Publicidade

Unha científica galega advirte en ‘Nature’ do aumento de colapsos en pontes

A deterioración dos materiais, as sobrecargas de vehículos e trens, e os fenómenos extremos intensifican o dano que sofren as infraestruturas

Os riscos de colapso de pontes son reais e irán a máis. Así se expón nun artigo publicado este martes na revista Nature no que un equipo internacional de especialistas, entre eles a profesora e investigadora da Universidade de Vigo (UVigo) Belén Riveiro, advirten da elevada probabilidade de que os danos a este tipo de infraestruturas, polas que día a día cruzan centos de miles de persoas, se intensifiquen debido a múltiples factores, entre eles, a deterioración dos materiais cos que foron construídos, a evolución dos vehículos e os trens que os cruzan —con cargas moito maiores das que se consideraban cando foron concibidos— e a presenza cada vez máis habitual de fenómenos meteorolóxicos extremos.

Conscientes de que os derrubamentos de pontes acontecen con relativa frecuencia —na mente colectiva está o colapso da ponte Francis Scott Key de Baltimore o pasado mes de marzo— e do importante número de mortos e feridos que provocan, os autores e autora deste estudo apremian a “abordar urxentemente” os retos aos que se enfronta a enxeñería estrutural, en particular, no que atinxe ás pontes.

Publicidade

Neste senso, urxen tomar medidas que garantan a seguridade deste tipo de infraestruturas, medidas que, ao seu xuízo, deben pasar pola incorporación de novas tecnoloxías de monitorización estrutural que permitan avaliar en tempo real as condicións de seguridade (“tal e como acontece noutras industrias como a da automoción e a aviación”), a actualización e harmonización da normativa de deseño e avaliación, “xa que a maioría dos códigos e estándares de seguridade actuais están centrados no deseño das pontes novas, non en avaliar a seguridade das envellecidas” e o incremento notable das medidas de prevención e mantemento para que, no caso de acontecer un evento extremo, se poidan mitigar ou minimizar as súas consecuencias.

Falla de mantemento e sobrecarga da estrutura

No artigo publicado en Nature —o xoves sairá a versión impresa— faise unha análise a través das consecuencias directas e indirectas provocadas polo colapso e/ou interrupción do servizo de pontes en servizo, así como polas principais causas que provocaron colapsos durante condicións de operación que deron lugar a consecuencias catastróficas. “Dentro destas causas sempre están as accidentais, que son moi difíciles de predicir e, polo tanto, obrigan a dispoñer de medidas de mitigación tales como o establecemento de áreas de protección que impidan que vehículos poidan chegar a colisionar con elementos estruturais críticos”, explica Riveiro. 

Publicidade

Non obstante, o estudo defende que as estatísticas demostran que a maior parte dos colapsos con consecuencias catastróficas ocorren debido á falla de mantemento ou sobrecarga da estrutura, tal e como aconteceu no ano 2018 cando o Viaduto de Polcevera (Xénova) colapsou provocando 43 vítimas mortais. “Neste contexto é onde se atopan os grandes desafíos da enxeñería de pontes, dado que existe unha grande incerteza acerca das condicións reais futuras nas que estarán traballando estas estruturas”, explica a investigadora da UVigo.

Isto débese non só á evolución das cargas operacionais (peso e frecuencia de vehículos), senón tamén ás propias condicións ambientais nas que estas estruturas estarán traballando a 50 ou 100 anos vista. “Estas últimas inquedanzas vense ademais especialmente agravadas polos posibles efectos do cambio climático, con cada vez máis frecuentes fenómenos meteorolóxicos extremos e con maiores ratios de degradación dos materiais”, subliña a experta.

As medidas en catro bloques

Para abordar os desafíos aos que se enfrontan as pontes existentes, o equipo responsable deste estudo propón traballar en torno a catro piares fundamentais: dispoñer de modelos de estimación de cargas ambientais e operacionais futuras máis precisos; dispor tamén de modelos máis precisos acerca dos efectos do cambio climático nos procesos de deterioro que afectan ás estruturas; a harmonización dos procedementos de análise e interpretación de datos de monitorización estrutural, e dispor de ferramentas de toma de decisións dinámicas que permitan optimizar a información que se pon a disposición dos xestores de infraestruturas.

Traballo da UVigo e da Politécnica de Valencia

Xunto a Belén Riveiro, investigadora do grupo de Xeotecnoloxías aplicadas, adscrito Centro de investigacion en tecnoloxías, enerxías e procesos industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo (UVigo), asinan o artigo José M. Adám, Nirvan Makoond e Manuel Buitrago, investigadores do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía do Formigón, Icitech, da Universidade Politécnica de Valencia.

O colapso da ponte Francis Scott Key en Baltimore o pasado mes de marzo é un dos últimos exemplos deste tipo de incidentes. Foto: Kevin Dietsch/Getty

O artigo recolle parte dos resultados do proxecto Pont3, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e no que tamén participa a Universidade Politécnica de Cataluña. “Este traballo busca desenvolver un achegamento holístico e economicamente eficiente que permita anticipar a propagación de fallos locais en pontes envellecidas, de cara a evitar que terminen colapsando en condicións de operación”, explica a investigadora.

Rede nacional de monitoraxe e inspección

Froito destes traballos conxuntos, así como da traxectoria acumulada destes grupos de investigación no eido das pontes, xurdiu tamén a rede nacional Monitorización e Inspección para la Evaluación de Estructuras en Servicio-MonitoRED, coordinada por Belén Riveiro e integrada polas tres universidades xa mencionadas xunto con outros oito grupos con ampla traxectoria en enxeñaría de estruturas. “Na rede tratamos de analizar cales son os principais retos á hora de transmitir o coñecemento que se está a desenvolver no ámbito académico para a súa aplicación na práctica da enxeñaría civil”, salienta a coordinadora.


Referencia: Risks of bridge collapses are real and set to rise — here’s why (Publicado en Nature)

Podes ler o artigo da DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un innovador sistema galego recolle auga do orballo para loitar contra a seca

O método deseñado por científicos da UVigo en colaboración con institucións francesas baséase no xeito en que as plantas recollen pola noite o resío

A fascinante historia do brazalete milenario de Toén que se fundiu para financiar a Guerra Civil

Un estudo da UVigo reconstrúe a andaina dunha xoia prerromana dende que foi descuberta nunha finca particular en 1932 ata a súa desaparición

O investigador dos últimos neandertais de Galicia: “Nin tan brutos nin tan parvos. Eran humanos, coma nós”

O autor do estudo que reconstrúe o clima das Serras Orientais de hai 40.000 anos analiza os desafíos da investigación ante a escaseza de xacementos

Un traballo pioneiro sobre fisión nuclear con participación galega publícase en Nature

Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías colaboraron nun estudo que ofrece un mapa detallado dunha nova illa de fisión asimétrica