A calidade e a saúde das augas fluviais é unha das principais preocupacións a nivel medioambiental e está dentro dos obxectivos marcados pola Unión Europea para paliar as consecuencias do cambio climático e da contaminación que provén de diversas fontes. Nesta liña, a existencia de barreiras, como presas ou encoros, provoca unha degradación das augas e, polo tanto, dos ecosistemas e da vida ligada a estes.
Carlos García de Leaniz, catedrático de Bioloxía Acuática na Universidade de Swansea (Reino Unido), é un dos maiores expertos do mundo en salmónidos, que sofren actualmente graves ameazas para a supervivencia da súa especie. García de Leaniz incorporarase ao Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo o próximo mes de outubro grazas ao programa ATRAE para desenvolver un proxecto para optimizar a restauración da conectividade fluvial en escenarios de escaseza de datos.
—Por que escolleu a Universidade de Vigo para participar no programa ATRAE?
—Eu xa traballara en Galicia nalgunha outra ocasión e, en concreto, teño compañeiros traballando na área de Bioloxía da universidade. De feito, dende hai moitos anos existe un convenio entre a Universidade de Swansea e a de Vigo, de maneira que dentro do meu traballo tamén hai unha estreita colaboración entre ambas. Por outra banda, é unha institución relativamente nova e con moito entusiasmo, polo que me parecía a ideal para desenvolver o meu proxecto.
—Precisamente vén para desenvolver un proxecto para optimizar a restauración da conectividade fluvial. En que consiste isto exactamente?
—A perda de conectividade fluvial é un dos factores estresantes dos problemas que teñen os ríos, non só en España, senón en todas partes. Consiste na fragmentación ocasionada por barreiras artificiais como presas, vaos ou comportas, impedindo o movemento das especies, o sedimento e da auga. Isto fai que os ecosistemas fluviais queden illados e que sexan moito máis vulnerables fronte a presións locais, como a contaminación. No caso das especies migratorias tamén impide que poidan desenvolver o seu ciclo vital posto que non poden chegar ás cabeceiras dos ríos, onde están normalmente os mellores hábitats para a especie. Este sería o caso do salmón. Por iso dicimos que un río san é un río fluínte.
—Como se poden modificar os ecosistemas cando aparecen estas barreiras?
—Principalmente, as augas fluíntes acaban por converterse nunha sucesión de pequenos ou grandes pantanos nos que se van acumulando sedimentos. Isto ten repercusión no propio río, mais tamén no estuario e no ecosistema mariño. Os ríos son cintas transportadoras de sedimento e de enerxía desde a súa cabeceira ata o estuario, de maneira que, ao verse interrompida, o aporte desaparece, ou é menor. Isto afecta ao ecosistema, mais tamén a milleiros de persoas que dependen destes para sobrevivir.
No caso das especies migradoras, que nalgúns casos utilizan dous ecosistemas —fluvial e mariño— para desenvolver o seu ciclo vital, se ven interrompido este camiño non poden acceder ás cabeceiras dos ríos. Así, a súa área de distribución queda enormemente reducida e isto fai que sexan máis vulnerables a calquera tipo de cambio no ecosistema, ben polo cambio climático ou ben por problemáticas puntuais de contaminación. Para que estas especies migradoras poidan sobrevivir, sendo ademais as máis ameazadas que hai en Europa, é fundamental que poidan ter acceso ao maior número de tramos do río que sexa posible. Con respecto a outras fases do ciclo, como son os xuvenís, funciona á inversa: aqueles que viven no río e teñen que chegar ao mar. Todo isto con respecto ás especies anádromas, aquelas que nacen no río e utilizan o mar para medrar. Hai outras especies como a anguía, que funcionan ao revés —nacen no mar, mais migran ao río—, e que se vén afectadas da mesma maneira.
—A Unión Europea marca un obxectivo de 25.000 quilómetros de fluxo libre. Cales son as dificultades actuais para acadalo?
—Moitísimas. En primeiro lugar porque non temos definido que é un río de fluxo libre. Isto é un enorme problema porque precisamos indicadores que nos permitan saber se eses obxectivos están a cumprirse ou non. É un tema moi complexo. Por exemplo, se falamos de 25.000 quilómetros de fluxo libre, referímonos a 25.000 tramos de 1 quilómetro? Falamos de 2.500 tramos de 10 quilómetros? Cal é a lonxitude mínima que temos que preservar de fluxo libre para que poidamos contabilizar esas metas? Como se reparten os 25.000 quilómetros entre os países membros da Unión Europea? E en que dimensión se mide? A Unión Europea insiste en que non só debemos fixarnos nas barreiras lonxitudinais, como presas, senón tamén laterais, aquelas que impiden o movemento da auga desde o seu leito ata a chaira de asolagamento. Polo tanto, é moi importante contabilizar esas barreiras laterais, mais tampouco sabemos ben como facelo. Neste proxecto que estamos poñendo en marcha grazas ao programa ATRAE intentamos achegar o noso gran de area neste sentido.
