Un estudo galego descobre a primeira cirurxía oncolóxica nun cranio exipcio de 4.000 anos

O historiador da USC Edgard Camarós demostra que nas sociedades antigas xa se intentaba tratar ou explorar o cancro

Un home de entre 30 e 35 anos faleceu no Exipto de hai 4.000 anos. E o seu cranio, custodiado na Universidade de Cambridge, agocha un segredo: é a proba da primeira cirurxía oncolóxica da historia. Así o corrobora un estudo liderado dende Galicia polo investigador Edgard Camarós e que acaba de ser publicado na revista Frontiers in Medicine. “Este achado é unha proba única de como a antiga medicina exipcia tentaría tratar ou explorar o cancro”, apunta o experto da Universidade de Santiago (USC). Durante o estudo do cranio, Camarós indentificou incisións arredor das lesións canceríxenas, o que evidencia que as sociedade exipcia de hai 4.000 anos non só coñecía o cancro, senón que trataba de operalo e entendelo como enfermidade. “Este descubrimento xa é un fito da historia da medicina“, apunta o investigador da USC.

Malia que Camarós traballa actualmente na institución compostelá, desenvolveu parte da súa carreira profesional en Cambridge, onde coñeceu a existencia de dous cranios datados no antigo Exipto. Estes restos óseos pertencen á colección Duckworth, conservada na histórica cidade inglesa. A primeira evidencia que investigou Camarós foi un cranio e unha mandíbula denominados 236, que pertencían a un home de entre 30 e 35 anos que puido vivir entre os anos 2687 e 2345 a.C. Despois da observación microscópica, atopouse unha lesión de gran tamaño que amosaba unha destrución excesiva de tecido. É dicir, o que se coñece medicamente como neoplasia. O cranio tamén presentaba arredor de 30 pequenas lesións metastásicas.

Publicidade

O máis curioso da investigación non foi atopar os danos causados polo tumor, senón unhas marcas de corte arredor das lesións. Segundo apuntan no estudo, probablemente se fixeron cun obxectivo afiado e metálico. Este achado evidencia que os antigos exipcios realizaron algún tipo de cirurxía relacionada coa presenza de células cancerosas, o que demostra que a medicina da época xa trataba de buscar unha solución a esta doenza. Con todo, Camarós recoñece que non se pode aclarar se as incisións se fixeron mentres o home estaba vivo ou unha vez que xa morrera. “Aínda que cientificamente exista esta ventá de tempo, segue sendo interesante. Se a intervención se fixo en vida, falamos dun tratamento que busca, aínda sen éxito, tratar o cancro. Se se levou a cabo co paciente xa falecido, estamos ante unha autopsia”, explica o tamén investigador do Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

O segundo cranio que estudaron é moi posterior ao primeiro, dado que está datado entre os anos 663 e 343 a.C. Denominado como E270, pertenceu a unha muller de máis de 50 anos. O seus restos presentan unha gran lesión cranial atribuída a un tumor que provocou a destrución ósea da zona. Esta segunda evidencia, en opinión dos asinantes do artigo, demostra que o cancro non só é unha patoloxía común no presente polo estilo de vida e o elevado índice de avellentamento, senón que era unha enfermidade coñecida no pasado. Con todo, o que máis chamou a atención de Camarós e o seu equipo foi o descubrimento de dúas feridas curadas asociadas a lesións traumáticas no cranio E270. Estas contusións, segundo as hipóteses que se barallan, poderían atribuírse a unha cirurxía exitosa. Con todo, son feridas pouco comúns nas mulleres, dado que se asocian a episodios de violencia en homes. Dende o equipo pregúntanse se esta paciente estivo involucrada nalgún tipo de actividade bélica e, de ser así, talvez haxa que repensar o papel das mulleres nos conflitos do pasado.

Publicidade

O coñecemento da medicina no antigo Exipto

O investigador da USC e do CISPAC e líder do estudo, Edgard Camarós.

Malia o sorprendente do achado, dado que demostra as inquedanzas dos antigos exipcios por coñecer máis en profundidade o cancro, os autores do estudo recoñecen que esta sociedade era “excepcionalmente hábil en medicina”. De feito, Camarós fai referencia ao Papiro de Edwin Smith, un tratado médico de hai 3.600 anos nos que se describen e se diagnostican 48 casos. Un deles, o número 45, “identifica á perfección un cancro de mama”. Con todo, o documento deixa claro que se trata dunha enfermidade sen cura nin tratamento. “Isto é interesante porque demostra os límites do coñecemento exipcio, pese a que eran capaces de amputar, de facer craniotomías e outro tipo de tratamentos médicos moi complexos”, engade o investigador da USC. Polo tanto, este artigo publicado en Frontiers en Medicine deixa constancia da “curiosidade exploratoria” dos exipcios, que xa posuían daquela unha palabra para designar os tumores.

Este achado abre unha fascinante liña de investigación para entender o cancro dende o punto de vista da evolución humana, onde Camarós centraba o seu traballo en Cambridge e está a continuar agora en Santiago. O seguinte obxectivo é atopar máis casos de tratamentos ou intervencións cirúrxicas asociadas a enfermidades como o cancro. “Sabemos que se comezou a tratar esta doenza hai 4.000 anos grazas ao estudo deste cranio, sobre o que se fixo unha especie de ensaio-erro“, detalla o experto. O seu traballo consiste, precisamente, en ir a museos e xacementos arqueolóxicos onde as lesións dos restos óseos poidan coincidir co que hoxe en día se coñece como cancro. Así foi como comezou esta investigación, que talvez obrigue a reescribir a historia da medicina.


Referencia: Boundaries of oncological and traumatological medical care in ancient Egypt: New palaeopathological insights from two human skulls (Publicado en Frontiers in Medicine)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás