvase na totalidade do territorio galego. Con todo, as cifras sorprenden se se fala de provincias.
De feito, os rexistros de Ourense ofrecidos por Copernicus nos últimos sete días superan por si sós a cifra total de hectáreas queimadas en Galicia, con 148.494 hectáreas afectadas. No período comprendido entre o inicio dos lumes de Chandrexa e Vilariño, a superficie total queimada ascende ás 154.368 hectáreas, segundo os datos europeos.
Nas demais provincias, a magnitude dos incendios é moito menor, aínda que segue a superar os datos da Xunta. Pontevedra contabiliza 921 hectáreas queimadas, Lugo suma 510 e A Coruña rexistrou 358 durante a última semana. Estes datos reafirman que a devastación se concentra principalmente en Ourense, o epicentro desta vaga de incendios, con cinco focos aínda activos.
Os catro grandes focos de Ourense
Segundo as cifras da Xunta de Galicia, os catro grandes incendios de Ourense —Larouco-Seadur, Chandrexa de Queixa e Vilariño, Oímbra e Xinzo de Limia, e A Mezquita— acumulan un total de 76.000 hectáreas queimadas. Con todo, os datos europeos de Copernicus aseguran que esta cifra aumenta ata 114.991 hectáreas, o que supón unha diferenza de case 39.000 hectáreas entre as dúas fontes oficiais.
O que máis chama a atención son os datos de cada foco por separado. Chandrexa de Queixa, aos ollos de Europa, é o incendio máis grande, con 36.083 hectáreas afectadas a 21 de agosto, fronte ás máis de 19.000 que confirma a Xunta de Galicia, unha diferenza de máis de 17.000 hectáreas entre dous rexistros oficiais.
Tamén destaca a comparativa entre os dous grandes lumes de Ourense, Chandrexa e Larouco. Segundo o sistema EFFIS, o último arrasou 33.579 hectáreas ata o 21 de agosto, unha cifra que se aproxima á información da Xunta, por enriba das 30.000 hectáreas.
As diferenzas tamén son notables en Oímbra, onde as hectáreas queimadas pasan de 17.000 a 23.097 segundo os datos europeos ata o 20 de agosto, e na Mezquita, que sobe de 10.000 a 22.232 hectáreas, unha varianza de máis de 12.000 hectáreas entre ambas as fontes.
A visión dos expertos
“España vive unha simultaneidade de incendios marcada por vagas de calor e tormentas”, explica Juan Caamaño, responsable da Área de Capacitación da Fundación Pau Costa, en declaracións a Science Media Centre. Segundo o experto, este escenario ten a súa orixe na primavera, cando as chuvias abundantes favoreceron o crecemento da vexetación. A isto sumóuselle un mes de xuño con temperaturas anormalmente altas e unha vaga de calor prolongada dende comezos de agosto, que xuntamente crearon “o escenario perfecto para incendios simultáneos”.
Eduardo Rojas Briales, profesor da Universitat Politècnica de València, achega máis datos: “En termos de biomasa, o crecemento foi máis intenso, alcanzando o 160%“. Isto se produce froito da expansión espontánea e o abandono rural, especialmente en zonas de montaña.
Deste xeito, a gravidade dos incendios faise evidente para os científicos, que buscan explicacións ao fenómeno e propoñen solucións. Fernando Ojeda, catedrático do Departamento de Bioloxía da Universidade de Cádiz, explica que “os técnicos de extinción falan de incendios de sexta xeración ou megaincendios e sinalan o cambio climático e a acción humana, intencionada ou accidental, como responsables da súa ignición”.
Como medida de prevención, a súa compañeira e investigadora do Departamento de Bioloxía-IVAGRO da Universidade de Cádiz destaca a importancia de mellorar a xestión preventiva do combustible, co obxectivo de reducir a extensión e gravidade dos incendios, como os que están a asolar Galicia. “É necesario adaptar a ordenación territorial ao clima do futuro, xerando paisaxes en mosaico e evitando a construción de casas en zonas de alto risco de lume”, conclúe.