—Cales son os principais obxectivos para os catro anos que durará o proxecto?
—A principal premisa é intentar desenvolver ferramentas que permitan a toma de decisións cando hai escaseza de datos. Indo ao concreto, como podemos intentar conseguir estes 25.000 quilómetros de ríos de fluxo libre cando os inventarios de obstáculos e barreiras son deficientes e non están completos? Esta é unha realidade. Nós sabemos que en Europa hai 1,2 millóns de barreiras, mais a incerteza é moi grande. Poden ser ata 3,8 millóns. Isto é algo que temos comprobado con datos de campo: habitualmente subestiman o número de barreiras, practicamente nun 100%. É dicir, por cada barreira que hai nos inventarios, normalmente hai cando menos outra máis da cal non temos constancia, ben porque sexa moi nova ou ben porque sexa moi pequena e non se tivera en conta ata o momento.
Como é posible restaurar a conectividade fluvial nunha conca se non temos inventarios precisos e fiables? Por este motivo, no proxecto intentamos determinar cal é o atallo que se pode utilizar cando nos atopamos un grao tan elevado de incerteza. Esta é, en gran medida, a realidade da bioloxía da conservación. Nunca temos tantos datos como nos gustaría, mais se nos pasamos toda a vida tomando datos nunca fariamos nada. Hai que idear estratexias que permitan ter en conta esta incerteza da maneira máis eficiente posible. A idea, polo tanto, é como podemos dimensionar e cuantificar a fragmentación fluvial e a restauración desa conectividade en escenarios de escaseza de datos.
“A fragmentación dos ríos é a principal causa do declive dos peixes migradores en Europa”
—O proxecto pode continuar unha vez rematado este período de catro anos?
—A idea do programa ATRAE é esa, que despois de catro anos cunha axuda do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, sexamos quen de crear un grupo de traballo que continúe con esta disciplina, se todo sae ben. Sería moi bonito porque eu creo que agora mesmo en España non hai ningún outro sitio a nivel institucional onde se traballe esta cuestión.
—Falaba antes da situación do salmón e, precisamente en ríos como o Ulla, cada ano percíbese unha maior escaseza.
—O problema do salmón é que habita dous tipos de ecosistemas e, polo tanto, está afectado por problemas tanto na auga doce como na salgada. No Ulla en concreto está a traballarse desde hai moitos anos. Vimos de facer unha estimación dos límites de conservación e o certo é que non é moi diferente a situación con respecto a outros ríos de España, ou incluso do sur de Europa. Sempre son os mesmos problemas: fragmentación fluvial, perda de calidade de hábitat, perda de calidade da auga, contaminación, cambio climático, escaseza de caudal, temperaturas demasiado elevadas, falta de refuxios térmicos nos ríos, enfermidades infecciosas agravadas por tamaños de poboación que xa son moi pequenos…
O que sucede é que o salmón en Galicia e no norte de Portugal está no límite meridional da especie, polo que son poboacións moi ameazadas. Evidentemente, o aumento das temperaturas a raíz do cambio climático fai que estas poboacións, que xa están nunha situación extrema, estean aínda máis ameazadas agora e no futuro. Iso é indubidable. Son poboacións que levan moitos anos adaptadas a estas condicións, mais o que non sabemos é canto máis van poder aguantar no futuro. Ata que aumento de temperatura van poder sobrevivir? Non o sabemos. Son poboacións que sempre foron pequenas, en comparación con outras e tendo en conta que antes eran maiores do que son agora, e o que sucede é que a situación cada vez é máis extrema. Por outra banda, é certo que o Ulla ten problemas concretos, como é o encoro de Portodemouros ou as minas de Touro, mais son problemas que observamos tamén noutros lugares, polo que a situación do salmón aquí é moi similar á doutros ríos.
—Que se pode facer para paliar esta situación?
—No que respecta á parte mariña non temos moito control, practicamente ningún. Sobre o que si temos control é na parte de auga doce. E non se trata de volver inventar a roda. É cuestión de sentido común, e cada vez os datos que temos e a ciencia déixano máis claro. O que esta especie precisa é caudal, calidade de auga e calidade e cantidade de hábitat. Todo o que sexa reconectar ríos, manter caudais mínimos, coidar a calidade da auga… En definitiva, todo o que implique reducir causas de mortalidade vai axudar. Vai ser suficiente? Non o sabemos. Do que non temos ningunha dúbida é de que a principal causa do declive dos peixes migradores en Europa é a fragmentación dos ríos. Na conservación do salmón pasouse nos últimos 50 anos da idea de que a situación podía reverterse a base de repoboacións á darnos de conta de que todo pasa por mellorar o hábitat ou, cando menos, que non se siga deteriorando. Na medida que sexamos quen de reducir as causas de mortalidade a especie terá maior posibilidades de sobrevivir ou de que a súa poboación aumente.














